Previr non é cuestionar

02 de marzo 2024
Actualizado: 18 de xuño

Rara é xa a semana na que, por desgraza, non teñamos noticia dunha violación múltiple, cando non de máis, na que, case sempre, as vítimas son menores, ás que, previamente, se lles induciu a consumir certas substancias, ou se lles subministraran sen que elas se decataran

Rara é xa a semana na que, por desgraza, non teñamos noticia dunha violación múltiple, cando non de máis, na que, case sempre, as vítimas son menores, ás que, previamente, se lles induciu a consumir certas substancias, ou se lles subministraran sen que elas se decataran, na bebida ou, xusto é dicilo tamén, elas inxeriron de xeito voluntario, pero que, en calquera caso, anularon a súa vontade, deixándoas a mercé destes auténticos depredadores sexuais, que, ademais de abusar delas, gravan as súas fazañas, para, despois, espallalas a través das redes sociais.

A semana que remata non foi unha excepción, e os presuntos autores, malia que de presuntos teñen pouco, xa que eles mesmos se encargaron de espallar os vídeos da súa "fazaña", foron uns "influencers" moi famosos, segundo dín, entre a mocidade, entre a que contan con varios miles de seguidores, que se fan chamar "Petazetaz", que foron detidos en Madrid, por, supostamente, ter agredido sexualmente a varias menores de idade, as que, ademais, terían gravado, mentres elas estaban inconscientes, co móbil ou con cámaras instaladas no seu domicilio, ao que levaban a moitas destas rapaza, e ao que elas acudían de xeito voluntario, atraídas pola súa fama.

Hai uns días, mentres andaba enredando co mando da tele tentando atopar algo que me entretivera por un rato sen facerme pensar, que disto xa teño abondo o resto do día, din cun faladoiro no que estaban a tratar esta noticia e no que mesmo se ofrecía unha entrevista feita a unha das presuntas vítimas.

Varias foron as cousas que me chamaron a atención.

A pimeira, como é posible, e ata que punto é legal que se faga e se emita unha entrevista destas características feita a unha menor de tan só 15 anos, entendemos que sen consentimento de ninguén, xa que ela mesma admitiu que seus pais non tiñan noticia de nada do que lle acontecera, e por mais que aparecera de costas, cunha capucha, sen que, por suposto, se lle vira a cara en ningún momento.

A segunda, que a propia rapaza recoñecera que, tanto ela coma as outras que a acompañaban, coñecían a "fama" dos seus atacantes, xa que outras, entre elas 4 ou 5 amigas súas, as puxeran en antecedentes, por ter sido elas mesmas atacadas por estes malnacidos con anterioridade, malia o cal aceptaron ir a vivenda de xeito voluntario con eles, a cal chegaron despois de ter consumido xa grandes cantidades de alcohol, así como doutras substancias, o que continuaron facendo unha vez estiveron nela, segundo dixo, instigadas por eles.

Que ela mesma admitira, no transcurso da entrevista, que non podería asegurar rotundamente, ter sido forzada, xa que soamente lembraba que tivera esas relacións, pero non recordaba se accedera ou non a isto.

Non vou ir mais alá, porque xa pillei a entrevista comezada, e quero pensar que algo con máis peso se dixo antes, porque, do contrario, non sei, pero todo soaba un tanto confuso, se ben non deixo de ter en conta o lamentable estado no que debía de estar esta rapaza, que pouco máis é que unha nena, nin estou, por suposto, a culpala de nada, que quede ben claro.

Do que si podo dar fe é do xesto demudado e de horror dos convidados ao debate, cuxas identidades descoñezo, agás a dunha delas, da que tan só sei que é avogada.

O que si podo asegurar é que, en ningún momento, ningún deles, nin homes nin mulleres, puxeron en dúbida o testemuño da rapaza, nin o cuestionaran en absoluto, todo o contrario.

A polémica estalou cando unha das participantes, ao saír a colación a xa famosa expresión acuñada pola anterior Ministra de Igualdade do dereito das mulleres a poder "volver a casa soas e borrachas", manifestou que, efectivamente, temos ese dereito, pero que, por moito que así sexa, lamentablemente, animais coma os autores destas agresións, non deixan de existir, polo cal non debemos, deixar de ter prevención e tentar, na medida do posible, garantir a nosa seguridade, e que ela, como nai que é dunha filla adolescente, así llo inculcou, tentando que entendera a conveniencia de evitar certas situacións que a poderían expoñer a estar en perigo, como é o volver soa a casa de noite por certas zonas, consumir certas substancias, e, por suposto, acceder a vivendas de descoñecidos, e menos aínda cando se coñecen os antecedentes dos "anfitrións", coma neste caso, algo co que todos concordaron e que é, entendo, unha cuestión da mais elemental prudencia e de puro sentido común.

Pois ben, o xornalista que entrevistou a presunta vítima estalou coma unha bomba, sacando a relucir termos como machismo, patriarcado, etc, etc, etc, e acusando a autora do comentario e aos que lle daban a razón de exercelos sen ter en conta que, os consellos que esta señora lle dá a súa filla, poden ser igualmente aplicables para un home, xa que se el ou calquera outro regresa pola noite só, por certas zonas perigosas, e cunhas cantas copas de mais e outras substancias enriba, é, por suposto, mais susceptible de ser pode que non atacado sexualmente, pero si atracado, por exemplo.

Que ten todo o dereito a volver como e por onde lle pete?, por suposto, pero non por eso o risco deixa de existir, guste ou non.

E se non, oxalá non sexa así,pero se algún día lle chega a suceder, que lle recorde ao seu atacante cal é o seu dereito, a ver se consigue eludir a agresión.

Outro tanto me pasou a min ao día seguinte comentando o tema con algunhas persoas, acusándome de cuestionar a rapaza e unha vez máis me quedei con cara de gilipollas, con perdón, porque non son quen de entender como se pode ser tan estreito de miras como para non entender que ser prudente non ten absolutamente nada que ver con cuestionar a ningunha vítima, pero que deixar a prudencia de lado non fai desaparecer o perigo, por moitos dereitos que teñamos, nos guste ou non admitilo.

Xa para rematar, gustaríame facer unha última reflexión, sen ánimo de ofender a ninguén, nin moito menos de dar leccións, xa que son a menos indicada para facelo, pero non deixo de preguntarme, os pais desta nena, como os de tantas outras, non se decatan do estado no que chegan as súas fillas despois, ao mellor, de ter pasado toda a noite fóra?

É máis, como é posible que te deites a durmir tranquilamente mentres a túa filla, unha adolescente, non regresa ata a mañá seguinte?

Francamente, hai cousas, comportamentos, que non son quen de entender.

Será que non son quen, tampouco, de entender certos dereitos...

Asociación Si, hai saída