Sen perdón

12 de marzo 2024
Actualizado: 18 de xuño

Pasaron 20 anos do tráxico atentado de Atocha en Madrid. O peor de Europa no século XXI. Parece que para os que entón ocupaban o Goberno de España, presidido polo señor José María Aznar, como diría o tango, "vinte anos non son nada".

Pasaron 20 anos do tráxico atentado de Atocha en Madrid. O peor de Europa no século XXI. Parece que para os que entón ocupaban o Goberno de España, presidido polo señor José María Aznar, como diría o tango, "vinte anos non son nada". Nada para uns responsables, mellor debería dicir que irresponsables, que mentiron indecentemente e con aleivosía. Estes días vimos nas televisións que si, que vinte anos son unha eternidade, presente para as vítimas que aínda sofren as consecuencias e as familias destas e das que xa non están.

Parece que, aínda que poida ser un consolo que ano tras ano os políticos e representantes da cidadanía lembren aos 192 mortos, e aos cerca de 2.000 feridos pola explosión de 10 bombas que estouparon á vez nos trens de proximidade de Madrid da man dunha célula yihadista, non é suficiente. Penso e sinto como elas.

Falta algo necesario para reparar esas perdas, a tristura amarga daquel día no que a cidade buliciosa de Madrid era silencio, tristura de cor gris de chumbo denso e atafegante, que só se interrompía polas sirenas de ambulancias, os gritos e saloucos de dor dos feridos e dos que contemplaban o terror.

Presidía o Goberno de España o mesmo que o 15 de marzo de 2003 formou parte do Trío das Azores (George Bush, Tony Blair e José María Aznar) e que, coa súa declaración chea de mentiras, supuxo o detonante para que Estados Unidos xustificase a invasión a Irak. Cun acento forzadamente ridículo nolo fixo saber. Disto pasaron 21 anos, tampouco debe parecerlle nada a este "bo" señor. 

A memoria da cidadanía non o vai esquecer. As feridas seguen abertas e dificilmente poderán pecharse se a soberbia, o pecado capital máis nefasto das crenzas que din seguir, pero que non practican. A soberbia, segundo nos explicaban os nosos maiores, consiste en crerse deus e por iso foi castigado o arcanxo Luzbel converténdose en Lucifer.

Ademais desa soberbia, da falta de empatía, da responsabilidade dun gobernante, da falta de ética democrática ao mentir á cidadanía na autoría do atentado, mirando máis para o seu trunfo nas eleccións que se celebraban o día 14, por se non foran suficientes razóns para non esquecer e perdoar, temos a día de hoxe unha máis poderosa, que é que aínda non foron capaces de pedir perdón e sen ese primeiro paso do que comete semellante indignidade e que trouxo terribles consecuencias persoais, sociais e políticas.

O cinismo chegou a tal nivel que non houbo nin informacións ben fundamentadas, nin sequera as declaracións na entrevista concedida en exclusiva para TVE ao xornalista Lorenzo Milá do presidente de Estados Unidos, George W. Bush, que non foi emitida na súa totalidade e que se inclinaba a outra autoría dos atentados, a outros que non eran ETA. É máis, o mesmo Bush, nunha entrevista privada co entón embaixador Javier Ruiperez, ante a súa información sobre a responsabilidade de ETA dos atentados terroristas, respondeu: "Os meus servizos dinme que os autores do atentado poden ser outros...". Ata Ruíz Gallardón dubidou das informacións dos responsables do Goberno e así o fixo saber.

A cidadanía sentiuse dolorosamente estafada e así se reflectiu o 14 de marzo, cando o candidato Mariano Rajoy perdía as eleccións. A parte das graves perdas humanas e de consecuencias graves nas vítimas, houbo outras: xurdía así a primeira lectura de ilexitimidade das eleccións democráticas; o novo presidente, Zapatero, seguindo o seu programa, retiraba as tropas de Irak -con desgusto dos EE.UU-. Tamén se iniciaba outra etapa de crispación e polarización.

Non sei se aínda están a tempo de pedir perdón os responsables de entón, non sei se a súa soberbia llo permite, nin se a súa suposta dignidade ou o seu catolicismo (do que presumen) llo aconsellan. Claro que o perdón require de vontade e disposición de pedilo, e de responsabilidade para aceptar as consecuencias e isto non está na súa intención. Alá eles e a súa conciencia. Pero os que si poderían intentalo son os que non foron responsables directos desa ignominia. Non estaría mal que reflexionaran e saldaran a débeda allea dos seus compañeiros de partido cunha expresión de arrepentimento. Sería unha forma de reparar o erro e o dano moral causado á sociedade española hai 20 anos.