San Simón, lugar de memoria

25 de xaneiro 2025

Un fenómeno ligado a San Simón, así como a outros lugares de internamento, foi o das "sacas". Consistía na entrega a forzas da Garda Civil, milicias falanxistas ou "cívicos", de detidos, co pretexto dun traslado ou un interrogatorio; estes presos, posteriormente, aparecían mortos en determinados lugares da contorna

Nestes días, o antigo lazareto da illa de San Simón, coñecido polo seu pasado como campo de concentración (non recoñecido oficialmente) e "colonia penitenciaria" tras o golpe de estado de 1936, ocupa o debate público e non faltan chamadas para deixar o tema nas mans dos historiadores. Este debate historiográfico non parece moi necesario se consideramos o consenso existente entre especialistas sobre o sucedido naquel lugar; as diferencias non van máis alá de matices no número de falecidos (en razón dos criterios de contabilización usados) e cuestións terminolóxicas.

Apréciase no debate certo descoñecemento xeneralizado sobre cuestións relacionadas coa violencia política exercida na illa sobre os presos republicanos, polo que parece necesario divulgar o coñecemento documentado sobre o tema.

O antigo lazareto funcionou como prisión dende outubro de 1936 ata marzo do ano 1943; alí foron trasladadas persoas en distintas situacións penais: preventivos en espera de ser xulgados, presos xa condenados en consello de guerra ou detidos por orde gobernativa que non estaban sometidos a ningún procedemento xudicial. Tamén variou a procedencia xeográfica, nun primeiro momento limitada a veciños da comarca e, en anos sucesivos, recibiu presos de todo o estado segundo avanzaba o curso da guerra e se facían prisioneiros. Foron moi relevantes a chegada, no ano 1938, logo da caída da fronte norte, do barco-prisión Upo Mendi, e o grupo de persoas de idade, denominados habitualmente como "os vellos", co remate da guerra.

Un fenómeno ligado a San Simón, así como a outros lugares de internamento, foi o das "sacas". Consistía na entrega a forzas da Garda Civil, milicias falanxistas ou "cívicos", de detidos, co pretexto dun traslado ou un interrogatorio; estes presos, posteriormente, aparecían mortos en determinados lugares da contorna. Estas prácticas están documentadas e consérvanse diversos escritos con elas relacionados. A burocracia carceraria esixía unha serie de trámites que deixaron a súa pegada escrita, que se conserva nos arquivos: recibos da entrega de presos, ordes de traslado, informes policiais. Dúas persoas presas no lazareto, o alcalde de Vilagarcía Valentín Briones e o xefe da policía municipal daquel concello Bienvenido Lago, deixaron testemuño escrito destas prácticas; aparte relatar a vida na illa, nomean os presos que foron obxecto de "sacas". Estas "sacas" foron particularmente intensas no mes de novembro de 1936 pero continuaron nos meses seguintes.

Na documentación conservada en arquivos militares, atopamos diversas referencias que coinciden co anotado nos diarios citados. Nunha nota reservada redactada pola policía tras a detención do inspector de prisións Lago Búa (Causa 1229/36), afírmase que o día 8 de novembro de 1936 sacaron de San Simón, para conducilos ao cárcere de Redondela, a José López Bernárdez, Luis Frade Pazos, Ramiro Granja González, Luis Varela Sobrado, José Montoto Rodríguez, Eliseo Garra Lalín, Alfonso Alonso Portugue (sic), Telmo Rodríguez Alonso, Juan Alonso Pérez (mestre), José Gómez Sampayo ("o médico dos pobres") e Antonio Picallo Buela. Sabemos que foron fusilados na volta do Couto e enterrados no cemiterio de Tenorio.

O día 9 efectuaron o mesmo con Manuel Fontán Herbón, Manuel Lustres Rivas (xornalista do Faro de Vigo), Abdón Simón Da Ponte, Silo Marmolejo Santos, Vicente Bautista Faria, Manuel Nores Portela, Víctor Fraiz Castellanos e Florentino Vázquez Doval. Neste caso foron "paseados" en Trasmañó (Redondela). O día 11 sacan a Gumersindo González González, José Romero Castiñeiro, Alberto Casal Dozo, Ángel Rial Vidal e Eduardo García Santos. Estes, xunto con Antonio Fariña Duque, foron asasinados na estrada de Campo Lameiro, na Lomba (Gargallóns), e enterrados na parte exterior do cemiterio de santo André de Xeve.

