Pasou o que pasou ou as cousas claras

21 de agosto 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Este 17 de agosto, ao estar fóra de Pontevedra, non podo asistir a homenaxe a Alexandre Bóveda, na Caeira, como teño por costume. Este ano seguín pola radio a elección dos membros da mesa das Cortes Españolas. Aquí o máis acaído sería poñer a frase que pronunciou Manuel Iglesias Corral de "Pasou o que pasou". Esta frase quedou inscrita para sempre na historia do Parlamento Galego. Tan gravada quedou que cando na política hai leadas ou liortas soe empregarse esta frase

Este 17 de agosto, ao estar fóra de Pontevedra, non podo asistir a homenaxe a Alexandre Bóveda, na Caeira, como teño por costume. Este ano seguín pola radio a elección dos membros da mesa das Cortes Españolas. Aquí o máis acaído sería poñer a frase que pronunciou Manuel Iglesias Corral de "Pasou o que pasou". Esta frase quedou inscrita para sempre na historia do Parlamento Galego. Tan gravada quedou que cando na política hai leadas ou liortas soe empregarse esta frase.

Iglesias Corral non era un calquera. Era un home de falar barroco. Participou na redacción do Estatuto de Galicia (1936), deputado da ORGA, alcalde da Coruña (1932-1934). Seguidor de Casares Quiroga e dos seus "mozos turcos". Despois do golpe do estado de Franco, debido ás súas amizades, nomeadamente militares, zafouse e só tivo que pagar unha multa. No franquismo desenvolveu a súa carreira de avogado e empresario, pertencendo ao consello de administración de moitas entre elas foi Secretario Xeral Industria Ballenera Española, S. A. Nas primeiras elección democráticas sae senador pola coalición Candidatura Democrática Galega, que estaba apoiada polo PSOE, sendo senador pásase a UCD e logo a Alianza Popular pola que sae elixido deputado do Parlamento Galego.

Escribo todo isto de Iglesias Corral para saber como era o personaxe. Sabía nadar e gardar a roupa. E cando pronuncia a famosa frase non pasaba calquera cousa. Era o 18 de novembro de 1986 e o goberno de Xerardo Fernández Albor estábase descompoñendo. Desertáralle do goberno o seu vicepresidente Xosé Luis Barreiro Rivas. Barreiro quería facer un partido ou coalición como a Convergència i Unió de Jordi Pujol. Era un barco a pique. Así que cando Iglesias Corral da explicación no Parlamento di textualmente: "quen dixo que aquí non pasaba nada? Pasou o que pasou. E sabémolo todos". Houbo unha gargallada xeral no parlamento, non dou explicacións de nada, e quedou a frase para sempre.

Mais no caso da elección dos membros da mesa das Cortes Españolas non é unha frase acaída, non. O que houbo no día hoxe non é nin máis nin menos que un acto de democracia. Levamos semanas escoitando a membros importantes da cúpula do PP, como Elías Bendodo ou Cuca Gamarra xunto aos seus columnistas amigos (ou maseiros), día si e día tamén, que tiñan posibilidades de que Feijóo podía ser presidente do Goberno. Mesmo involucran, ou presionan, a El Rei que fixera pública a súa decisión de propoñelo como candidato á investidura. O medo é libre. Está claro que é unha fuxida cara diante xa que si non acadan o Goberno, e todo parece indicar que non, os postos de Feijóo e dos seus corifeos da dirección do PP están en perigo.

As cousas quedaron claras cando Cristina Narbona dá o resultados. Á primeira e por maioría absoluta. A democracia funciona con normalidade e tamén da ensinanzas. Quedou clara a maioría progresista. Tamén se manifesta a desunión da dereita e da extrema dereita. Parece un aviso para Feijóo ao deixar fora a da mesa a Vox. Polo menos así parece cando houbo que repetir votación e Vox votou en branco. Aínda así e todo eu non mo creo. Que queredes que vos diga, despois do que levan mentido, enganado, condicionado e retorcido ten máis pinta de pose que doutra cousa senón eu non entendo nada xa que están gobernando en varias comunidades autónomas. Feijóo non opina, non vaia ser.

O de hoxe foi un chanzo máis. Que se gañase a mesa non garante nada. Agora comezan as negociacións para a presidencia do Goberno. Mais tamén o de hoxe ten unha simboloxía importante que é a vontade de entendemento. Todos saben que se xogan moito. Todos teñen medo á cidadanía si hai repetición das eleccións. O camiño é complicado pois desfacer todo que fixo Mariano Rajoy non é doado. Foi unha persecución continua ao nacionalismo catalán a través da xudicatura. Non quedou ningún órgano xudicial sen intervir. Tribunal Constitucional, Tribunal Supremo, Audiencia Nacional e Fiscalía Xeral do Estado.

O Estado Español é diverso e iso ten que reflectirse dalgún xeito. Lévase anos falando da inutilidade do Senado, que actúa como órgano que lexisla, aínda que logo no valga para nada ao volveras leis ás Cortes, e convertelo nun órgano representativo das comunidades autónomas. Non sei se irá desta.

Polo que se refire a Galicia tamén nos xogamos moito. Desta, e polo que parece, o BNG é importante. Das súas negociacións dependerán moitas cousas en Galicia. Non vou facer un listado pero sempre me lembrarei que cando gobernou o bipartito houbera un acordo entre PP, PSOE e BNG no que se pedían corenta transferencias ao goberno de José Luis Rodriguez Zapatero. Logo chegou Rajoy a Madrid e Feijóo a Galicia e a cousa quedou en cero transferencias. Coma sempre o PP obtén deputados, logo gústalles Madrid e esquécense de nós, como facían o señoritos dos pazos, viñan a coller a colleita e logo para Madrid.

Neste 17 de agosto, para min Día de Galicia Mártir, día da homenaxe a Alexandre Bóveda síntome moi ledo da palabras que pronunciou Francina Armengol que vai fomentar a cooficialidade lingüística nas Cortes, así os nosos deputados poderán expresarse en galego que por outro lado non deixaba de ser unha eiva democrática que xa tiña que terse resolto moito antes.

Por todo isto non pasou o que pasou senón, que como ten que ser en democracia, as cousiñas moi claras.