Santakata excita aos pretores

19 de abril 2013
Actualizado: 18 de xuño 2024

Por fin alguén fai unha festa como é debido! Por fin alguén excita a intolerancia dos integrados..." pechen as portas da vida, que veñen os vándalos!"

Denominar botellón a "Santakata" é xa un exceso mediático, tan necesitados que están os titulares de palabras curtas. Botellón ten unha certa connotación negativa, pero aceptemos polbo como animal de compaña...

Unha festa é sobre todo a expresión de ledicia dun grupo social, dunha morea de persoas que se xuntan para animarse, rir, brincar, escoitar música, bailar, ligar ou amarse, en calquera das acepcións de tan ricaces e interesantes verbos con que a lingua e a vida nos agasalla.

Consumir alcohol na proporción axeitada desoxida, relaxa, divirte. Esa substancia traballa para moitas persoas como un espléndido desinhibidor mental que permite superar temores, romper pequenos obstáculos que a educación impón e acadar unha sensación de benestar e ledicia.

Festa e alcohol son dous amigos inseparables na nosa cultura, desde tempo inmemorial. Só desde un trasnoitado, simplón ou hipócrita razonamento pode negarse ese binomio feliz, que tanta pupa lle fai a algunha gentedebien que anda por ahí amargando a vida aos demáis.

Que os mozos participen felices nunha festa debíanos facer moi felices aos demáis, especialmente ante este panorama gris que ofrecen os grandes financieiros, os banqueiros, os políticos que con eles colaboran. Eses son sobre todo os que nublan a vista a calquera universitario, e non o alcohol.

Gozade da festa, mozos e mozas. Ride, berrade e enchede as rúas e os campos da vosa enerxía. Xa virán os servizos de limpeza a baldear as rúas, a recoller algún envase que vos esqueceu polo camiño, ou incluso algún condón que, coa inconsciencia do momento, quedou abandonado sen querer, co seu rastro de satisfacción.

Esquecede os denegridos, os empacados conservadores que andan pola vida dando lecións de bonomía coa cabeza dentro dun paquete de gusiluces.

Eles, pretores trasnoitados, viven cada momento arrogándose a misión de atenazar o mundo, aínda que ninguén llelo pida. Vós tedes a obriga de convertir ese planeta en algo máis xusto, máis feliz e máis divertido.

19.04.2013