Sanxenxo, verán, turistas e veraneantes. II. "Pijos" e outras tribos

23 de setembro 2024
Actualizado: 07 de outubro

Asociouse, desde fai moito, Sanxenxo e "pijerío". Que eu faga estes dous artigos ten a orixe nas palabras do seu alcalde, Telmo Martín sobre o tema. Estou certo que o que denominamos "pijo", haino na mesma proporción noutras vilas da costa no verán, e no inverno

Todos mis amigos se llaman Cayetano/Zapatillas Pompeii, algunos tienen barco//siempre tres botones desabrochados/ Menudo pelazo/CEU San Pablo (Carolina Durante 2017)

Ando estes días polas costas mediterráneas vexo o comportamento dos turistas que veñen por aquí, hai de todo mais o que hai é xente, moita xente. Nós non nos podemos queixar, temos xente, pero non tanta. Escribo isto desde Cartaxena, é a Festa de Carthagineses e Romanos (como Arde Lucus pero en moi grande), pensei que non habería tanta xente (domingo 22), levo aquí tres días e non para de medrar a cantidade de xente. Falando con "cartageneros" amigos tómano como normal, saben da importancia do turismo, teñen a Manga do mar Menor ao lado. Teñen moitos máis turistas europeos (do norte) que nós.

Desfile das asociacions de Carthagineses y Romanos polas rúas de Cartaxena.

 

Asociouse, desde fai moito, Sanxenxo e "pijerío". Que eu faga estes dous artigos ten a orixe nas palabras do seu alcalde, Telmo Martín sobre o tema. Estou certo que o que denominamos "pijo", haino na mesma proporción noutras vilas da costa no verán, e no inverno. Mais tamén debemos subliñar que son moitas as tribos que pasan o verán ao bordo do noso mar, imos velos.

"Pijos".

Comezamos polos de máis sona, aínda que non os máis numerosos, case podemos dicir que son os menos. Porén son os de máis renome. Na historia "pijos" houbos sempre. Tiveron distintos nomes, mais os persoeiros eran os mesmos. Vai desde os "señoritos de cuna" da época de miña avoa, aos "pollopera" na de meus pais, ata a miña, co de "pijo". Despois viñeron os "borjamari", para acabar no rebautizado "cayetano" que popularizou a banda Carolina Durante. Faiseme difícil definir ao"pijo" ou "pija". A definicón máis pavera fíxoa o humorista Gila, nun monólogo, nos anos 50, cando contaba a súa adopción (por pobre) por un marqués que no momento de chegar, á casa, díxolle "a partir de agora vaste chamar Luis Enrique Carlos Jorge Alfredo, ao final quedou en Chuchi". Hai xente que asocia "pijo" con "elegante", ou "rico", pero custa facer unha definición soa. Ao longo da miña vida puden observan distintos tipos de "pijos". O concepto clásico sería os que proveñen de familias de "rancio abolengo", con poder económico e, tamén, con poder social ("pijoaristócratas"). Isto foi invadido no franquismo co nacemento desa clase social que se foi creando arredor do réxime, onde tamén se incluíron títulos nobiliarios. O que denominamos "pijo" intenta ser a élite do consumo, de apoiar calquera cousa que sexa susceptible de venda para que se eleve o prezo e os mortais normais non podan achegarse a ela. Usan nomes moi característicos agora están de moda os Matilda, Jimena, Mencía ou Isabel nas mulleres, e os Borja, Beltrán, Alonso ou Pelayo nos homes. Usan marcas que, en canto as ven na xente normal eles abondonan. Conducindo polas estradas de Castela, ía pensado no que podo escribir en PontevedraViva. Así o pasado sábado (14 de setembro) indo polas terras de Soria, cara Cataluña, escoitando a radio, no programa "A vivir que son dos días", que dirixe Javier del Pino na Cadena SER, escoito falar dos "pijos". Entrevistaban a Raquel Peláez que acababa de escribir un libro sobre "pijos", titulábase "Quiero y no puedo. Una historia de los pijos de España" (https://blackiebooks.org/catalogo/raquel-pelaez-quiero-no-puedo/). Aínda non merquei, nin lin o ilbro, máis o que escoitei foi interesante. A autora deste libro di que o ser pijo é unha cuestión máis aspiracional que unha condición. A isto o viñetista, e arquitecto, José María Pérez "Peridis" contestáballe, e resumía a definición cunha frase do ABC dos anos 30 que dicía: "yo no aspiro a ser rico sino a vivir como si lo fuera".

Raquel Peláez falaba da evolución dos "pijos" na historia, mesmo como evolucionou o termo, Había cousas que o reflectían moi ben como que moita xente, nos anos 80, consideraba "pijos" a Hombre G e agora xa non. Os valores son sempre os mesmos: os cartos e como se deben gastar, pero a definición clasica xa non ten cabida neste novo "pijismo". Agora as súas musas son Federica e Froilán, o seu grupo Taburete. A súa definición entre les é que "son gente de bien". Xa estamos no pijerío "ultraespañol" e "ultramadrileño", de bandeiriña no pulso, que vai a "cayetanoborroka" e odia a "perrosánchez" ou ao "sanchismo". Xa se meteron en política, agora non votan a Ciudaddanos, nin ao PP, agora votan a VOX. Síntense orgullosos do que representan. O resto son imitadores malos.

