Sísifo no Groundhog Day

25 de marzo 2024
Actualizado: 18 de xuño

Desfrutamos vendo "Atrapado no tempo", no ano 1993, a comedia de Harold Ramis que protagonizaban Bill Murray e Andie MacDowell. Os protagonistas, Phil Connors e Rita Hanson, pertencentes a unha televisión van transmitir o Día da Marmota, en Punxsutawney. Phil é un egoísta, malfalado, frustrado e arrogante. Feita a transmisión volven para a casa mais unha tormenta de neve fai que pasen a noite no pobo. Aí comeza o bucle, de espertar un día si e outro tamén no mesmo día da marmota.

*'Groundhog Day': Película que en España se lle chamou "Atrapado no tempo" pero que se coñece popularmente por "O Día da Marmota".

Desfrutamos vendo "Atrapado no tempo", no ano 1993, a comedia de Harold Ramis que protagonizaban Bill Murray e Andie MacDowell. Os protagonistas, Phil Connors e Rita Hanson, pertencentes a unha televisión van transmitir o Día da Marmota, en Punxsutawney. Phil é un egoísta, malfalado, frustrado e arrogante. Feita a transmisión volven para a casa mais unha tormenta de neve fai que pasen a noite no pobo. Aí comeza o bucle, de espertar un día si e outro tamén no mesmo día da marmota. Phil vaise convertendo en mellor persoa.

A historia de Sísifo, ten bastante parecido no canto de facer bucle no tempo. Conta a lenda que Zeus secuestrara a ninfa Egina. O pai andaba a busca da súa filla, chega a Corinto e Sísifo dille que lle vai dicir onde está si lle fai unha fonte. Asopo, pai da ninfa, fai a fonte e Sífifo cóntalle que foi Zeus. Chega aos ouvidos de Zeus que fora Sísifo que se chibara, cabréase e ponlle un castigo exemplar que consistía en subir un pesada pedra pola ladeira dunha montaña moi empinada e cando estaba a punto de chegar ao cume a pedra caía cara o val, e tiña que volver a subila. Isto habería que repetilo unha e outra vez por toda a eternidade.

Non sei si me atopo máis preto de Sísifo ou do Día da Marmota no que respecta á política en España. A política oficial (da capital do reino) parece un "déjà vu" . É un bucle no que nos queren meter. A película de "Atrapados no tempo" estréase en 1993, nese ano houbo eleccións xerais en España que gañou un PSOE de Felipe González, á baixa, con 159 escanos. O PP de JM Aznar con 141 escanos, foi segundo. Para a investidura Felipe González pacta con CiU e co PNV. Comeza Aznar co de "goberno ilexítimo e vende patrias" aos nacionalistas, (a frase parece de agora, non é?). Aznar, facendo pinza con IU. Tensión, crispación, denuncias falsas e xudialización da política. En 1996, un ano antes do que tocaba, Felipe González convoca eleccións xerais. Os orzamentos que presentaba o PSOE foron tombados por CiU. O partido máis votado foi o PP con 156 escanos e o PSOE con 141. O PP non tiña escanos suficientes para a investidura pero pacta con CiU, PNV e CC. Con CiU fai o Pacto do Majestic, neste pacto CiU comprometíase a apoiar a investidura de Aznar e a cambio conseguía competencias en policía e tráfico (os Mossos de Esquadra), desenvolvemento da financiación autonómica con incremento do tramo do IRPF. Tamén tivo o efecto contrario xa que o PP apoiou a investidura de Jordi Pujol. Son as épocas de Aznar falando catalán na intimidade. Canta hipocrisía, todo o que lle criticaba ao PSOE agora faino o PP, parece que cando gobernan eles todo é lexítimo e cando gobernan outros non. Teñen un sentido de "propiedade da cousa pública".

