Costas levanta a paralización das obras na praia da Banda do río

04 de maio 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Anduxia, a asociacion ecoloxista de Bueu, considera lamentable e indignante o cambio de postura de Costas do Estado que, despois de paralizar as obras porque consideraba necesario un informe de adscrición xa que afectan a praia, agora di que en realidade non facía falta e que poden continuar sen problema.

Costas levanta a paralización sobre as obras de acceso o peirao de pasaxeiros de Bueu que estaba a acometer Portos de Galicia e que implican o recheo de 80m2 da praia da Banda do Rio.

Anduxia, a asociacion ecoloxista de Bueu, considera lamentable e indignante o cambio de postura de Costas do Estado que, despois de paralizar as obras porque consideraba necesario un informe de adscrición xa que afectan a praia, agora di que en realidade non facía falta e que poden continuar sen problema.

A situación é a mesma que hai un mes, polo que semella claro que este cambio de "opinión" de Costas seguramente está relacionado coa recente ameaza de Portos de Galicia de continuar as obras con ou sin permiso, o que provocaría un conflito político entre administracións.

Entendemos que Costas do Estado neste caso falla na súa función de policía para salvagardar as as praias e o dominio público marítimo-terrestre.

Os supostos argumentos de Costas (que lemos nos medios de comunicación) para permitir continuar as obras; "no suponen una modificación sustancial de la zona y se entiende que la ocupación de una franja del arenal es compatible con los usos pretendidos" carecen totalmente de sentido, pois o recheo de 80m2 de praia si é uha modificación sustancial da zona e a ocupación dun areal para un acceso por non quitar aparcamentos colindantes non se pode entender como algo compatible.

Lembramos de novo que Portos de Galicia no seu propio proxecto da obra di que é necesario o permiso da Dirección Xeral de Costas porque as obras ocupan dominio público.

Tamén lemos que Portos di agora que esta paralización causaría "graves perjuicios" xa que os traballos están vinculados "a la seguridad de la actividad portuaria, afectando a la seguridad del acceso, peatonal y rodado, en interacción con la actividad industrial" . Iso deberían telo pensado antes de comezar as obras sen permiso. Ademais non existe ningunha afección a seguridade peonil ou rodada xa que a situación do peirao e a mesma que antes de comezar as obras.

Por moito que interprete Portos (e agora Costas) esta asociación mantén que atendendo a lei de costas si é necesario permiso xa que as obras supoñen un recheo da praia sen xustificación e existen numerosos alternativas que permiten o acceso o peirao de pasaxeiros polo firme do peirao colindante (enviadas por esta asociación a Costas, Portos, Concello e medios de comunicación).

Consideramos lamentable tamén a actitude do Concello de Bueu que unicamente semella estar interesado en non perder a Bandeira Azul e que as obras estean rematadas no verán para cando cheguen os turistas. A pesar que no pleno do pasado martes o alcalde dixo que estaba en desacordo coa ocupación da praia e que ía tratar de facer as xestións oportunas para evitala, o concello nunca fixo nada por tratar de solucionar esta situación.

Esta asociación tivo que loitar totalmente soa para tratar de evitar este recheo, mentres o Concello de Bueu mirou para outro lado en todo momento a pesar de tratarse do areal emblemático do goberno municipal. 

Tampouco nos vale o que o Concello diga que o fin último é mellorar a accesibilidade cando existen outras alternativas que non tocan a praia e simplemente pasan por quitar aparcamentos.

Por ultimo, sinalar que é triste que Portos de Galicia siga dando as costas a realidade social deste pobo e opte por rechear a praia en vez de aplicar as alternativas presentadas polos colectivos que permitirían o mesmo acceso pero sen quitar praia.

Seguramente levados por unha absurda "cabezonería" na que entenden que facerlle caso a sociedade sería amosar debilidade por parte da administración pública.

Asi mesmo Portos de Galicia segue a ser a administración que mais danos causa no litoral de Bueu, despois das desfeitas de Pescadoira e Beluso agora quítanos un cacho da Banda do Rio.