Texto de urxencia en apoio e defensa do Ateneo de Pontevedra

03 de setembro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Gústame facer o mesmo cando visito unha nova cidade,procurar librarías de segunda man. Hoxe entro nunha deEdimburgo, non vou na procura dun título concreto, remexo polos andeis sen prestar atención a nada que non sexan os volumes que devecen o tacto de novas mans. A música non me di absolutamente nada

Gústame facer o mesmo cando visito unha nova cidade,procurar librarías de segunda man. Hoxe entro nunha deEdimburgo, non vou na procura dun título concreto, remexo polos andeis sen prestar atención a nada que non sexan os volumes que devecen o tacto de novas mans. A música non me di absolutamente nada. Ata que soa Chan chan na versión de Buena Vista Social Club. É daquela que os ollos desenfocan a mirada, volvo o pescozo e as costas, o corpo enteiro á posición natural, os dedos comezan a moverse ao ritmo dunhas lembranzas que forxaron a miña ética, os vermellísimos relatos de mamá sobre a súa infancia, Xubín, Oleiros, non dubidar na encrucillada: negarse a subir nos buses de Cal Pita, subir sempre no Chato ou no Vello Federal, os dous buses de A Nosa Terra, por moi escangallados que estean. 

Estes pensamentos lévanme de súpeto ao Ateneo de Pontevedra, á man de mar de Xaime Toxo hai un par de días en Campolongo e á súa voz contándome o acontecido co local da asociación. A estas alturas da película nada me estraña das administracións, da Xunta, de todo iso que encerra a palabra España. Está claro que se algo cambiou dende 1975 é simplemente porque pasou o tempo, porque estamos no século XXI, e nada máis, abonda con dar un paseíño por Europa. Estas situacións non deixarán de levarme a unha conversa mantida hai anos cun rapaz natural de Mallorca, residente tamén no Reino Unido: "todos queremos volver, Isaac, todos, e todos facemos elucubracións,... pero despois de vivir aquí tantos anos,... onde volvemos? Ao fascismo?". 

A nosa esperanza, a dos expatriados e a das estranxeiras na súa patria, son recunchos como esta libraría de vello tan fermosa en que me atopo, nótase que detrás dela hai agarimo, dignidade, unhas propiedades, resistencias e vontades coas que comungo. Sen dúbida, as mesmas do Ateneo de Pontevedra, un recuncho de cultura que dende o primeiro momento me abriu as portas da súa palestra, a min e a moitos, mesmo a algúns que non participan das mesmas propiedades, resistencias e vontades. Eu estou seguro de que o autobús do Ateneo non deixará de roldar polas rúas de Pontevedra repartindo cultura, limpando o camiño de palla, ata que dunha vez por todas os fascistas e os mafiosos acaben mergullados na Moureira. Amigos e amigas do Ateneo, moitas grazas por todo, zumegades esperanza, vémonos na seguinte parada.

***Isaac Xubín, Sheffield