Cando estabamos esperanzados co fin do terror da banda terrorista E.T.A., que tanta dor ocasionou ao longo de máis de 40 anos, tivo lugar o maior atentado na historia do noso País, con 192 mortos e 1.800 feridos, o xa coñecido 11-M, e que foi considerado o primeiro atentado yihadista en territorio europeo, sen esquecer o do 11 de setembro de 2001 en Nova York.
Despois viñeron outros en París, Londres, Bruxelas. Moscova, Niza, Berlín, co resultado de varios centos de mortos. Desta barbarie tampouco se libraron países musulmáns como Turquía, Arxel, Xordania, Afganistán, Líbano ou Iraq.
Hai quen opina que o terrorismo yihadista é unha ameaza tanto para occidente como para moitos estados árabes ou musulmáns. E o argumentan en que o que tratan é de corrixir as desviacións ou a interpretación que se está a facer do Islam e que, precisamente por iso, constitúe unha maior ameza para os países musulmáns que para os non musulmáns.
Tamén os hai que poñen o acento, para resolver ou minorar o problema, na adopción de medidas no eido político, social, económico ou relixioso.
Persoalmente sinto discrepar, en parte, destas opinións bastante xeneralizadas. Estamos a falar de individuos ou organizacións extremistas que usan a violencia e o terror para conseguir os obxectivos propostos en base á súa ideoloxía, espallándoa por todo o mundo, aproveitándose para ilo das novas tecnoloxías.
Algún de vostede poderá tacharme de drástico. Pero así como con E.T.A. so se rematou ca acción dos corpos e forzas de seguridade e o estado de dereito, coido que con este terrorismo queda facer o propio.
Faime moita graza cando escoito a alguén dicir que esta é unha cuestión relixiosa e de ataque ao Islam. Quen nos infunde terror son fundamentalmente individuos ou grupos de crenza islámica. Claro que non son todos, se non estariamos a falar doutra cousa. Non vemos a ningún budista, hinduísta ou xudeu, colocando bombas nunha estación ou nun pavillón.
Tampouco me vale o argumento da marxinalidadede persoas de orixe árabe, que malviven nos arrabaldes das cidades europeas, xa que non todos caen nas redes destas organizacións, nin tampouco o fan outras minorías tamén marxinais.
E ante todo isto moitos países da Unión Europea non están a facer as cousas como se debía ante esta ameaza, especialmente na prevención. Así, puidemos asistir a uns erros de proporcións moi relevantes da policía dalgún país europeo, cuns resultados terribles.
Se noutras cousas non somos precisamente un exemplo para o resto de países da UE, na loita contra este tipo de terrorismo estamos na vangarda. Posiblemente porque sufrimos e coñecemos esta actividade delituosa. A partires do 11M e coa inactividade da banda terrorista ETA, a pesares do agravamento da ameaza yihadista, detivéronse preto de 700 individuos, a maioría deles nos derradeiros cinco anos. Están sendo vixiados un número importante e na Audiencia Nacional están sendo tramitados preto de 200 sumarios, a maioría relacionados con grupos de captación, que desenrolan a súa actividades principalmente no Levante, Barcelona, Ceuta, Melilla e Madrid.
Máis isto non significa que, en calquera momento, un elemento destes faga estoupar un paquete bomba ou se meta cun camión por unha rúa moi transitada. Por iso as respostas policiais e incluso militares, en determinados escenarios, deben ser mantidas no tempo, sen baixar a garda, e non só tras o golpe terrorista.
Aos homes e mulleres desta época tócanos vivir con esta ameaza, que non se sabe por onde vai vir. Aprendamos a facelo con serenidade, pero sen esquecer que nos pode tocar en calquera momento.
Namentres confiemos na profesionalidade e no bo facer dos homes e mulleres que conforman os corpos de seguridade do noso País.
Toquemos madeira.