A AGAMFEC, principal sociedade dos médicos de familia galegos, quere amosar a súa estupefacción ante as declaracións do Presidente da comisión de docencia do Hospital Universitario de Ourense, Dr. Jesús García Mata, nas que se refire á falta de residentes de medicina familiar e comunitaria pola "tendencia actual a especializarse", dando a entender que Medicina Familiar e Comunitaria non é unha especialidade como as demais. Este tipo de comentarios so poden explicarse por un descoñecemento do sistema formativo MIR, incomprensible no seu cargo, hacia a nosa especialidade ou por erro na intrepretación das súas declaracións.
Levamos anos reclamando consideración e dignidade cara a nosa especialidade de medicina familiar e comunitaria e cara o noso traballo, tan pouco valorado pola Administración. A nosa especialidade ten amosado a súa importancia e vese, agora, como a falta de profesionais impacta no normal funcionamento do sistema nacional de saúde.
Pero, que un presidente da comisión de docencia, garante da calidade formativa das especialidades médicas dunha área sanitaria coma a ourensán, teña esta desconsideración hacia a especialidade máis numerosa e pilar básico do sistema sanitario, fai que esixamos unha aclaración e corrección pública pola súa parte, para estar á altura que ese cargo merece.