Palabras engaioladas: Maldita obsolescencia programada

13 de abril 2024
Actualizado: 18 de xuño

No corazón do noso fogar, o televisor reinaba como o soberano da diversión doméstica. Dende a alborada ata o crepúsculo, era o faro de entretemento e información e, na súa egolatría, considerábase o gardián das tradicións familiares

No corazón do noso fogar, o televisor reinaba como o soberano da diversión doméstica. Dende a alborada ata o crepúsculo, era o faro de entretemento e información e, na súa egolatría, considerábase o gardián das tradicións familiares.

Pero un día, non hai moito, o monarca electrónico comezou fraquear. Píxeles rebeldes titilaban e desaparecían, como estrelas fugaces no seu firmamento dixital. Na casa, no noso inocente optimismo, concedémoslle un voto de confianza, crendo que era un capricho pasaxeiro do destino e arranxaríase por si só.

Con todo, os problemas creceron e multiplicáronse. Os mencionados píxeles rebeldes formaron constelacións erráticas, deformando a realidade ata volvela un enigma. A tropa miúda da casa, armada con entusiasmo e determinación, lanzouse ao rescate: axustando cables, reiniciando o sistema e, ata con algúns enérxicos golpes persuasivos, intentaron devolver ao aparato á súa antiga gloria. Pero, lamentablemente, os seus esforzos resultaron ser en balde.

O fiel compañeiro de tantas veladas transformouse nunha fonte de frustración. As noites de cine víanse sabotadas por unha pantalla caótica, as novas matutinas convertíanse en xeroglíficos modernos, e os concursos, xa de por si complicados, volvíanse un labirinto de confusión.

Nesas estabamos, cando de súpeto, nun xiro digno dunha novela de Asimov, o televisor mostrou o seu verdadeiro rostro. Non, non era un mero aparato defectuoso, senón o cerebro dunha insurrección doméstica. Baixo o seu mando, todos os electrodomésticos alzáronse en rebelión: a lavadora xirando coma unha tola, o aspirador ruxindo con furia, o lavavaixelas converténdose nun triturador de porcelana, a torradeira do pan lanzando as rebandas cada vez máis lonxe, a licuadora expulsando os chorros de zume de froitas ao teito, e o forno… o forno transformándose nun volcán en erupción. Con asombro e temor, a familia presenciou como o noso fogar converteuse nunha película de ciencia ficción.

Xaime, o benxamín, suxeriu desconectar ao patrón, para así sumir ao resto da maquinaria nun caos sen líder. Elisa, a estratega, propoñía resolver a cuestión cun martelazo exemplar. A matriarca, sempre prudente e resolutiva, optou por consultar á compañía do seguro.

  • "Tranquila, señora", respondeu Mauro, o axente con voz de barítono, "é a obsolescencia programada. Cumpriron o seu ciclo e é hora de renovalos. A póliza, nestes casos, non cobre o valor da súa reposición".

Mentres, eu, preguntabame: ¿Acaso as corporacións sincronizan o ocaso dos nosos queridos aparellos para perpetuar o ciclo consumista?

Sexa como sexa, para remachar a faena e despexar de xeito definitivo a incógnita, o dependente da tenda á que fomos para renovar a dotación corroborounos:

  • Señores, agora xa non fan as cousas coma antes, agora todo é de usar e tirar. Nin sequera se molestan en facer reparacións. É máis, sairíanlles máis caras que comprar outros novos.

Neste mundo moderno, onde a tecnoloxía avanza a pasos de xigante, atopámonos nunha encrucillada. Por un lado, a tecnoloxía proporcionounos comodidades e luxos inimaxinables hai só unhas décadas. Pero, por outro, esta mesma tecnoloxía levounos a un ciclo de consumo perpetuo, onde os produtos volven obsoletos antes de que, aínda, rematemos de pagalos.

A obsolescencia programada non só afecta á nosa economía familiar, senón que tamén ten un impacto significativo no noso medio ambiente. Os electrodomésticos que se desbotan terminan en vertedoiros, contribuíndo á contaminación do solo e da auga. Ademais, a produción dos novos consome recursos naturais e enerxía, o que contribúe en gran medida ao cambio climático.

Por todo iso, é importante que, como consumidores, sexamos conscientes destas prácticas e busquemos alternativas máis sostibles. En última instancia, a decisión está nas nosas mans. Podemos elixir seguir sendo vítimas desta caducidade prefixada, ou tomar medidas para cambiar as nosas prácticas de consumo e crear un futuro máis sostible para todos. ¡Así nos vai, e así nos irá se non tomamos cartas no asunto!

Por certo, tiven que mercar un morea de aparellos, ao que se sumou ao final tamén o frigorífico.