A viaxe secreta de Jules (I)

08 de novembro 2024

Dúas afeccións quitaban o sono a Jules: navegar e degustar ostras. No mar tinha as dúas meirandes paixóns ademais de ser o esceario recurrente das súas aventuras.

Sentíase feliz sucando a superficie empurrado polo vento e imaxinando, por baixo de si, toda sorte de marabilhas e horrores; un mundo de inexploradas tebras inzadas de misterios que, algún día, o ser humano desvelaría valéndose da ciencia e a técnica. Mais non todo eran sombras e misterios nas entranhas do mar. Tamén miríadas de peixes e recifes de coral componhían unha sinfonía de infindas cores e tesouros fabulosos.

Xa rematara a novela "Os filhos do capitán Grant" cando puxo rumbo á enseada de Arcachón, bahía interior paradisíaca no golfo de Biscaia, defendida do Atlántico polo cabo Ferret. A fermosa vila girondina, vecinha de Burdeos, posúe unha interminable praia que a rodea e numerosos criadeiros de ostras. Un verdadeiro edén. Non era a primeira vez que Jules facía esa escapada a bordo do seu Saint Michel na companha de Alexandre Delong ( alias Sandre ) como piloto, Alfred Berlot como segundo e el mesmo como capitán. Tras inxerir varias ducias de saborosos bivalvos autóctonos Oestrea Edulis regados cun selecto vinho xirondino ( santo remedio para os seus achaques intestinais froito dunha tempada de vacas fracas ) os tres facían viaxe de volta como se nada pasara, mais iso si; sen avisar, da ida nin da volta, á abnegada Honorine, esposa de Jules.

Naquel tempo, na zona Arcachón - Cape Ferret comezaba a ostricultura a grande escala grazas a un albanel -Jean Michelet- que descubriu as telhas encaladas como soporte ideal do molusco mozo. Aínda se utilizan. Jules sempre recalaba no mesón Beauchamp, non lonxe do porto onde repousaba o Saint Michel amarrado ó peirao. Nese local, o propio Beauchamp seleccionaba e servíalhe o melhor vinho de toda a Gironde e Florence, a súa dona, escolhía, abría e servíalhes as melhores ostras de Francia. Antes de abandoar o local, Jules dixo a Beauchamp a rentes da orelha:

-Grazas amigo, estaban boísimas; as melhores do mundo…

O taberneiro colheuno polo brazo e apartouno un pouco dos outros dous para falarlhe discretamente.

-Non monsieur Verne, non son as melhores do mundo. As de Cancale, na Bretanha, tenhen esa fama. Non está ben que eu o diga porque estarei perxudicando ó meu propio negocio, pero vostede é un bo amigo, un sibarita, e síntome obrigado a dicirlhe a verdade: aquí en ARCACHON están as melhores pero as melhores-melhores están en ARCADE…

-A Arcadia do Peloponeso !? -indagou Jules abraiado.

-Non tan lonxe, mon amie.

-A Arcadia mitolóxica ? -volveu preguntar.

-Non, a Arcade do noroeste espanhol na ría de Vigo, a máis baixa das rías baixas. De feito, as nosas ostras foron importadas de Galiza a partires dos anos trinta. Tanto foi así que en Arcade case se extinguiron. Só quedan algunhas toneladas pero, créame monsieur Verne: non as atopará melhores en todo o mundo.

-Sei de que país me fala, non en ván estou a documentarme abondo da Batalha de Rande e a flota da Prata para unha das minhas historias…

-Pois documéntese tamén de Arcade, Pontesampaio e o mariscal Ney, como eu fixen e seguro que se leva algunha sorpresinha.

-E como non tratan de crialas aquí ? As ostras, quero dicir -quixo saber Jules.

-Abofé que o intentamos, monsieur Verne. Trouxemos exemplares novos por mar para rematar de crialos aquí. Tamén larvas vivas.

-Pois a ver cando podemos papar unhas cantas ducias -dixo Jules relabéndose.

-Son as que venhen de xantar vostedes…

-Home, estar estaban boas pero para seren as melhores do mudo fáltalhes moito, cher Beauchamp…

-Fáltalhes Arcade. É o lugar…son as augas, monsieur Verne; as mareas, o río Verdugo, a mornura, o relento e a quietude da enseada de San Simón, os alouminhos das mariscadoras…

Jules non quixo oir máis. Xa decidira ir ate Arcade no seu pequeno Saint Michel facendo navegación costeira polo Cantábrico maila Galiza atlántica. No día seguinte xa meteran víveres e cartas náuticas e zarparon bordeando o golfo de Biscaia deixando Arcachon para, máis ó sur, avistar Biarritz e Saint JEan de Luc antes de abandoar Franza para logo pasar fronte a Donostia, Xixón, Burela, a ría de Ortigueira e o cabo Ortegal rumbo suroeste. A partires daí, a navegación fíxose máis doada no intre de rebasar o Arco Ártabro, Malpica e tras rebasar Fisterra e enfiar cara as rías Baixas con vento favorable. A navegación a vela polo Cantábrico en dirección a Galiza é complexa abondo pois o vento dominante soe ser de componhente oeste. Coma así, os tres tripulantes do Saint Michel eran marinheiros consumados e as cousas melloraron ó rebasar o cabo Ortegal e melhor se puxeron ó pasar Fisterra e baixar rumbo sur con vento en popa ate virar á esquerda entre as ilhas Sías e Cabo Home e percorrer a ría de Vigo para acceder á enseada e ilha de San Simón. O Saint Michel achegouse ó ilhó con idea de atracar e descansar un pouco antes de abordar Arcade, a tiro de pedra de alí, pero no peirao había un mastro cunha única bandeira: a U (uniform) do alfabeto que, en termos náuticos significa: “Estase dirixindo cara un perigo". O Saint Michel desistiu de atracar e axinha o fixo no peirao de Arcade entre unha certa expectación. O barco exhibía bandeira de Bélxica e os seus tres tripulantes falaban un mal castelán con lixeiro deixe francés-alemán coa rebanhada de rapaces que os rodeaban…Por que este extranho comportamento dos franceses Jules, Delong e Berlot ?

Seguindo o conselho do arcachonés Beauchamp, Jules -que levaba unha enciclopedia e demais material de escritorio a bordo- documentouse abondo sobre Arcade e Pontesampaio, asentamentos a ambas beiras do esteiro do Verdugo onde, sesenta anos atrás, as tropas do mariscal Ney e os espanhois libraron unha sangoenta batalha e aínda quedaban algúns paisanos en Soutomaior e concelhos limítrofes que tinhan participado na contenda, que fora demoedora para ambos bandos. Jules estimou que non convinha refrescarlhes a memoria a aquelas xentes non foran a tomalos por napoleónicos e linchalos no acto. “Foi unha sorte que tivesemos unha bandeira belga no barco"-pensou Jules, que estaba a vivir unha das aventuras que adoitaba escribir.