Século XXI Cambalache

26 de novembro 2024

"Que el mundo fué y será una porquería, ya lo sé. En el quinientos diez y en el dos mil también…."

Con esta frase comezaba o xenial tango de E. Santos Discépolo, radiografando o mundo de entón. Hoxe, noventa anos despois, segue estando máis vixente que nunca.

Mais non todo foi negativo na pasada centuria. Houbo grandes avances científicos e sociais que melhoraron algo a vida das xentes. Sen ir máis lonxe, as guerras (dúas mundiais e innumerábeis zonais) sofisticáronse abondo.

O noso país naufragou aló polo 36 e só o inmenso sacrificio d@s nos@s devanceir@s foi quen de sacalo a flote. Sen ningún tipo de plan Marshal nin nada parecido, lograron sobrevivir, criar os filhos, reconstruir o país e enriquecer á bichicoma golpista. A emigración e o turismo axudaron o seu.

Pero vaites que chega o XXI e con el o lema "negados ó poder". Os dereitos que tanto tempo, sangue, suor e bágoas custou acadar (sociais, laborais…humanos!) son borrados de socate. O capitalismo preséntase como o gran redentor da humanidade e os filhos dos ricos xa nacen xefes por lelos que sexan ( un vaso é un vaso e un plato é un plato ) Pola contra, os filhos de obreiros, por competentes que sexan, vense desplazados pola sempiterna lexión de trepas. Pero isto sempre foi así, cando menos dentro das nosas fronteiras. Algún tempo atrás, o membro máis válido da familia ía para a política. Ultimamente vai o que non serve para outra cousa. E así xurden os Biden, Trump, Bolsonaros, Netanyajus, Raghois ou Zelenskis e unha recua de reaccionarios menores destes que presumen de non ter lido un "puto" libro na vida e que odian a aqueles "un tanto estudiados". Son os que se autodefinen como licenciados na "universidade da vida".

Nestes tempos nos que internet é a moderna porta do váter e que calquera pode escribir nela, máis que para opinar, para insultar impunemente (para inxuriar non é necesario ler un "puto" libro). Non se trata de saber, senón de fedelhar. A meirande virtude humana non é a intelixencia nin a creatividade, nin a forza ou a destreza. A maior virtude do ser humano, instruído ou non, é a humildade.

Sinceramente coido que se fala demasiado e que case non hai quen escoite. Escoitar é unha ciencia, unha virtude moi escasa. Hai moita, demasiada xente que sofre de soidade, e iso non se cura con guateques, títeres e discursos, iso cúrase escoitando, con atención, con respecto. Hai inumerábeis nenos que tenhen infinitas preguntas e que, no melhor dos casos, reciben por resposta: "Ti cala, que están a falar as persoas maiores" ou a típica; "Por que ?, porque si !". A televisión está saturada de tertulias e debates en que acaban berrando todos a unha (aínda que estean de acordo, oia) sen que ninguén escoite a ningún outro. É o efecto "gaiola de grilos" ou "diálogos para besugos" que tanto impera en "prime time", onde se pensa en "play back" e sen sairse do guión. Na "performance" e o "fake" está a verdade…(Como controlo os extranxeirismos que tanto "molan" !)

Un mundo melhor sería posible só con máis escoitar ó outro e menos "chamuyar". Mentras se considere parvo ó bo; covarde ó educado e incompetente ó pobre, o asunto non ten fácil solución.

É o momento idóneo de escoitar Cambalache para melhor entender a deriva que vai tomando o presente século. É a grande vantaxe da escoita. Pense que a Historia é a repetición cíclica dos feitos; os cambios son lentos e non sempre positivos. Pero sempre se aprende só con escoitar.

A miúdo, as novas xeracións e non tan novas, rexeitan todo o que proceda do pasado. Disque sempre foi así. Entón… por que a min sempre me gustou Gardel se era o ídolo dos meus pais…?

E Rosalía e Edgar Alan, e Carl Sagan e The Beatles e Mozart e Serrat e os Hirmáns Tonetti e Curros e…