Paseando por Marínselfie

11 de decembro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Paseando calquera domingo polo entorno da Alameda de Marín o máis normal é atoparse algún ou algúns contedores do lixo desbordados e o entorno cun aspecto lamentábel. Non é anecdótico, ven sendo o habitual nos últimos meses, por non dicir anos

Paseando calquera domingo polo entorno da Alameda de Marín o máis normal é atoparse algún ou algúns contedores do lixo desbordados e o entorno cun aspecto lamentábel. Non é anecdótico, ven sendo o habitual nos últimos meses, por non dicir anos. E todo pola deixadez dos nosos responsábeis municipais que non teñen interese en poñer orde e comezar a multar a quen fai isto.

Non lonxe de alí, cruzando a estrada, temos a nosa particular "obra do Escorial marinense": o futuro auditorio. Una obra que vai levar o premio á tardanza, e que en Marín comparamos coas obras do novo Mercadona. Ambas comezaron a un tempo, pero mentres no auditorio estiveron paradas ou cuns poucos operarios e pouca maquinaria, a construción do Mercadona foi un visto e non visto, con moitos traballores e moita maquinaria traballando permanentemente. Cando se traballa para o capital privado non se perde o tempo, cando é para unha administración non hai présa, sempre apareceran cartos a maiores para cubrir o "aumento de custes" e os retrasos.

As vistas que temos desde a Alameda están cada vez máis achicadas pola crecente muralla de condetores de transporte de mercancías, grazas á xenerosidade da Autoridade Portuaria. Xenerosidade coa empresa que amontona eses rectángulos valeiros diante dos nosos fuciños e en pleno centro de Marín. Nesas frecuentes conversas que teñen o Presidente da Autoridade Portuaria e a Alcaldesa de Marín non poderían adicarlle un minuto para solucionar esta vergoñenta situación?

A cen metros da Casa Consistorial temos outro exemplo da boa xestión urbanística dos nosos selfie-gobernantes. Un solar abandonado con entullos, maleza e unha colonia de gatos ben mantidos. Se continuamos camiñando ,en dirección ao pouco que queda en Marín de casco historico, podemos ir contanto os innumerábeis baixos comerciais fechados e as casas en ruínas ou a medio facer que decoran a nosa vila.

Se nós achegamos un día de feira, ou un sábado, ao mercado poderemos comprobar cos nosos propios ollos o caos automobilístico que se apodera da zona. Instalarían moitas cámaras para controlar o tráfico, pintarían moitas zonas azuis e zonas de carga e descarga para limitar o tempo de parcamento dos vehículos, mais o descontrol é evidente e habitual.

E mentres temos que padecer estas cinco situacións, desde o goberno de Marín véndenos plans de sostenibilidade e axendas urbanas onde nos pintan todo de verde. Defendendo o medio ambiente contra o cambio climatico e anunciándonos a boa nova dunha futura xestión sostíbel dos recursos. E coa misma fachenda que venden iso tamén defenden a capa e espada a presenza na ría dunha empresa contaminante como ENCE.

Todo isto intercalado entre fotos, moitas fotos, da alcaldesa e o seu séquito municipal en todo canto evento hai. Parece ser que a política actual consiste en facerse moitos selfies e fotos para subir ás redes sociais (non lles debe ir tan mal que até lles saíron imitadores na oposición), e organizar moitas eventos lúdico-festivo-gastronómicos para ter á xente contenta.

A pax romana da señora Ramallo non serve para solucionar os problemas urbanísticos de Marín, para iso fai falla vontade política, non ter medo ao enfrentamento e poñer a traballar ao concelleiro de urbanismo.