O PP goberna 8 anos. Polo medio o Prestige, a guerra de Irak. Nas enquisas ían moi parellos PP e PSOE. O 11 de marzo sufrimos o atentado terrorista máis grande, en número de mortos, de Europa. Comeza a consolidarse a teoría da conspiración. Consolídase a mentira máis grande, xamais contada aos españois e españolas, que a autoría do atentado foi ETA cando sabían que foran os islamistas. Para espallar a mentira manexaron as embaixadas, a prensa amiga creadora de trolas. Fai uns días celebramos os 20 anos do 11M. Non escoitamos, por desgraza, ningunha desculpa dos mentireiros. Aznar reafirmouse no de ETA, a prensa amiga pasou por riba e segue creando noticias falsas a favor de Feijóo. Mais ao final gaña Zapatero, non houbo tregua. Seguen co do goberno ilexítimo, seguen as noticias falsas. Volve a xudializarse a política. O PP rebaixa o Estatut (pactando con Alfonso Guerra). A famosa frase de Rajoy cando lle di a Zapatero "Usted traicionó a los muertos", en referencia ao asasinatos de ETA. Aquí debemos lembrar que foi Zapatero que acabou coa banda terrorista coa súa política de "diálogo". Coa crise, Zapatero adianta as eleccións e en decembro de 2011 invístese presidente do Goberno a M. Rajoy. A partir de aquí xa todo é lexítimo (mandamos nós, din no PP). Comeza incumprindo o seu programa electoral neoliberal, en vez de baixar impostos súbeos, recorta as pensións, comezan as rebaixas salvaxes na sanidade e educación públicas, introduce o copago nos medicamentos con aquela ministra que non sabía que tiña un Jaguar no garaxe, baixoulle o soldo aos funcionarios. O máis salientable de M. Rajoy foi que se comprometeu na loita contra a corrupción, que foi quen acabou co seu goberno ao ser condenado o seu partido. Bárcenas, a Gurtel, os disco de ordenador e M punto Rajoy.

Como dicía Iglesias Corral "pasou o que pasou". Pedro Sánchez acada o Goberno. Para dicir que as cousas seguen facéndose do mesmo xeito unha e outra vez, que continúan os insultos, que se inventan as noticias, fixen referencia a Sísifo ou a "Atrapados no tempo, mais en galego temos unha frase que o recolle dun xeito perfecto, frase que di a nosa xente cando está moi farta e é: "E dálle!". Chegamos, neste 2024, a un grado de crispación que nunca víramos. agora O PP segue tendo "doberman" (dicía Guerra), comezando por Tellado. Aínda así e todo tampouco comprendo como é que os partidos do goberno entran no campo embarrado, xa o di o refrán: "nunca loites cun porco no seu terreo porque vas acabar enlamado e el desfruta". A dereita extrema e a extrema dereita teñen moi claro que a quen favorece toda esta crispación é a eles. Aprenderon do que me ensinaban na escola franquista con iso de "no hay que confundir libertad con libertinaje", "no te metas en política" e "lo importante es el orden". Iso é o que fan coa crispación, dicir que todo está mal porque non hai orde, e para iso están eles, para poñer orde, e os paspáns pican e vótanos para ter orde.

Non todos son iguais

Vemos que volven casos de corrupción e comisións millonarias. Gustoume a actuación rápida do PSOE, cortando polo san, pola importancia da cabeza cortada, Ábalos. No caso do mozo de Ayuso, está todo escrito. Cando nos rquiparamos ás democracias europeas en canto a dimisións si te cachan nalgún feito reprobable. Si fósemos así, Guerra tería dimitido polo do seu irmán, Feijóo levaría anos fóra da política polo do narco, e así unha longa lista. Que non son todos iguais vese nas condenas que tivo o PNV, ou Bildu, ou Esquerra, ou Compromís, e aquí o BNG. A min ensináronme que hai que dicir a verdade a un lado e ao outro e recoñecer que tamén no PP houbo xente honrosa que soubo dimitir. Falo dunha persoa que sabía que unha facción do seu partido, os "do barrete" e antigaleguista, ían a por el e polos chamados "da boina". Falo de Xosé Cuiña, dos galeguistas do PP que, ademais, na crise do Prestige tivo a valentía de recomendarlle a Fraga que deixase de obedecer a Madrid e actuase como un verdadeiro Goberno Galego (non o fixo). Aproveitaron a venda de material de EPI que se lle vendera á Xunta e a Tragsa, na época do Prestige, a través dunha empresa que lle comprara o material a unha empresa da familia de Xosé Cuiña. É dicir que esa empresa dos Cuiña nunca lle vendera nada á Xunta ou a Tragsa directamente. Montouse un rebumbio, apoiado polos "do barrete" que así eliminaban a un inimigo. Xosé Cuiña dimitiu, herdou o posto Feijóo. De todo isto, para min o máis salientable con diferenza, entre o que fixo Cuiña e o que fan algúns dos políticos de agora do PP, soubo dimitir aínda que tivera razón. Tamén a frase que dixo para dimitir: "Considero un deber presentar a miña dimisión". Un "deber", case nada e todo ao mesmo tempo. Para que outros aprendan. Ao final voume a quedar coa película Groundhog day, o de Sisifo é para a eternidade, en cambio na película Phil acaba converténdose en boa persoa e decláralle o amor a Rita. Di o refrán que se colle antes a un mentireiro que a un coxo, eu non sei, pero estou seguro, que non todos os políticos son iguais.