Setembro, mes de informes

14 de outubro 2024
Actualizado: 7:11

Foi moi produtivo o mes de setembro na presentación de informes. Dous espertan a miña inquietude, MULTILATERALISM IN AN ERA OF GLOBAL OLIGARCHY (O multilateralismo nunha era da oligarquía global), de OXFAM INTERMON , e o informe THE FUTURE OF EUROPEAN COMPETITIVENESS, (O futuro da competitividade Europea), coñecido como Informe Draghi.

Oxfam Intermón: O 1% máis rico ten máis riqueza que o 95% da poboación mundial.

Dito así, de entrada xa asusta. Canta riqueza en mans duns poucos. Imos ver. Este informe foi publicado o 23 de setembro. (Ao que lles interese, está en inglés, na páxina de Oxfam https://oxfam.app.box.com/s/zxtr1cmf3c5h9tbjvrkpd8hcsxp1s96m ). Nada máis saír este informe xa foi repudiado, desconsiderado e mesmo tachado de mentireiro pola prensa liberal e neoliberal, e os seus gurús, voceiros e opinadores. Dedicáronse a poñer exemplos concretos de persoas e/ou empresas e dos cartos que pagaban de impostos, sempre xustificando que hai que pagar menos. A primeira conclusión é que non leron o Informe por andar sempre coa escopeta cargada. O que deixa claro o Informe son feitos, de 20 páxinas do informe 8 son de bibliografía, ademais da grande cantidade de persoas e organismos que participaron na súa elaboración. A xeito de resumo o máis salientable do Informe é:

- Xa dixemos que o 1% máis rico ten máis riqueza que o 95% restantes, tamén máis dun terzo das 50 maiores empresas do mundo teñen como director executivo ou accionista principal a un milmillonario. Os esforzos que nos vemos obrigados a facer para responder aos grandes problemas do mundo como os niveis de pobreza, a desigualdade ou o cambio climático vense ameazados pola concentración de poder dos ultrarricos e as megaempresas. O exemplo é claro no Sur Global onde vive o 79% da poboación mundial só ten o 31% da riqueza. Canto máis inflúen, os ultrarricos, na toma de decisións políticas e nas regras do xogo máis se frean os avances cara o progreso a nivel global.

- Os países de renda pequena e mediana teñen acredores privados como son os bancos, os "fondos voitre", os "fondos de inversión libre" (lembremos como George Soros tombou a libra nos anos 90, ou John Paulson coas hipotecas nos EEUU, ou Julian Robertson co yen xaponés), isto fai que teñan destinar case o 40% dos seus orzamentos para pagar a débeda, o que supón, de media, un 60% máis do que se dedica á saúde, protección social ou educación.

- Estamos fartos de oír que a rivalidade entre grandes empresas favorece aos máis débiles vemos como na realidade é mentira. As tres grandes xestoras de fondos (BlackRock, State Street y Vanguard) xestionan 20 billóns de dólares (a quinta parte dos activos do mundo). Cinco ou seis grandes empresas controlan as subministracións agrícolas do planeta. Monsanto, Dupont, Bayer, Dow, ChemChina e Syngenta andan xogando á creación de megaempresas, e si os EEUU e a UE non poñen coto acabarán sendo tres, acabarían coas pequenas empresas locais (mesmo nacionais) para eliminar competencia.

O que pretende Oxfam Intermón é conseguir un mundo e unha orde internacional máis xustas, no que os ultrarricos e as megaempresas paguen unha parte xusta, priorizar a saúde e a educación, impulsar un novo marco fiscal internacional, cancelar débeda pública de países do Sur Global (Global South) e novas leis de propiedade intelectual cara futuras pandemias fronte ao caciqueo das grandes farmacéuticas.

O Informe Draghi: Unha estratexia de competitividade para Europa

Ursula Von der Leyen ter certa querenza polos euroburócrtas e expresidentes italianos para a elaboración de informes. Fai uns meses Enrico Letta presentou o informe "Moito máis que un mercado", https://www.ceoexeuropa.es/comunicaciones/mercado-unico-enrico-letta-presenta-su-informe-sobre-el-futuro-del-mercado-unico-europeo/, onde incluía as propostas: 1. Promover a investigación, a innovación e a educación. 2 Financiar os obxectivos estratéxicos da UE. 3. Lograr unha maior integración e permitir ás empresas crecer. 4 Garantir a xustiza social e a cohesión. 5 Mellorar o marco regulador e reducir as cargas burocráticas e 6. Prestar atención á dimensión exterior do mercado único.

