Todos, ou case todos os días sae algún mais ou menos prominente persoeiro socialista falando da elección do Secretario xeral do Psdeg-Psoe. Dan a súa opinión sobre cómo, cando e de que xeito debería facerse e dan, tamén, os nomes que a eles lles parecen os mellores para o cargo.
Eu non son máis que unha militante de base, miña voz non ten peso nin forza nas cúpulas do poder do meu partido, non a tivo nunca, por iso falo desde a humildade pero tamén desde a experiencia e soño co que a min, e penso que a moitos/as afiliadas, nos gustaría.
Eu penso nunha equipa de persoas que vivan neste mundo, quero dicir, que coñezan de primeira man a rúa e as xentes que por ela circulan, que teñan unha bagaxe de traballo profesional as súas costas e saiban o que é gañarse a vida, que teñan gravado na fronte e no corazón que a política é un servizo público, onde vaise a traballar polo interese dos demais, non dun mesmo. Que todos os homes e mulleres somos iguais e temos os mesmos dereitos e as mesmas obrigas diante da lei e diante da vida. Que un partido político é un medio e non un fin. Un instrumento que lle ten que servir a sociedade para ser máis xusta, mais solidaria, mais igualitaria. Que acadar o poder non é tampouco un fin en si mesmo senón o xeito de poñer en practica os principios e os ideais de liberdade, igualdade e soliedaridade cos que se nos enche a boca cando falamos pero non cando actuamos.
Unha equipa de persoas xoves e maiores, homes e mulleres que sexan quen de enfrontar a realidade que nos toca vivir desde un plano de igualdade, non de superioridade con respecto ó común dos mortais. Que sexan e se comporten como concelleiros/as dun pequeno pobo que coñecen os seus veciños, as súas angurias, ledicias, soños e proxectos, que falan con eles e se preocupan polos seus problemas. Que por non ter, non teñen nin coche oficial, nin asesores, nin pagas extras por dietas e viáticos.
Como soñar é gratis, eu quero pensar que isto é posible e, entón, será tamén posible que a xente se sinta identificada con estes políticos/as que son como eles, que actúan igual que falan e non teñen nada que temer nin que agachar.
Os socialistas queremos uns dirixentes dos que sentirmos orgullosos, por iso a min danme igual os nomes, quero persoas que teñan demostrada a súa honestidade e que saben traballar nun oficio ou profesión, que son bos no seu e, polo tanto, poden ser bos no alleo. E que poidamos escollelos todos e todas.
15.02.2013