Cerdedo no Museo de Pontevedra

31 de decembro 2024

​​​​​​​A colección artística do Museo de Pontevedra contén sete obxectos vinculados con Cerdedo de incuestionábel valor histórico

Emprego a colaboración de hoxe para informar os lectores da existencia na colección artística do Museo de Pontevedra de sete obxectos vinculados con Cerdedo. Non se consideraron para o presente, os fondos bibliográficos, gráficos e documentais da institución museística.

Deseguido, enumero e comento os elementos aludidos, sendo seis deles debuxos, mentres que dous se corresponden con obxectos tridimensionais. A saber:

 

A ponte de Pedre

 

1º) Denominación do ben: "A ponte de Pedre". Debuxo a lapis da face posterior da medieval ponte de Pedre (nº de inventario: 405-3), realizado in situ no ano 1907 polo pontevedrés Henrique Campo Sobrino (1890-1911). A imaxe da ponte acompáñase de sete signos lapidarios (marcas de canteiro), anotados polo debuxante na parte superior da lámina: "Signos que se ven en las piedras de los arcos". Dimensións do soporte (papel): 14’70 cm de alto, 19’30 cm de ancho. No debuxo, a ponte aparece desposuída de boa parte dos peitorís.

Ponte de Pedre, arquitectura baixomedieval (século XIII) sobre o río Lérez; tres ollos desemellantes (dous e mais aliviadoiro) baixo bóvedas lixeiramente apuntadas. Ponte dotada de cruz (obxecto de roubo), tallamares, contrafortes e peitorís.

Espazo histórico, lendario e ritual: ponte feita polos romanos ("ponte romana"); ponte medieval: ponte deseñada polo mestre canteiro Petrus Petri (Pedro de Pedre), proxenitor do Mestre Mateo; innúmeras marcas de canteiro; escenario do bautismo prenatal (enxembramento); escenario do demo burleiro; fito do itinerario da Pantalla; fito do itinerario Xacobeo; inscricións fundacionais advertidas polo padre Sarmiento en 1745 nalgún dos perpiaños da ponte; lugar onde se suicidou Rosiña de Pedre (episodio da francesada, marzo de 1809); gravado de Manuel Carballal, veciño do Serrapio, no vértice do piso da ponte (ano 1937); traslado do muíño de Sieiro (edificio anexo) a Codeseda (A Estrada) por mor do proxecto de construción do macroencoro de Dorna (anos 1986-7); espolio da cruz da ponte e da cruz da encrucillada, formantes dun posíbel viacrucis que unía as aldeas de Pedre e O Serrapio...

 

Signos lapidarios da ponte de Pedre

 

2º) Denominación do ben: "Signos lapidarios de la provincia de Pontevedra". Co número de inventario 828-106, damos razón dunha folla de papel manuscrita (lapis e tinta negra), da autoría de Campo Sobrino e datábel cara ao ano 1909. O soporte posúe unhas dimensións de 16’10 cm de alto e 24’70 cm de ancho. Na sección superior da folla, o debuxante reproduciu a lapis, baixo o epígrafe "Puente de Pedre = Pontevedra", 13 signos lapidarios gravados na ponte de Pedre. Cremos que as 13 marcas de canteiro observadas na Pontapedre e reproducidas nesta lámina son froito do traballo de campo efectuado polo autor dous anos antes.

A ponte de Pedre, debuxo de H. Campo Sobrino, 1907 (Museo de Pontevedra).
A ponte de Pedre, debuxo de H. Campo Sobrino, 1907 (Museo de Pontevedra).Museo de Pontevedra
Gliptografía da ponte de Pedre (sup.), apuntamentos de H. Campo Sobrino, c. 1909 (Museo de Pontevedra).
Gliptografía da ponte de Pedre (sup.), apuntamentos de H. Campo Sobrino, c. 1909 (Museo de Pontevedra).Museo de Pontevedra

Ponte de Santo Antonio

3º) Denominación do ben: "Ponte de San Antonio. Cerdedo". O terceiro dos debuxos, da autoría de Campo Sobrino, ofrécenos a face anterior da ponte medieval de Cerdedo (ou de Santo Antonio). Nº de inventario: 405-4. O debuxo foi realizado in situ polo autor no ano 1907. A técnica empregada –lapis– plasmouse sobre un soporte –papel– de dimensións 14’70 de alto, 19’30 de ancho. No debuxo sobresae a cruz que aínda hoxe se ergue sobre os peitorís centrais da face posterior da ponte.