Como exemplo podemos utilizar un dos "paseados" en Xeve: Alberto Casal Dozo "O Rosquilleiro".

Na causa militar 199/37, aparece un oficio do xefe do lazareto no que se comunica que Alberto fora trasladado ao cárcere de Redondela o 11 de novembro, xunto con varios máis; existe recibo da entrega. No cárcere de Redondela certifican o ingreso e indican que o 12 de novembro fixérase cargo deles a Garda Civil. Afírmase que ao chegar á parroquia de Xeve, ao deterse o vehículo por avaría, tentou a fuxida e, ao non deterse ás voces de alto, a forza condutora causoulle a morte.

Sobre o asasinato destes seis presos, ademais da documentación citada, contamos con varias referencias por testemuños orais (Álvarez Castro, 2013 :105-106).

A apelación, como xustificación do asasinato, a un intento de fuga era xeneralizada nestes casos e os informes eran practicamente iguais en todos eles, só cambiaban o nome da vítima. Podemos comprobalo co "paseo" dun destacado pontevedrés, o dentista e dirixente do PSOE, Abraham Zbarsky Geller. Foi sacado de San Simón co pretexto dun traslado ao cárcere de Pontevedra e apareceu o seu cadáver, o 29 de decembro de 1936, no cemiterio de San Amaro xunto cos doutros dous presos de San Simón: Ángel Agra e Emilio Vilas. A xustificación, asinada polo comandante Velarde, é a habitual:

Al ser conducido en la noche de ayer por fuerza del puesto de esta Capital el preso Abrahan Zbarsky Celler (sic), según orden al efecto, desde el Lazareto de San Simón a la cárcel de esta Capital, al llegar al punto conocido por "La Fracha" y debido a una avería que tuvo el coche que lo conducía hubo necesidad de parar para repararla, en cuyo momento el conducido aprovechando la oscuridad de la noche intentó fugarse, no consiguiéndolo por que (sic) a los primeros disparos de la fuerza fué gravemente herido falleciendo a los pocos momentos, siendo transportado su cadáver al depósito del cementerio de esta Localidad. (Álvarez Castro, 2013 :122-124)

Outros falecementos foron debidos a intentos de fuga; foi o caso de Manuel Sayar , que morreu afogado ou de Rufino Miranda, detido e fusilado logo de acadar a praia de Cesantes. Tamén hai constancia de suicidios de presos, especialmente entre o grupo dos "vellos", algúns colgándose de árbores.

As condicións sanitarias e de alimentación, así como a depresión no estado de ánimo, foron causas moi importantes das mortes. O número de falecidos oscila segundo as fontes e criterios utilizados pero nunca sería inferior ao medio milleiro; temos que ter en conta que os datos proceden dunha documentación penitenciaria incompleta debido a destrución ou desaparición. Unha idea precisa do alto volume acadado ofrécenola un escrito que, no ano 1941, dirixe o alcalde de Vigo ao director xeral de prisións no que afirma que Entre la población penal de la Colonia Penitenciaria establecida en la Isla de San Simón, de la ría de Vigo, concurren de diez a doce defunciones diarias, polo que pide a construción dun novo cemiterio en Redondela.

