Praza dos Praceres - Outro 23 de abril

15 de abril 2025

Este 23 de Abril será o vintecatro desde a lamentable manhá en que a Praza dos Praceres de Lourizán se viu invadida por unha caterva de desalmados contra o desarmado pobo que intentaba defender o seu único espazo de lecer

O vintetrés de abril é unha data abondo significativa en depende que ámbitos. Que a un bo fato de ilustres escritores se lhe dera por nacer ou morrer nesta curiosa data supuxo que se celebre o día do libro. Se ademais a San Jordi (o do dragón) tamén lhe deu por espichala nesa curiosa data, non nós queda outra que celebrar o Día do Libro por todo o alto con rosa e libro polas Ramblas adiante cun sorriso de orelha a orelha. E se encima de mercalos, leramos os tales libros, a celebración XÁ sería completa.

Pois si; Shakespeare e Cervantes palmaron un 23 de abril de hai 409 anos (ben, Don Miguel morreu o 22 pero non imos discutir por un día arriba ou abaixo). O San Jordi leva algo máis tempo defunto; tanto como 1722 anos.

Nesta vindeiro 23 de abril non hai nada que celebrar pero si lembrar. Este 23 de Abril será o vintecatro desde a lamentable manhá en que a Praza dos Praceres de Lourizán se viu invadida por unha caterva de desalmados contra o desarmado pobo que intentaba defender o seu único espazo de lecer, o eirado onde celebraban as súas festas, o lugar por onde pasaban os vecinhos para celebrar unha voda, unha comunhón, uns funerais…unha praza pública pola que, unhas mentes enfermas, acordaron pasar un tren de mercadurías. Un ferrocarril que tivo moitos valedores (concelhos de Pontevedra e Marín, Deputación, Xunta, Goberno central co mesmísimo Emepunto de minixtro do Interior, Obras del Puerto, costas etc. etc. e varios particulares exacerbados). Valedores apaixoados do tren que na hora de executar a sentencia e eliminar os pasos a nivel, fanse o louco e limítanse a botar balóns fóra.

Nos Praceres arrasáronse os máis elementales dereitos humanos, moita xente quedou ferida de diferentes formas. Algo comezou a romper na parroquia aquel 23 de abril de 2001. Un século leva Lourizán aturando intervencións diversas e ningunha en favor da parroquia; sempre para beneficio de alheos.

Remato como comencei: falando de libros. Dous escritores dos máis reconhecidos do mundo estiveron dá Nosa parte: José Saramago e X. Luís Méndez Ferrín. Eternas grazas.

Ben; que o inimigo non nos vexa chorar. Aledémosnos que pasado manhá é vintecinco e temos que cantar "Grándola Vila Morena".