Esta frase da activista dominicana Minerva Mirabal antes de que fora asasinada no ano 1960 é a orixe da celebración do 25N, día no que reivindicamos a loita das mulleres contra a violencia machista. Ela e dúas máis das súas irmáns foron aforcadas, malladas e logo lanzadas no seu coche ao fondo dun barranco pola policía secreta do réxime dominicano. Coma elas, 972 mulleres e 27 menores asasinados dende 2013, cando comezamos a ter datos oficiais en España, 44 mulleres e 3 menores no que vai de ano 2018.
Outras teñen máis sorte. Como esa rapaza nova que hai máis dunha década foi soa á Comisaría para poñer denuncia contra a súa parella e pai da súa filla pequena. Díxolle aos policías que el acababa de botalas do piso e que a maltrataba psicoloxicamente. Estaba tan nerviosa que só foi capaz de facer unha denuncia de pouco máis de media páxina. Por suposto, el negouno todo, así que acabaron no Xulgado de Garda, cada un citado para unha hora.
A vítima primeiro, o maltratador despois. Ela deixou a nena coa súa nai (onde e con quen a ía deixar no Xulgado?), volveu ir soa e enfrontouse así, espida, ás preguntas da avogada, da xuíza e da fiscal de garda. Tremendo de medo, non parou de chorar e só foi capaz de dicir que quería unha orde de protección.
A letrada era consciente de que, con esa denuncia raquítica e sen declaración completa, non poderían acadar orde algunha, ata temía polo arquivo de todo. Menos mal que a xuíza e a fiscal de garda "se apiadaron" dela e pospuxeron a declaración para o día seguinte, e aquela rapaza, despois de durmir algo e de falar coa súa letrada de oficio, foi capaz de "sacar os brazos e se facer máis forte". Finalmente, houbo orde de protección e medidas civís para a súa filla.
Máis dunha década despois, a pasada semana, o Consello Xeral do Poder Xudicial facía recomendacións a todos os xuíces e xuízas nunha "Guía de Boas Prácticas", co obxectivo de evitar unha segunda vitimización nos Tribunais e tratar de que as mulleres obxecto de maltrato se sintan acompañadas e perciban sensibilidade e non indiferenza nos Xulgados.
Guía que se podería chamar "Guía de Sentidiño" e que recolle, entre outras recomendacións, que o ambiente para a declaración sexa de intimidade, que na fase previa ao xuízo se ofreza á vítima a posibilidade de declarar na vista oral mediante videoconferencia para evitar o contacto visual co maltratador e que, xa na vista oral, xuíces e xuízas impidan preguntas non relevantes sobre a vida privada da muller ou dirixidas a facer que se sinta culpable por denunciar o maltrato.
"Guía de Sentidiño" que, hai máis dunha década, xa aplicaran a esa rapaza nova e que, lamentablemente, hoxe segue a ser necesaria e inescusable. Moito camiño feito dende o asasinato das irmáns Mirabal, mais aínda moito por percorrer na loita contra a violencia machista.