Para completar este informe encargoulle outro a Mario Draghi, que presentou o 9 de setembro. O proceso vai lento, aínda non hai nova Comisión Europea, e en novembro presentaráselle aos xefes de Estado. O Informe "A competitiveness strategy for Europe" (Unha estratexia de competitividade para Europa) (para os interesados pódese ver en: https://commission.europa.eu/topics/strengthening-european-competitiveness/eu-competitiveness-looking-ahead_en?prefLang=es). Este informe non fai outra cousa que reflectir como se atopa Europa a nivel da competitividade das súas economías. É unha mostra das eivas europeas, mais tamén presenta solucións. Ca pandemia víronse moitas das carencias de Europa. Os chinos e os estadounidenses son máis competitivos. Atopámonos cunha industria coxa ou manca, para as "mascarillas" dependía de China. Para moitas medicinas tamén de China e da India, o exemplo claro é que en Europa non se produce nin un gramo de paracetamol. Despois da pandemia veu a guerra de Ucrania, vimos que o sistema enerxético europeo era ridículo, que a dependencia do gas e petróleo de Rusia era moi grande. Aínda que se facía moito nas enerxía renovables, ao ritmo que se ía, non chegaba para afrontar a crise. Como nisto noutras materias, incluída a defensa europea. Draghi fai análise e propón tarefas. Tamén fai referencias á transición ecolóxica, ten claro que ten que ir da man das persoas, que hai que parar os rexeitamentos evitando que se queden fóra os mínimos posibles.

Resumindo poderíamos dicir que pretende que se aumente a competitividade económica europea, que teña menos dependencia do exterior, fala de asuntos que son esenciais, da innovación, mercados do capital e a falta de man de obra cualificada, da enerxía e do seu prezo nas crises, da axudas de Estado, e sen esquecer as inversións en Defensa. Draghi sinala ás empresas "estratéxicas" que son protexidas polos gobernos nacionais. O que queda claro no Informe é que hai que crear grandes empresas europeas, fusionándose. As comisións bancarias, os cretos non son iguais en España que en Alemaña, pero un español non pode acollerse aos beneficios dos bancos alemáns. Para iso Draghi propón un fondo de 800.000 millóns de euros cada ano, entre publico e privado (emitindo débeda europea) que aumente as inversión, sobre todo nas cousas que van marcar o século XXI, como a enerxía e a transición dixital. Tamén pretende que se gaste máis en defensa. En palabras de Draghi se non aumentamos a competitividade: "Europa dependerá do exterior, perderá a súa autonomía, a súa independencia e a súa soberanía". Manifesta o paradoxal da situación actual da inmigración nunha "vella Europa" onde coa economía encollida, cunha poboación envellecida, con crecemento demográfico negativo, e a batalla política, da dereita e extrema dereita europea, é o rexeitamento dos inmigrantes. Di: "Seremos xeopolíticamente máis débiles, compartiremos unha tarta cada vez máis pequena con menos xente".

En termos xerais, sen entrar moito polo miúdo, non me desgusta este informe. Poderá levarse a cabo?. A miña resposta é clara: penso que non, por varios motivos que vou debullar:

Á extrema dereita, e a algunha dereita, non lle vai gustar porque lle quita poder as gobernos dos estados. Á extrema esquerda, con moitos prexuízos, no lle vai gustar polas alusións ao incremento en gastos de defensa.

Os países chamados "frugales" (chamados agora Nova Liga Hanseática 2.0 , son países da UE que priorizan a austeridade do gasto público e a estabilidade económica, Dinamarca, Suecia, Austria, Países Baixos e Finlandia, todos cunha extrema dereita forte) xa andan rosmando contra a emisión de débeda pública europea, e sempre co prexuízo, e desculpa, de que poñen cartos para "salvar aos estados gastadores do sur", sen fixarse que a súa economía non medra.

—E por último, o máis importe para ser pesimista, é que nos Fondos Next Generation que eran 750.000 millóns de euros para cinco anos, os gobernos non os dan gastado, como é que se van a gastar 800.000 millóns de euros cada ano? Eu non teño resposta, e vós?