Polos vieiros do Gafos

05 de agosto 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Imos nun amencer coa compaña dos chios de xílgaros e pardais e demais paxaros a carón do río, a limpeza anual do Gafos coa xente da Asociación Vaipolorío no tempo de cando florece o salgueiriño Salicaria, unha herba que se asemella moito a lavanda. Por un intre parécenos que estamos paseando polos Campos de Lavanda, aló na Provenza

Imos nun amencer coa compaña dos chios de xílgaros e pardais e demais paxaros a carón do río, a limpeza anual do Gafos coa xente da Asociación Vaipolorío no tempo de cando florece o salgueiriño Salicaria, unha herba que se asemella moito a lavanda. Por un intre parécenos que estamos paseando polos Campos de Lavanda, aló na Provenza.

Imos limpar o tramo medio onde medran as maceiras de río que no seu tempo enxertaron Ramon e Pablo. En xeral, o río permanece bastante limpo. Atopámonos con moitos peregrinos que son moi respectuosos co medio ambiente e non tiran nada ao chan e colaboran na limpeza como poden. Nada que ver ese tramo co urbano. Cando voltamos recollimos máis lixo nun tramo cativo que toda a mañá no tramo medio no rural. Tamén tivemos que retirar unha cadeira e un enreixado mergullado no medio do río en Ponte Boleira e un niño para os morcegos.

O río dos Gafos, como mil poemas e unha sinfonía de Mahler, que no rural asemella un cadro impresionista de Cezanne ou Van Gogh e no tramo unbano tende a tristura e soidade de Edwar Hopper e cando se esvaece e perde a luz un Caravaggio, que pasa pola cidade como querendo non molestar, paseniño, camiño das Corbaceiras onde volta a recuperar a luz e vida,que lle roubaron ao seu paso por Campolongo.

A memoria das lembranzas do río de cando foi importante para a vila, cando procuraba riqueza aos veciños da contorna cos Muíños cheos de vida, que eran o centro de reunión das xentes, onde se sabían das novas dos veciños e veciñas que estaban na emigración, das muiñadas, das cantareiras, dos cantos, poesías e refráns. Eran como unha artesa onde se almacenaba toda a sabedoria e o folclore popular, tamén onde mellor se conservou o idioma, tamén dos Lavadoiros. onde aquelas mulleres lavandeiras estragaban as mans na invernía, no tempo dos sabañóns e aínda así con folgos para as cancións e coplas que as levaba ao rio como os soños dunha vida mellor, toda a vida no rural e na cidade era en torno ao río, que sempre estivo aí e agora parece molestarnos a nós que acabamos de chegar.

O vindeiro domingo veñen axudar na limpeza do río os entusiastas mozos e mozas da Fundación Xoán XXIII, que se vaia preparando o rio dos Gafos. Non digo máis nada.