A APDR chora a morte do compañeiro Juan Soto

10 de xaneiro 2025

Vimos de ter coñecemento da repentina morte de Juan Soto, con quen compartimos traballo, loita e amizade.

Socio da APDR practicamente desde a súa fundación, formou parte da Xunta Directiva durante os anos 1994, 1995 e 1996, período no que asumiu con absoluta dedicación o cargo de Tesoreiro.

Máis aló do seu compromiso na Xunta Directiva, Juan foi sempre un puntal nas asembleas e actividades da Asociación, e nunca escatimou esforzos para dar satisfacción de forma desinteresada ás nosas demandas de axuda e colaboración.

Afeccionado á fotografía -eido no que se manexaba coma un auténtico profesional- deixou na APDR boa mostra do seu bo facer, pois moitos dos exemplares recollidos no noso arquivo fotográfico, dun xeito moi especial aqueles correspondentes aos primeiros anos da APDR (as primeiras mobilizacións pola cidade, a primeira MARCHA CONTRA CELULOSAS…), levan a súa sinatura.

Estas fotos han permitir que a súa presenza entre nós perdure no tempo.

Con todo, non se limitou Juan Soto ao traballo na defensa da natureza, da man da APDR; o seu grado de compromiso social, a súa solidariedade con calquera causa xusta, quedou demostrada na súa participación activa, mesmo fundamental nalgún caso, noutros colectivos que -é o caso da Asociación "Amigos de Cuba de Pontevedra", da que foi fundador e presidente, ou do colectivo cultural "Capitán Gosende"- teñen entre os seus obxectivos a defensa da xustiza, a dos dereitos dos pobos, ou a dos bens materiais e/ou inmateriais fronte á acción depredadora dos poderosos.

Desde a APDR queremos amosar a nosa tristeza pola súa inesperada perda, máis tamén a nosa solidariedade neste momento de dor cos seus seres queridos, cos seus amigos e amigas e con toda aquela xente coa que compartía traballo, loita e compromiso diario.

Descanse en paz.

Pola Xunta Directiva da APDR,

Asdo.: Antón Masa