Transparencia

21 de xullo 2018
Actualizado: 18 de xuño 2024

Di o Dicionario da Real Academia que "transparente" é todo aquilo que é claro, nítido e se comprende, polo que "transparencia" é unha cualidade de calquera obxecto transparente

Di o Dicionario da Real Academia que "transparente" é todo aquilo que é claro, nítido e se comprende, polo que "transparencia" é unha cualidade de calquera obxecto transparente.

Hai catro anos, o Consello Consultivo de Galicia presentábase en sociedade como o órgano asesor de máximo nivel de Galicia e como o faro potente que iluminaría as tarefas da Administración autonómica. Á súa fronte, o seu presidente prometía prudencia, ilusión, imparcialidade e austeridade. Esquecíase de contar que tiña en mente calar cando Feijóo e Rueda decidiron suprimir o corpo de letrados do Consello ou eliminar o pago dos complementos de produtividade do persoal, este último pequeno detalle polo que foi condenado o Consello Consultivo mediante unha sentenza xa firme dende marzo deste ano (custas procesuais incluídas). Mala memoria a do presidente do Consello Consultivo...

Hai escasamente un mes, a actual Valedora acadaba que a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenara á institución por numerosas irregularidades en relación á súa abstención nun proceso de selección de persoal, incluídas unha flagrante vulneración do procedemento, desviación de poder e arbitrariedade na resolución. Vaia, o que é un enchufe (presunto porque a sentenza non é firme) en toda regra, tamén coa imposición das custas procesuais á institución.

Outra vez mala memoria, esta da Valedora, pois, segundo explicaba ela mesma, esquecera aportar documentos ao Tribunal; esquecera dicir que tiña dúas coñecidas máis nas persoas que se presentaran ao proceso de selección malia que respecto delas non se abstivera ou esquecera explicar como podía ser un mérito a aplicación dunha lei que entrou en vigor en 2016 (a de Transparencia e Bo Goberno) a unha praza que se convocara en decembro de 2015.

Curiosamente e quizais por unha confluencia interplanetaria, o presidente do Consello Consultivo e a Valedora do Pobo foron propostos no seu día polo Partido Popular, que din os Tribunais de Xustiza que semellan ter un problemiña coa transparencia nos procesos selectivos, referíndome ao presidente do Consello Consultivo e á Valedora, claro.

Porque o PP non ten problema coa transparencia, o que ten é o valor de mirar cara outro lado, ignorando que xa están afectados o prestixio, a obxectividade e a independencia dos dous órganos, que total só son os encargados de controlar a legalidade da Administración e a defensa dos dereitos e liberdades das persoas. Aí é nada!

Quizais a renuncia do presidente do Consello Consultivo e da Valedora do Pobo sería o mellor para que nos creamos iso da "transparencia" como cualidade de calquera obxecto transparente, non vaia ser que a Real Academia teña que mudar tamén por este motivo o seu Dicionario.