No adeus á nosa compañeira Celia Cortizo

01 de decembro 2024
Actualizado: 17:24

O pasado venres 29 de novembro, cando estabamos dando os últimos retoques á organización dunha charla informativa sobre ALTRI, chegábanos a triste nova do pasamento da nosa querida compañeira Celia

O pasado venres 29 de novembro, cando estabamos dando os últimos retoques á organización dunha charla informativa sobre ALTRI, chegábanos a triste nova do pasamento da nosa querida compañeira Celia Cortizo.

Celia participou xunto co seu home, Tucho Malvar, na asemblea que o 9 de novembro de hai agora 37 anos deu lugar ao nacemento da “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra”; foi, pois, unha das fundadoras da APDR. Ecoloxista de corazón e co convencemento claro de que a recuperación da Ría e a da economía da nosa comarca esixen a saída de ENCE de Lourizán, non escatimou esforzos na loita por conseguir este ansiado soño colectivo e -mentres as forzas llo permitiron- participou activamente en toda canta actividade organizou a APDR.

O seu carácter firme e decidido na defensa das súas ideas e conviccións, non lle impedía transmitir -co seu ollar tenro e a súa fala doce e agarimosa- unha inmensa bondade e xenerosidade. Celia, facíase querer.

Afronta agora a súa derradeira travesía (poida que cara as terras do Brasil que a viron nacer), unha travesía que -con seguridade- fará no barquiño de papel da APDR que ela axudou a construír e facer forte e que, grazas a xente como ela e como Ana, Fernando e Maruxa, semente ecoloxista de Celia e Tucho, seguirá por moitos anos á fronte da loita contra a presenza da celulosa na Ría de Pontevedra e pola defensa do medio natural na nosa terra.

Deica sempre Celia.

Pontevedra, 30 de novembro de 2024

****Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR)