Denuncian a falta de transporte ao campus de Pontevedra nos primeiros días de curso

07 de setembro 2022
Actualizado: 18 de xuño 2024

A organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza expresa a súa desconformidade fronte a decisión de Monbus de non restablecer a liña que une o campus de Pontevedra coa cidade de Vigo nestes primeiros días de curso por “non saír rentable”.

A organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza expresa a súa desconformidade fronte a decisión de Monbus de non restablecer a liña que une o campus de Pontevedra coa cidade de Vigo nestes primeiros días de curso por “non saír rentable”.

Co comezo do curso 22-23 a organización estudantil recibiu queixas por parte do estudantado de Pontevedra procedente de Vigo ao atoparse sen o habitual transporte para acudir á universidade. “É unha vergoña que haxa persoas que teñan que perder os primeiros días de aulas ou buscar outros medios de transporte moito menos económicos porque hai unha empresa que se nega a dar o servizo” sinalou Marina Coego, responsábel da zona de Pontevedra.

A organización estudantil considera que esta situación pon de manifesto a falta de medios de transporte público, unha problemática que, segundo denuncian “é agravada cando unha empresa privada pon por diante os seus beneficios económicos fronte ao servizos que debería ofrecer”.

Destacan tamén que é a Xunta de Galiza quen debe realizar a concesión administrativa destas liñas e atopan incomprensible que, en setembro e co curso escolar iniciado, este traballo estea sen facer. “É unha mostra máis do abandono do ensino público por parte do Partido Popular” denuncia Marina.

Erguer. Estudantes da Galiza agarda que o servizo se restableza o antes posible, para que o alumnado poida acudir ás aulas con plena normalidade.

 

Erguer. Estudantes da Galiza