Ponte de Cerdedo (ou de Santo Antonio), arquitectura medieval (século XII, reconstruída no XVII) sobre o río do Castro, afluente do Lérez; dous ollos asimétricos (un e mais aliviadoiro): o ollo central, baixo bóveda lixeiramente apuntada. Inscrición fundacional gravada na cara interior dos peitorís anteriores. Ponte dotada de cruz, tallamares e peitorís.

Espazo histórico, lendario e ritual: ponte feita polos romanos ("ponte romana"); ponte medieval, infraestrutura da ancestral Verea Vella; construída polo mestre canteiro Diego Saidoso (século XII); reconstruída polos canteiros Pedro Fortes e Pedro de Covelo (século XVII); conxunto arquitectónico: ponte, capela de Santo Antonio e cruceiro de ánimas; escenario do bautismo prenatal (enxembramento); fito do itinerario da Pantalla; escenario da esconxura do mal do aire; escenario do Home-troita (A Insua); gurgullo de augas caldas e salutíferas (antigos píos e bañeiros)...

A ponte de Santo Antonio, debuxo de H. Campo Sobrino, 1907 (Museo de Pontevedra).
A ponte de Santo Antonio, debuxo de H. Campo Sobrino, 1907 (Museo de Pontevedra).Museo de Pontevedra

 

Brasón do pazo de Chamadoira

 

4ª) Denominación do ben: "Escudos de armas de una casa de Chamadoira, Cerdedo (Pontevedra)". O cuarto dos debuxos (nº de inventario: 828-515), tamén da autoría de Campo Sobrino, é unha reprodución a lapis da pedra armeira do pazo de Chamadoira. A lámina elaborouse in situ cara ao ano 1908. Dimensións do soporte (papel): 22’10 cm de alto e 16 cm de ancho. O debuxo acompáñase da seguinte aclaración manuscrita do autor:

"Todos los trazos negros representan relieves. La parte superior de la cimera o casco figuran lambrequines o penachos, que no los he dibujado porque desde el suelo no se veían y escalera no había en la casa.

En la zona inferior izquierda de este escudo he dibujado un león; pero en el original, toda la cabeza está borrosa y no sé si es de león o de cualquier otro animal. A juz- [reverso] gar por los demás miembros que en el original se observan, la cabeza debe ser también de león. La melena que a este león le he puesto tampoco la tiene el original.

El adorno que falta poner a éste escudo es análogo al ya dibujado".

Brasón da casa-pazo de Chamadoira (parroquia de Cerdedo): Vállome para este punto do xa publicado en Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo (Solla, C.: 2002): O pazo de Chamadoira, sito no Lughar da Capela. O conxunto pacego abrangue as vivendas denominadas casa de Forlentina e casa de Cabanelas. Edificio do século XVIII. A casa de Forlentina, á esquerda do portal, presenta grande escudo coas armas dos Caamaño, Mariño e Castro (dimensións: 135 x 85 cm aprox.). A parede sur sostense sobre grosos piares e zapatas. A casa de Cabanelas, á dereita do portal, presenta encol dunha peaña unha estatua en pedra, orante, de Bartolomeu Cadavide García de Caamaño, crego fundador da capela (dimensións: 120 cm de alto aprox.).

