A Moncho Hermida, compañeiro e amigo

20 de xaneiro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Despertabamos hoxe, coa triste nova do pasamento de Moncho Hermida. Mestre de profesión e vocación, o compañeiro Moncho, soubo transmitir sempre o seu cariño e ilusión á hora de compartir os seus coñecementos ao longo dos anos de compromiso militante na Xunta Directiva da "Asociación Pola Defensa da Ría"

Despertabamos hoxe, coa triste nova do pasamento de Moncho Hermida. Mestre de profesión e vocación, o compañeiro Moncho, soubo transmitir sempre o seu cariño e ilusión á hora de compartir os seus coñecementos ao longo dos anos de compromiso militante na Xunta Directiva da "Asociación Pola Defensa da Ría", na que xogou un papel relevante. Como esquecer a súa participación nas pegadas de carteis? Apuntábase sempre que podía e, coa súa particular alegría, facíaas moito máis levadeiras.

Quixo o destino facer coincidir a súa marcha co 20 aniversario da data na que a APDR recollía no Teatro Principal o Premio "Cidade de Pontevedra" por ter conseguido a condena a ENCE-ELNOSA por delito ecolóxico e polo traballo desenvolvido na recollida do chapapote vertido polo PRESTIGE ao longo da costa galega, un aspecto do noso traballo no que Moncho tivo unha participación máis que significativa. Recoñecemos hoxe o seu labor adicándolle ese prezado "Cidade de Pontevedra" en xusto homenaxe.

Pero Moncho non limitou o seu compromiso social ao traballo na APDR; militante de esquerdas desde os anos 70, fixo parte tamén da Directiva da A.VV. de Eduardo Pondal na que foi tamén un valor fundamental.

Boa persoa e xenerosa onde as haxa, de probada lealdade, Moncho foi deses amigos e compañeiros que deixou fonda pegada entre quen tivemos a sorte de coñecelo e compartir desexos e esperanzas.

Desde onde esteas, Moncho, celebrarás con nós ledicias futuras...

 

Pontevedra, 20 de xaneiro de 2023

Pola Xunta Directiva da APDR,
Asdo.: Antón Masa, presidente