A Asociación Si, hai saída condena o crime machista de Ribeira e, unha vez máis, incide na sensación de impunidade dos feminicidas.
Desde a Asociación Si, hai saída expresamos a nosa rotunda condena ante o asasinato machista cometido en Palmeira, no municipio coruñés de Ribeira, no que unha muller de 26anos foi asasinada, presuntamente, pola súa parella.
Este é o sétimo asasinato machista cando aínda non rematou o mes de Marzo, que deixa un meniño orfo, e cando aínda non transcorreron nin 48 h. desde que a violencia vicaria se cobrara a vida de dúas nenas, de 2 e 4 anos en Almería.
A situación, no que atinxe a violencia de xénero, é absolutamente dantesca, e, malia que no caso de Ribeira non existían, tal como se apresuraron a aclarar, denuncias previas, nin a vítima se atopaba, porén, incluída no sistema VioGén, si proliferan os casos nos que si existen, e mesmo as vítimas contan con medidas de protección en vigor, o cal non evita os reiterados feminicidios, polo que, desde Si, hai saída poñemos, unha vez máis, o foco de atención, ademais de nas evidentes e graves deficiencias na protección das vítimas e no practicamente nulo seguimento aos agresores na sensación de impunidade destes potenciais asasinos que, os predispón a delinquir.
Así mesmo, desexamos incidir na importancia da colaboración da cidadanía, a que, unha vez máis, pregamos colaboración e que se dea a voz de alarma ante a sinxela sospeita de que se estea a dar unha situación de violencia de xénero, xa que, de novo, reiteramos a imperiosa necesidade de concienciarse de que, unha sinxela chamada de teléfono, pode salvar unha ou máis vidas.
Non se poden tolerar actuacións tan miserentas como, por poñer tan só un exemplo, o acontecido en Barro (Pontevedra), onde Jéssica Méndez, tras sufrir durante case unha década o acoso constante do seu veciño, José Eirín, do que toda a contorna da rapaza era coñecedor, incluídos a súa propia familia e a súa parella, malia o cal ninguén fixo nada, sendo finalmente asasinada por este.
A xustiza, entendemos, debería ser tan rigorosa co executor material do crime como cos que, sabendo, calaron, e, en consecuencia, colaboraron no seu asasinato.
Nada, repetimos por enésima vez, predispón tanto a delinquir como a sensación, plenamente xustificada, ademais, de impunidade.