Paxaros e biodiversidade

07 de abril 2025

Xa teño comentado en algún artigo de PontevedraViva da miña afección a observar paxaros. Venme de neno, de andar aos niños. Aprendín sen prismáticos, a puro ollo. Escoitando souben dos seus cantos.

Ando, estes días, por Cataluña. Somos un máis na familia. Desfruto ao ter aos netos e netas preto de min, aínda que sexa pouco tempo. Aínda así e todo debo confesar que un día resérvoo para min. Ás nosas cousas tamén debemos adicarlle algún tempo. Desta vez non ía ser menos. Levántamonos cedo, collemos o coche, imos para o Delta do Ebro a ver paxaros. Xa teño comentado en algún artigo de PontevedraViva da miña afección a observar paxaros. Venme de neno, de andar aos niños. Aprendín sen prismáticos, a puro ollo. Escoitando souben dos seus cantos. Calados, ao axexo, seguíamos voos, bicadas e cantos. Vou medrando. A mediados dos anos 70 entro en contacto con xente do GOG (Grupo Ornitolóxico Galego) e alí estaba o amigo Penas Patiño, autor da Guía das Aves de Galicia (Ed. Baía Edicións).Recorrer Galicia a observar as aves. Agras, senras, esteiros e lagoas. Seguimos medrando, traballamos, viaxamos. Sempre cuns prismáticos e a miña Guía Peterson (mercada no ano 1982, teño máis pero esta foi a primeira e segue). Comezamos a ir fóra, ver paxaros que non hai aquí. Villafáfila, Rio Lobos, Río Dulce, Monfragüe, a desdembocadura do Guadiana, o Delta do Ebro e Doñana que sempre sorprende. Logo imos máis lonxe. Cegoñas en Alsacia, gansos comendo a carón das vacas nos Países Baixos, limícolas da Carmarga e, por estética, os niños de cegoña nos cantís da Costa Vicentina portuguesa.

Ao Delta do Ebro veño, fundamentalmente, por ver Ardeidas, mais tamén flamencos e limícolas. Os labores que se dan ao solo para cultivar o arroz en terreos que se inundan favorece a aparición destas aves. Están case todas as desta familia de Ardeidas. Garciña pequena (Ixobrychus minutos), Garza rubia (Ardea purpurea), Garza noiteira (Nycticorax nycticorax), Garza branca (Ardea alba), Garzota (Egretta garcetta), Garza real (Ardea cinerea), Garciña boieira (Bubulus ibis) e Garza caranguexeira (Ardeala ralloides) son as que levo vistas este día. Non conseguín ver, este ano, ningún Abetouro brouión(Botaurus stellaris). Vendo estas aves lembreime de Aida G.G. A miña compañeira dos luns nos artigos de opinión de PontevedraViva. Sorprendeume, para ben, a aparición en PontevedraViva de artigos relacionados co mundo das aves e da natureza. Aida G.G. a “birdwatcher” que me aporta un aire novo, de xente nova, de facer e ver a natureza. Nótase o seu traballo de observación, e paciencia, nas fotos que pon en @naturberica. Mais lembreime dela porque nun dos seus derradeiros artigos falaba da Garza caranguexeira que eu estou a ver aquí.

Arrozais cheos de aves da familia das Ardeidas
Arrozais cheos de aves da familia das ArdeidasAndrés Núñez Rajoy

 

Logo de xantar en Poblenou do Delta un bo arroz con anguía vou a tiro fixo a ver flamencos. Sei por onde ir, camiño da praia do Trabucador. Flamencos e máis flamencos, centos deles. Collo cara Deltebre para ir vendo os regatos que fan o Delta. De súpeto unha morea de Cegoñelas comúns (Himantopus himantopus), Ibis mouros (Plegadis falcinellus) e Mazaricos reais (Nomenius arquata). Desfrutei. Levanto a cabeza e miro un cartel e vexo que pon Platja des Eucaliptus (Praia dos eucaliptus). Miro e non vexo ningún eucalipto. Fíxome lembrarme deste outono cando fun pola costa Artabra ata Estaca de Bares a ver paxaros. Só había eucaliptus e máis eucaliptus. Non daba visto paxaros. Os eucaliptus chegaban ata a beiramar. Alí o Peto verdeal (Picus sharpei) non sabe facer niños, non sabe facer buratois nesa madeira. Tamén me lembrei do escrito por Aida G.G  sobre os paseos polos montes de Tomba. Galicia está a sufrir un proceso de eucaliptización. Se o proxecto de Altri vai adiante a perda de biodiversidade vai ser enorme, sobre todo nas aves. Non entendo aos nosos gobernantes que non apostan polo que veñen os nosos visitantes, a natureza, e si polas industrias extractivas e eliminadoras da biodiversidade.

Delta do Ebro, 5 de abril de 2025