Espazo histórico, lendario e ritual:pazo do século XVIII, obra atribuída á mestría de Pedro de Monteagudo (c. 1633-c. 1700); escudo dos Caamaño, Mariño e Castro; estatua orante de Bartolomeu Cadavide; vínculo con Manuel Barreiro Cabanelas (1867-1950), conde de Cabanelas ou conde de Covelo; capela de principios do século XVIII baixo a advocación de san Bertolameu; nun fornelo da portada exhíbese a imaxe do santo co demo pola cadea; o crego Bartolomeu Cadavide García de Caamaño (1645-1720), reitor de Salcedo (Pontevedra), foi o promotor do pazo e mais da capela; lenda da praga de lagostas sufocada polo santo: "O día de san Bertolameu ten o demo unha hora en por seu"; santo esconxurador da chispa (responso de san Bertolameu); santo acrecentador da colleita (mazarocas tributadas ao santo); o centeo bendicido de san Bertolameu aplaca o lume...

Os debuxos das pontes foron doados ao Museo por Ramona Sobrino Rivas, nai de Henrique Campo Sobrino. Os debuxos da gliptografía da Pontapedre e do escudo de Chamadoira pertencen á colección Casto Sampedro. Casto Sampedro Folgar foi o fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra (1894) e director do Museo de Pontevedra dende a súa fundación (1927) até o seu falecemento, acaecido en 1937.

Con 16 anos, Henrique Campo Sobrino foi nomeado debuxante, colaborador e socio de mérito da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e, pouco despois, correspondente da Real Academia de la Historia (Madrid). Campo Sobrino realizou os debuxos das pontes con 17 anos, o escudo de Chamadoira con 18 anos, e os apuntamentos gliptográficos con 19. Henrique Campo morreu prematuramente en Pontevedra en 1911, aos 21 anos de idade.

Escudo do pazo de Chamadoira, debuxo de H. Campo Sobrino, c. 1908 (Museo de Pontevedra).
Escudo do pazo de Chamadoira, debuxo de H. Campo Sobrino, c. 1908 (Museo de Pontevedra).Museo de Pontevedra
Escudo do pazo de Chamadoira.
Escudo do pazo de Chamadoira.Calros Solla

Igrexa de San Xoán de Cerdedo

5º) Denominación do ben: "Igrexa de San Xoán de Cerdedo (Pontevedra)". O quinto dos debuxos conservados no Museo de Pontevedra e vencellados con Cerdedo é un Castelao (nº de inventario: 2579-003). Afonso Daniel Castelao (1886-1950) debuxou cara a 1924 (aos 38 anos de idade) un carbón sobre papel verxurado da igrexa parroquial de Cerdedo. Dimensións do soporte (papel): 29’50 cm de alto e 38 cm de ancho.

Residindo en Pontevedra, é posíbel que Castelao se desprazar a Cerdedo co gallo dun mitin agrarista e, hospedado, na fonda de Durán (despois, A do Roxo), debuxase dende o balcón do antigo estabelecemento hostaleiro unha perspectiva do conxunto arquitectónico do templo e casa reitoral. Á esquerda da reitoral non hai indicio do edificio do asilo, xa que se comezou a construír en 1927. Albíscanse, si, nun segundo plano as lombas de Lourido e, de fondo, os cumes do monte do Seixo.

Ao fío, cómpre salientar que o debuxo que acompaña o relato de Castelao "A ponte vella" (1º libro de Cousas, 1926) é, ben seguro, a ponte de Santo Antonio de Cerdedo. A súa feitura debeu cadrar no tempo co debuxo do templo parroquial.

Igrexa parroquial de San Xoán Bautista: primitivo templo románico; ampliación de finais do século XVIII (1779 e ss.) promovida polo reitor Román Moas e Barreiro; os irmáns Xosé e Gregorio Neto foron os mestres canteiros artífices da reforma.

Espazo histórico, lendario e ritual: consonte o pobo, o templo orixinal edificouse sobre un lupanar; "Cerdediño, Cerdediño / Cerdediño prós amores / a fonte ao pé da estrada / e san Xoán no medio das torres" (copla popular); combate de san Xoán co Becho (dragón), lenda fundacional da parroquia: o Embigo do Becho; culto hexemónico do Ecce Homo (dende a súa adquisición, en 1777), talla de Gambino e/ou Ferreiro; os gavachos botaron ao chan a efixie do san Xoán torreiro (1809); tras o golpe de Estado de 1936, os franquistas de Cerdedo farán do Xesús flaxelado arma reboladiza; o Ecce Homo é avogoso do lume, das tormentas e da boa morte...

