Peñas

13 de agosto 2018
Actualizado: 18 de xuño 2024

Transcorridas dúas xornadas de peñas, entre as numerosas asistencias por intoxicación etílica, atópanse seis menores, en idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos. Unha sociedade que permite, tolera ou, o que é máis grave, aplaude este tipo de consumo, convertendo a Pontevedra nun gran botellódromo, é unha sociedade que ten que facerllo ver

Aínda que un non é un afeccionado aos touros, nin todo o que lle rodea, o seu nivel intelectual alcánzalle a entender que o coñecido día de peñas debería ser aquel en que hai un festexo taurino e que o celebran aqueles afeccionados, que se reuniron por grupos, para asistir ás corridas, comentar o sucedido na praza, preparar eventos, etc., ben no seu local social ou, se cadra, nun establecemento hoteleiro.

Craso erro do meu intelecto. O día de peñas en Pontevedra celébrase, efectivamente no día do correspondente festexo taurino, pero non polos afeccionados, senón por un número cada vez máis significativo de mozos, moitos deles menores de idade que, tras adquirir bebidas alcohólicas nos supermercados, moitas delas de alta gradación ou de mesturas explosivas, inundan as rúas da nosa Cidade para o seu consumo, desde as primeiras horas da tarde e ata que o corpo aguante, e teñan que ser asistidos polos servizos sanitarios.

Transcorridas dúas xornadas de peñas, entre as numerosas asistencias por intoxicación etílica, atópanse seis menores, en idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos. 

Unha sociedade que permite, tolera ou, o que é máis grave, aplaude este tipo de consumo, convertendo a Pontevedra nun gran botellódromo, é unha sociedade que ten que facerllo ver. 

Unha das distraccións frecuentes dos nosos mozos, dentro da súa capacidade de risco, é experimentar sensacións novas e poñerse a proba en canto a resistencia en consumir bebidas alcohólicas, para chamar a atención ao resto dos seus compañeiros de grupo.

Se os poderes públicos teñen moito que dicir e que facer neste asunto, sen dúbida é a familia a que, educando en valores, debe implicarse de forma efectiva en atallar este tipo de comportamentos.

Pola miña profesión, ao longo dos anos, cheguei a comprender a actitude do menor nada máis coñecer e ver a forma de actuar dos seus pais. Non pode ensinarse o que non se vive en familia. Practicar co exemplo, non só na vida diaria, de virtudes e valores, senón evitando os malos hábitos de beber alcohol en exceso. O pai ou a nai que teña estes hábitos, deberá esforzarse en deixalo para exemplo dos seus fillos. Non pode dicirse aos nosos fillos: non fagas o que eu fago?, sen unha xustificación obxectiva e razoable, xa que non lle servirá aquilo de que aínda es novo ou non tes idade suficiente?, cando eles están desexando ser maiores, actuando mimeticamente por hábitos de referencia dos adultos.

Ao lector pareceralle que estou falando de familias desestructuradas, con pai ou nai alcohólicos. Pois si, pero non só destas. Persoalmente fun testemuña dos resultados dunha educación permisiva dos pais cos seus fillos onde, curiosamente, os protagonistas non son marxinados sociais senón persoas que podemos chamarlles normais, con pais que lles deron todo tipo de caprichos e diñeiro, e que se mostraban sorprendidos e atónitos ante o aviso da Policía ou do centro hospitalario de que o seu fillo consumira unha cantidade inxente de alcohol.

Por outra banda, o alcohol, produce euforia e exacerbación dos instintos, con consecuencias que todos coñecemos de agresións físicas, rifas tumultuarias ou agresións sexuais.

Por iso é polo que cabería preguntarlle ás autoridades que si pretendemos que os nosos mozos sexan libres, responsables e decidan por si mesmos, por que esa tolerancia no consumo de bebidas alcohólicas?, son conscientes do risco a que se expoñen e expoñen aos demais?.

Isto non é diversión. É un grave problema, en que todos debemos involucrarnos.