CCOO reivindica que se garanta o dereito constitucional ao traballo das persoas con discapacidade

03 de decembro 2024

A fenda no emprego dos traballadores e traballadoras é insoportable socialmente

Ante a celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia demanda ás distintas Administracións que se garanta o dereito constitucional ao traballo das persoas con discapacidade, pois é o medio de teren unhas condicións de vida dignas.

Unha situación laboral inxusta

CCOO denuncia a dramática situación laboral que reflicte a Enquisa de poboación activa elaborada polo IGE, módulo 'Emprego das persoas con discapacidade', sobre a inxusta desigualdade en que se atopan as persoas discapacitadas no mercado laboral galego.

As 131 .400 persoas con discapacidade en idade de traballar teñen unha menor participación no mercado laboral ca aquelas sen discapacidade. As súas taxas de actividade (29,9 %) son 47,7 puntos inferiores ás das persoas sen discapacidade (77,6 %). Só 24 de cada 100 persoas con discapacidade contan con emprego (23,7 % de taxa de emprego fronte ao 69,2 % entre as persoas sen discapacidade, 45,5 puntos menos). As súas taxas de paro son 9,9 puntos superiores ás da poboación sen discapacidade (20,7 % fronte a 10,8 %).

As persoas con discapacidade soportan unha maior precariedade no acceso e permanencia no mercado de traballo. O seu peso no emprego temporal e a tempo parcial é superior ao das persoas sen discapacidade: un 21,5 % da poboación ocupada con discapacidade traballa a tempo parcial, porcentaxe 7,7 puntos superior á da poboación ocupada sen discapacidade. O mesmo sucede coa contratación: un 23,1 % dos traballadores e traballadoras con discapacidade ten un contrato temporal, 3,9 puntos máis ca a poboación asalariada sen discapacidade.

Urxe unha acción decidida dos gobernos

Na opinión de CCOO, "para superar a fenda das persoas con discapacidade no emprego necesítanse políticas públicas reais que normalicen as súas condicións de vida e traballo".

Unha acción decidida dos gobernos dos distintos ámbitos debe garantir a cota de reserva do 7 % nas ofertas de emprego público; vixiar o cumprimento das cotas de reserva tanto nas empresas públicas como privadas; e establecer incentivos e axudas dirixidas á integración e mantemento das persoas con discapacidade no emprego ordinario.

Paralelamente, debe asegurarse o papel da negociación colectiva como instrumento fundamental para defender e garantir os dereitos laborais das persoas con discapacidade. Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, recorda que os Centros Especiais de Emprego (CEE) son empresas que nacen como canle de empregabilidade para persoas con discapacidade na Lei de integración social das persoas con discapacidade (LISMI) de 1982, e tanto a Inspección de Traballo como os Gobernos central e autonómico deben traballar para que se cumpra o dito obxectivo, discriminando positivamente os que son de iniciativa social. Os CEE non poden ser unha vía das empresas para abaratar custos salariais e discriminar as persoas con discapacidade, pois isto perverte o seu obxectivo de integración.

Na opinión de Bouza, ante situacións de discapacidade sobrevinda, debe existir un procedemento regulado con participación sindical que garanta o mantemento do emprego mediante a adaptación do posto de traballo ou, se isto non for posible, a recolocación.

Compromiso de CCOO

Por último, sinala: "Desde CCOO seguiremos traballando cada día pola eliminación das barreiras que obstaculizan o acceso ao emprego das persoas con discapacidade e por garantir o exercicio real dos seus dereitos humanos e liberdades, así como a igualdade de trato no seo das empresas, tal e como establecen as directivas europeas de non discriminación e a Convención de Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas de 2006".

***Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO