Xa vai máis dun ano que tiña preparado o presente texto, cando comezou a escalada de violencia no Oriente Próximo e temín que me acusaran de prosionista ou algo así. Así que esperei un pouco, pero creo que a xente ten o intelecto suficiente para discernir que un encomio do pobo xudeu como vangarda intelectual non pode ser tido como tipo ningún de apoloxía de crimes de lesa humanidade. Por iso, finalmente, decidín enviar esta colaboración.
A idea xurdiume tras ler un interesante libro do falecido catedrático de filosofía Jesús Mosterín. Un libro de pensamento xudeu, non de relixión xudía. Encántame a historia das relixións, pero tamén a historia do pensamento, así que vos decatarades de que este libro me encantou. Nel refresquei datos sobre a historia antiga do pobo hebreo, da confección dos textos bíblicos, da vida das comunidades xudías durante a Idade Media baixo dominio islamita e cristián, lin sobre figuras clave do pensamento como Maimónides, Baruch Spinoza, o máximo representante da "haskalá" ou Ilustración xudía Mendelssohn (tío do xenial músico), e as importantes achegas ao pensamento feitas polo pobo xudeu durante os séculos XIX e XX.
Os xudeus representan un 0,2% da poboación mundial, pero a súa contribución á civilización e á ciencia multiplica por cen as proporcións esperadas. Só por recoller autores do século XX, lembremos a pensadores coma Raymond Aron, Karl Marx, Marc Bloch, Henri Bergson, Paul Bernays, Isaiah Berlin, Leonard Bloomfield, Ernst Cassirer, Noam Chomsky, Marcelo Dascal, Émile Durkheim, Jerry Fodor, Sigmund Freud, Thomas Mann, Nelson Goodman, Adolf Grünbaum, Morris Halle, Friedrich Hayek, Edmund Husserl, Ray Jackendoff, Roman Jakobson, Saul Kripke, Thomas Kuhn, Imre Lakatos, Claude Lévi-Strauss, Alexander Luria, Karl Mannheim, Marvin Minsky, Ernst Nagel, Thomas Nagel, Otto Neurath, Robert Nozick, Karl Popper, Stefan Zweig, Hilary Putnam, Arthur Koestler, Hans Reichenbach, Abraham Robinson, Edward Sapir, Peter Singer, Alfred Tarski, Ernst Tugendhat, Ludwig Wittgenstein, Georg Cantor, Edward Witten, Tullio Levi-Civita, Hermann Minkowski, John von Neumann, Emmy Noether, Vito Volterra ou Norbert Wiener. Premios como os Nobel, en diferentes categorías, ou premios como a medalla Fields de matemáticas ou a medalla Max Planck avalan o que digo, cunhas altas porcentaxes. E en canto á música, ademais de a Mendelssohn e Schönberg, e Mahler temos as figuras de instrumentistas e directores orquestrais realmente notables: os violinistas David Oistrakh, Yehudi Menuhin, Itzhak Perlman, Shlomo Mintz, ou os pianistas e directores Leonard Bernstein (tamén compositor), Daniel Barenboim e Vladimir Ashkenazy, de quen non atopei mellor versión dos fermosos Nocturnos de Frédéric Chopin. En canto a Barenboim, ademais de xenial e precoz pianista, e afamado director orquestral, debemos ter en conta a súa faciana humanitaria apoiando desde hai anos a concordia árabe-israelí cos seus proxectos con mozos músicos de ambos os dous pobos. E no mundo do cine, de seguro que todos desfrutamos algunha vez das películas dos irmáns Marx, de Paul Newman, Kirk Douglas, Dustin Hoffman, de Woody Allen (tanto como actor coma director), ou de Barbra Streisand (tamén directora e recoñecida cantante).
Todos os campos do coñecemento foron cultivados polos xudeus con notable éxito. Evidentemente non lin todos os autores anteriormente mencionados, xa que a maioría deles son físicos e matemáticos, que son uns campos que sempre se me escaparon, sempre preferindo as Humanidades. Pero con algún deles si que atopei especial pracer en ler, tales como Sigmund Freud, Thomas Mann ou Arthur Koestler. A interpretación dos soños, a pesar do que poida parecer, é unha obra de moi fácil lectura e comprensión, iso si, voluminosa, non se le en catro días. En canto a Thomas Mann, aínda que debido ao cine a súa obra máis coñecida é A morte en Venecia, trátase dunha obra menor, que si se le en catro días, ou menos, contrariamente ás abultadas novelas de A montaña máxica, xenial obra que lera durante o confinamento do 2020, ou a obra de xuventude Os Buddenbrook, escrita cando o autor tiña só 26 anos e que foi a obra que sobre todo lle valeu no ano 1929 o Premio Nobel. Lera Os Buddenbrookno 2013, xa pasaron doce anos! Naquela obra Mann relata a historia durante varias xeracións dunha familia de comerciantes desde o apoxeo ata a austeridade, está ambientada, aínda que o autor nunca mencione o seu nome, na cidade alemá de Lübeck, cidade natal do propio Thomas Mann. Sorpréndeme que un mozo de 26 anos puidera escribir esa gran novela, grande en volume e en calidade literaria, igual é debido ao paupérrimo estado das humanidades a día de hoxe, no cal un mozo español desa idade non só é incapaz de escribir coma Thomas Mann, senón de ler dúas páxinas seguidas del, sumido na cultura do rápido consumo: para eles un vídeo de catro minutos xa é demasiado longo, imaxínense vostedes unha sesuda novela de máis de oitocentas páxinas. Creo que cando a miña xeración desapareza, con ela o fará a reedición dos clásicos, cun panorama literario cada vez máis mediocre plagado de novelas baratas supervendas. Aínda que debo resaltar que ser supervendas non significa ser mediocre por necesidade. O nome da rosa de Umberto Eco (autor non xudeu) sempre me pareceu xenial. Tamén teño gozado moito coa lectura doutros autores xudeus, como o historiador Marc Bloch ou o escritor e pensador Arthur Koestler. Marc Bloch foi un afamado medievalista fundador da escola historiográfica dos Annales, que foi membro da resistencia francesa e que morreu tras ser torturado durante horas pola GESTAPO (Geheime Staatspolizei). De Arthur Koestler gocei a súa novela histórica sobre a revolta de Espartaco, e xa escribín neste mesmo medio do seu suicidio, tamén escribindo do suicidio doutro intelectual xudeu, Stefan Zweig, de quen o ano pasado lin Intres estelares da humanidade.
Pero non quero saírme do tema, falabamos do pobo xudeu. As achegas culturais e científicas deste pobo, repito, só o 0,2% da poboación mundial, son abraiantes, sobre todo procedentes de Centroeuropa, os chamados asquenazís. As maiores concentracións de xudeus en Europa nos primeiros anos do século XX estaban no sur de Polonia, en Galitzia, e en Ucraína. Os avances das tropas do Terceiro Reich por estas latitudes fixo que se tomara unha decisión sobre o crecente problema xudeu: na Wannseekonferenz, celebrada nas aforas de Berlín o 20 de xaneiro do 1942, Reinhard Heydrich, coñecido como o "carniceiro de Praga" pola súa cruel actividade como Reichsprotektor de Bohemia e Moravia, levou os "deberes feitos" para a posta en práctica da Endlösung der Judenfrage, ou a "solución final para a cuestión xudía". Aquilo supuxo a fin da comunidade xudía de Galitzia (nome, por certo, ben parecido ao da nosa terra). Hai un interesante filme sobre a Wannseekonferenz onde o gran actor Kenneth Branagh interpreta a Reinhard Heydrich e Stanley Tucci fai o propio con outro dos arquitectos do horror da Endlösung, Adolf Eichmann: A solución final do ano 2001. Igualmente hai varios filmes sobre Reinhard Heydrich e a súa morte en Praga a mans dun comando checo adestrado en Gran Bretaña, pero eu recomendo Sete homes ao amencer do ano 1975 cun Anton Diffring no papel de Reinhard Heydrich, aínda que nas nosas retinas o "carniceiro de Praga" sempre será David Warner, falecido hai tres anos, pola súa interpretación na serie Holocausto emitida no ano 1978 e baseada na homónima novela de Gerald Green sobre tan dramáticos acontecementos, centrándose na familia xudía Weiss... libro que está na biblioteca dos meus pais e que teño na lista de espera.
A pesar de que a Shoá, termo hebreo aplicado ao holocausto, sinala sobre todo o terror nazi, non debemos esquecer que desde o bando "dos bos da película", os comunistas de Stalin, o pobo xudeu sufriu igualmente persecución e pogroms. No Xuízo Slánský ou "Proceso de Praga", celebrado entre o 20 e o 27 de novembro do 1952 (Stalin morrería no 1953), dos catorce acusados, dez eran xudeus, e durante o proceso o feito de ser xudeu mantiñase como un cargo. Hai anos lera as memorias dun daqueles xudeus encausados, Artur London, que levan o nome de A confesión, unhas memorias das cales recomendo a súa lectura; tamén hai unha película sobre Artur London, L'aveu (A confesión) de Costa-Gavras do 1970, sempre comprometido co cine político-social, igualmente recomendable.
A día de hoxe, o pobo xudeu segue a ser galardoado unha e outra vez, demostrando que son, a pesar de todo, unha vangarda intelectual. A historia intelectual do pobo hebreo é algo realmente impresionante, sempre me atraeu sobremaneira o pobo xudeu por ese talento intelectual e capacidade por erguer a cabeza a pesar de todos os intentos por silencialos. Unha vez máis, fago fincapé en que xudaísmo e sionismo son cousas ben distintas, de feito o sionismo foi un movemento laico, non relixioso.