Igrexa de San Xoán de Cerdedo e casa reitoral, debuxo de Castelao, c. 1924 (Museo de Pontevedra).
Igrexa de San Xoán de Cerdedo e casa reitoral, debuxo de Castelao, c. 1924 (Museo de Pontevedra).Museo de Pontevedra

Muíño castrexo da Cerrada das Mámoas

 

6º) O primeiro dos obxectos tridimensionais ao que nos imos referir rexistrouse coa denominación: "Muíño manual (Cerdedo)". A peza (nº de inventario: 4441) é un pé de muíño de época castrexa, reutilizado como elemento construtivo nun valado da leira nomeada Cerrada das Mámoas, no monte de Cerdedo (monte de Abaixo). Foi atopado por Severino Bugallo Valiñas quen o doou ao museo. Peza de granito de 38 cm de diámetro, 35 cm de alto máx. Descoñecemos a data do seu achado e o xacemento arqueolóxico do que provén. Malia que descontextualizado, o pé de muíño pode ser índice dun poboado da Idade do Ferro aínda por descubrir, orixe do Cerdedo actual. Neste senso, non demoraremos retomar as exploracións tanto na Cerrada das Mámoas coma nos Aghorvellos (Agros Vellos), perto do núcleo urbano.

O cerdedés Severino Bugallo Valiñas, Severino do Forno (c. 1892-1981), de oficio panadeiro, foi un político republicano vítima da represión franquista.

Pé de muíño castrexo achado na Cerrada das Mámoas (Museo de Pontevedra).
Pé de muíño castrexo achado na Cerrada das Mámoas (Museo de Pontevedra).Museo de Pontevedra

Brasón do pazo das Raposeiras

 

7º) O segundo dos obxectos tridimensionais custodiado no Museo de Pontevedra é o escudo dos Gosende ou do pazo das Raposeiras (Meilide-Cerdedo). Chamoume a atención que, na web do museo, o buscador da colección artística non fose quen de discriminar a pedra armeira do capitán Gosende. Mais, o escudo estar está nas dependencias museísticas (nº de inventario: 2331). Xosé Millán, membro da Sociedade Arqueolóxica, xestionou a adquisición da peza. A operación de compra (unhas 25 pesetas) e traslado debeuse efectuar nos anos vinte do pasado século. O brasón dos Gosende, devanceiros do padre Sarmiento, está labrado no anverso da clave ou doela mestra do arco que armaba o portal de acceso ao recinto pacego. O propio Sarmiento (1745) describe a heráldica familiar: cuyas armas, que subsisten en dicha casa y copié el diciembre de 745, son una grande media luna, tres luceros y cuatro globos.

Luís Messía (Labras heráldicas del Museo de Pontevedra, 1991) anotou as dimensións da peza: alto: 45 cm, ancho: 35 cm. O escudo integrou durante anos a exposición lapidar disposta nas Ruínas de San Domingos (Pontevedra). Despois, foi retirado a dependencias interiores do museo.

Do 28 ao 31 de marzo de 2024, publiquei no xornal Faro de Vigo a colaboración intitulada "‘Cerdedo no tempo’, unha exposición imaxinada" (catro entregas). Dous dos sete obxectos enumerados aquí (o pé de muíño castrexo da Cerrada das Mámoas e o escudo do capitán Gosende) xa foran seleccionados co gallo da fantástica exposición. Á luz das novas achegas, os catro debuxos de Campo Sobrino e o debuxo de Castelao ocuparían xaora un lugar de honra na mesma. En copias enmarcadas, os cerdedeses deberiamoslles outorgar parede de realce nos nosos fogares.

Doela brasonada do capitán Gosende (Museo de Pontevedra).
Doela brasonada do capitán Gosende (Museo de Pontevedra).Museo de Pontevedra