Aínda así e todo no tema do "pijismo" eu son máis da teoría da antropóploga mexicana Karine Tinat que di que "un sempre pode ser pijo de outro"(https://estudiossociologicos.colmex.mx/index.php/es/article/view/12/0). E iso vexoo en min, cando digo que vou pasar o verán a Sanxenxo sempre hai alguén que me di "que pijo!", é dicir xa son "pijo" de alguén. Por todo iso dicir que Sanxenxo é máis pijo que outros sitios temos que miralo con cautela, comezando por nós mesmos, esteamos onde esteamos, non vaia ser ao revés.

Ricos.

Son outro dos grupos de veraneantes, quizais os que menos se notan. Hainos de sempre e hainos novos. Claro que alguén me dirá que significa a palabra "rico". Sinxelo, como diría miña avoa é o que ten os cartos por castigo. Si poñemos en cartos, son os que teñen moitos millóns de euros, por riba de vinte. Os ricos, polo menos os que eu coñezo, soen ser moi educados, na maioría das veces non te enteras de que o son,non presumen, e intentan pasar desapecibidos. Aínda que veñen a desconectar e socializar coa xente que veranea hai un invento moderno que os tolea moito, o teléfono móbil. Antes estaban máis tempo de seguido, agora unha chamada fainos irse, aínda que logo volten de novo. Do que eu coñezo hai de todo, ricos por herdanza máis que seguen mantendo, e ben, o negocio herdado. Ricos por esforzo e saber acertar nas inversións. E tamén coñezo un que lle tocou a lotería e invertíu e agora ten empresas que multiplican por vinte o gañado. Hainos que forman parte dos pijos e outros, a maioría, que non.

Altos funcionarios do Estado.

Non me lembro de quen me dixo que Sanxenxo é o concello de España no que, no verán, por metro cadarado hai máis notarios e notarias, máis rexistradores e rexistradoras da propiedade e máis persoal da xudicatura que en ningún outro sitio. Eu engadiría tamén a altos funcionarios da Unión Europea, do Estado e da Xunta.

Os portugueses.

Poño a parte aos portugueses porque de sempre houbo veraneantes de Portugal en Sanxenxo. Lembro unha familia que viña con tres coches, toda a familia, o persoal de servizo, e maletas, moitas maletas. Agora tamén seguen vindo, aínda que como o resto dos españois, xa non veranean, veñen un mes ou quince días. Aínda que se reparten ao longo do verán aumentan a presenza a partir do quince de agosto ata mediados de setembro. Teñen unha gran querencia por Sanxenxo, na derradeira visita a Lisboa cando nos preguntaban de que parte de Galicia éramos, ao dicir Pontevedra, xa sacaban a verba máxica: Sanxenxo.

A morea.

Vanme permitir que use este nome para designar á xente que máis abunda no verán en Sanxenxo. Non me gusta usar a palabra "normal", "os normais" ou "as normais", entraríamos na definición de que significa "normal". É o grupo máis abondoso. Hai de todo, como na viña do señor. De aquí e máis de fóra. Dos que toman chiquitas e os que son abstemios. Dos que toman racións e dos que toman bocadillos. Dos que xantan no restaurante e dos que xantan na casa. Son de Ourense, de Lugo, de Santiago, da Coruña, de Pontevedra e do resto do mundo. O que non saben moitos que critican Sanxenxo é que un dos idiomas máis usados polos veraneantes é o galego. Ves xente que hai uns anos só falaba en castelán porque lle daba vergonza falar na súa lingua materna, mais foron perdendo esa vergonza. Esta é unha das cousas que máis poño en valor dos veraneantes, cando noutros sitios de veraneo non é así. Somos os da morea quen fai que Sanxenxo sexa así, somos socializadores. Cada un e cada unha son fillos e fillas da súa nai mais non enganan a ninguén, van a Sanxenxo a descansar ao seu xeito.

Tamén temos outros tipos de xente, os menos, como os contrabandistas e defraudadaores en proceso de branqueo, mais non me gusta falar deles, o ser como son xa é mérito.

Mentres teñamos saúde, veranearemos en Sanxenxo. Dicirlle ao alcalde, Telmo Martín, que non se preocupe dos "pijos", que os que, e disto estou seguro, gastamos os cartos en Sanxenxo somos os da morea, o resto son faladurías. Acabo cun diaálogo que lle escoitei a unha nena e un neno no paseo de Silgar que, supoño, paseaban cas súas familias. Díxolle a nena: "adiós pirola". Contestoulle o neno: "adiós pachocha". O uso dese adiós estorba un pouco pero por algo se comeza a normalización do idioma.

 

Cartaxena, 22 de setembro 2024.