En canto á alimentación, non só foi deficiente no mandato do corrupto Lago Búa (xulgado e fusilado polas extorsións a presos), senón que continuou ao longo do tempo. Sobre o período de Lago, outra nota reservada policial asegura que, Durante la actuación de los señores Lago Búa y Bustelo, el funcionamiento del Economato ha venido efectuándose de una manera muy deficiente principalmente en lo que se refiere al rancho. Este, en la mayoría de las noches, se componía de berberechos con fideos y agua. En los demás días, así como en las comidas del mediodía era de carne con garbanzos, siendo aquélla de ínfima calidad, pues se trata de vísceras y otros desperdicios de las reses.(Causa 1229/36)

En xeral, as testemuñas consideran que a comida era lamentable (agás nalgún caso) e, moitas veces consistía nunhas latas de sardiñas que, nalgunha ocasión produciron urticaria debido ao seu estado ou en fideos con berberechos recollidos polos propios presos. As deficientes condicións sanitarias dos moluscos producían unha descomposición permanente. Os que sufriron en maior medida a fame foron os presos procedentes de fóra de Galicia xa que non era doado que recibiran alimentos das súas familias. A solidariedade da poboación, sobre todo das mulleres da zona, só aminorou parcialmente as carencias. Debido á desnutrición, á presenza de parasitos (piollos, pulgas, chinches), ao elevado número de presos, á falla de hixiene, as enfermidades causaban estragos. A deficiente atención médica era prestada, fundamentalmente, por médicos presos, como os doutores Poza, Jacobo Otero ou Sanguino. A presenza de piollos era xeral pero acadou cotas arrepiantes coa chegada dos "vellos"; así o conta un interno, Alfredo Bautista Alconero "O Reisiño": Eran tantos os piollos que traían que, nunhas caldeiras grandes que había á parte da que tiñan para facer o rancho, poñían auga a ferver e botaban as roupas daqueles homiños alí. Claro, quedábanlles os piollos na cabeza, quedábanlles nas partes...A masa, branca, que quedaba, que subía a flotar naquela auga é algo que non...eu mireino a primeira vez e non o volvín mirar máis...¡Era algo espantoso! (Caeiro e outros, 1995: 51-52).

Estas precarias condicións acentuáronse nos internos do buque Upo Mendi, que chegaron a comer ratas.

Tampouco faltaban os malos tratos, en especial os de tipo psicolóxico, coa obrigatoriedade de entoar cánticos de carácter fascista ou de asistir a actos relixiosos. Neste senso, hai testemuños da postura valente do médico pontevedrés Celestino Poza e dun grupo de presos, que se negaron a comungar o día de San Simón. A actitude do comandante Luis de Vicente salvounos do castigo: Eu, como católico, apostólico, romano que son, ofrezo a miña comuñón polo grupo de disidentes que tiveron o valor de mostrar as súas ideas dun modo claro e patente. Os demais serán sinceiros ou non, e nada teño que obxectar, pero estes señores fórono sen dúbida e eu hónrome en estreitar a súa man. (Mosquera, 2006: 91).

Os presos foron obxecto de traballos forzados ao seren obrigados a efectuar os traballos de construción dunha estrada en Santa Cristina dos Cobres.

Os únicos fusilamentos efectuados no interior da illa dos que se ten constancia foi o de sete "asturianos" o 5 de agosto de 1938. Varias testemuñas contan a actuación nese acto do xesuíta Petronilo Nieto, un cura que destacaba polos insultos que profería aos presos e por ir armado. O preso Manolo Barros afirma : Entonces cando o tenente da forza lle deu o tiro de gracia, el, co bastón abríndolle a boca, dille: No, no, un tirito más, a éste un tirito más. Porque aún está vivo, ¿No vé que está vivo? ¡Dele un tirito más!. (Caeiro e outros, 1995: 35)

Por todo o anterior, un pequeno resume do acontecido nese espazo, parece indubidable a existencia de prácticas de violencia que poden ser consideradas como crimes contra a humanidade e a procedencia de que, como solicitan numerosas entidades e asociacións, sexa declarada como lugar de memoria.

 

Xosé Álvarez Castro.

 

Referencias: Amoedo, G. E Gil, R. Episodios de terror. Vigo: Xerais, 2007.

Álvarez Castro, X. Pontevedra nos anos do medo. Vigo: Xerais, 2013.

Caeiro, A., González, J.A. e De Saa, C. Aillados. Vigo: Ir Indo, 1995.

Mosquera, E. Catro anos a bordo dunha Illa. Vigo: A Nosa Terra, 2006.

Arquivo Intermedio Militar do Noroeste.