Practicar sexo para rebaixar tensións sociais

24 de marzo 2025

Desde a época de Félix Rodríguez de la Fuente son seareiro do documentais sobre animais. Levo visto moitos. Tiña unha idea preconcebida sobre os chimpancés

Lendo unha crónica sobre as conversacións entre Trump e Putin entroume un wasap dun amigo. Para que desfrutes! Poñía. Mandábame un enlace á paxina da Royal Society Open Science, (https://royalsocietypublishing.org/doi/10.1098/rsos.242031 ), unha revista científica de acceso aberto que levaba a: "Bonobos and chimpanzees overlap in sexual behaviour patterns during social tension", (Bonobos e chimpancés superpóñense en patróns de comportamento sexual durante a tensión social). Está feito por investigadores daUniversidade de Durham (Reino Unido). Realizado no Lola ya Bonobo Sanctuary (República Democrática do Congo) cos bonobos e no Chimfunshi Wildlife Orphanage Trust (Zambia) cos chimpancés. Os humanos comparten o 98% do ADN cos chimpancés (Pan troglodytes) e bonobos (Pan paniscus, tamén coñecidos como chimpancés pigmeos ou ananos). O estudo fíxose observando dous contextos socialmente tensos: pre-alimentación e post-conflito.

Desde a época de Félix Rodríguez de la Fuente son seareiro do documentais sobre animais. Levo visto moitos. Tiña unha idea preconcebida sobre os chimpancés. Nos documentais que vira solucionaban os problemas a paus, mesmo canibalismo. Claro que os humanos non estamos para dar leccións a ninguén, nin aos chimpancés. No caso dos bonobos xa non me sorprendeu tanto. Coñecidos polas súas relación sexuais abertas. Xenerosos cos descoñecidos. O sexo convérteno nun xeito de relaxación agradable para estreitar vínculos e rebaixar tensións. Son os "primates hippys", os de "fai o amor e non a guerra".

Os resultados do estudo indican que chimpancés e bonobos superpóñense significativamente no uso de contactos xenitais durante períodos de tensión social. Tamén explica que "dada evidencia similar en humanos, os nosos resultados apoian a noción de que este foi un trazo probablemente presente tamén no noso último devanceiro común". Os ingleses son moi paveros á hora de escribir, sobre todo no uso de eufemismos. Na introdución dinnos: "O comportamento sexual non-conceptivo (en adiante: comportamento sociosexual) é común na sociedade humana, estendéndose máis aló da reprodución para servir a unha variedade de funcións sociais. En todas as culturas, os comportamentos sociosexuais desempeñan un papel importante no fomento da confianza e o fortalecemento dos vínculos sociais". Aquí o amigo Antón diría "porque din comportamento sociosocial cando queren dicir follamiguismo".

Diante do meu pensamento, preconcebido, de bobobos hippys-pacifistas e chimpancés repartidores de leña os estudo dinos que ambas as dúas especies usan o sexo de xeito parecido nos momentos de tensión, o que inclúe, tamén, as relacións homosexuais nos dous grupos. Xa era sabido, no caso dos bonobos, de refregamentos xenitais como práctica que mellora as relacións sociais, nomeadamente entre femias. Agora tamén se observou nos machos que, por veces se montaban uns enriba doutros. O dominante enriba. No caso dos chimpancés tamén se observou refregamento de xenitais ou contacto de traseiros en intres de moita tensión. Os chimpancés gozan dunha gama máis ampla de xestos para calmar tensións, sobre todo, cando os conflitos son perigosos. Teñen xestos, sinais para calmarse e volver a estreitar lazos. Tamén é habitual neles que logo de enfrontarse biquen o corpo do outro, ou outra. Outro xesto de calma é poñer os dedos na boca do contrario. Cando demostran que son febles diante dun rival nunha situación perigosa promoven a confianza e reforzan os lazos sociais. No caso dos bonobos responderon como se esperaba deles, nos momento de tensión sexo e máis sexo para que as auga volvesen ao rego.

Nestes momentos de tensións, cos tambores de guerra na proximidade, co Re-arme no que queren meter a Europa sen consultar aos europeos, quizais o máis interesante sexa comportarse como bonobos e practicar sexo para rebaixar as tensións. Como dicía John Lennon en "Mind Games": "I want you to make love, not war" (Quero que fagas o amor, non á guerra).