Vaia por diante dicir que, cando vou en coche, sempre tento respectar ao máximo as normas de distancia de seguridade con vehículos de dúas rodas, cuxos usuarios están en franca desvantaxe física co usuario do automóbil. É por iso que espero o mesmo respecto cando esa desvantaxe xoga a favor de VMP's, bicicletas e motos sobre os peóns.
Pero desgraciadamente (e cada vez máis) creo que somos moitos os que pensamos que o respecto que se pide (con toda razón) polas "dúas rodas" non se devolve da mesma maneira por un número crecente de usuarios de tales vehículos. Polo menos, no que se refire á nosa cidade, na que empezan a ser cotiás e peligrosísimas as "cafradas" que máis dun protagonizan nas nosas rúas e prazas. Esa polo menos é a miña sensación e a que se desprende dos comentarios de bastantes cidadáns.
Aínda que en máis dunha ocasión desde os responsables municipais tratouse de facer chegar á cidadanía que en Pontevedra non hai problemas de convivencia entre peóns e bicis e VMP (incluiría motos), eu convidaría a calquera a sentarse media hora en calquera zona (especialmente si é peonil) e contabilizar o número de comportamentos incorrectos (moitos deles claramente perigosos para os viandantes) que se poden presenciar día si e día tamén.
Todo iso sen que teñamos (polo menos quen isto escribe) a impresión de que os encargados de corrixir tales condutas poñan demasiado interese en facelo (e sancionar se fose o caso) aos que se pasan a norma polo forro dos seus caprichos e mesmo se encaran chegando a ameazar ao cidadán que se atreva a recriminarlles o seu incívico comportamento.
Onte, sen ir máis lonxe a modo de exemplo, tiven que sufrir en primeira persoa o comportamento incívico dun "educado" condutor que case me atropela facendo slalom no medio dun paso de peóns. E aínda tivo os "bemoles" de darse a volta ante o meu chillido para ofrecerme "unhas hostias" que, sen dúbida ao seu criterio, merecera eu polo mero feito de circular a pé adecuadamente e con preferencia de paso.
Por ir concretando (e de paso que lle sirva de información aos que utilizan tales vehículos sen molestarse en coñecer a normativa de circulación aplicable). A Dirección Xeral de Tráfico, entre as normas que teñen que cumprir os usuarios dos vehículos de mobilidade persoal (VMP), di que:
- Non poden circular polas beirarrúas nin en dirección contraria ao sentido da vía.
- Os seus condutores están sometidos ás mesmas taxas máximas de alcol permitidas pola Lei de Seguridade Viaria, así como á prohibición de conducir con presenza de drogas no organismo.
- Non poden levar auriculares postos, nin facer uso do móbil.
- Teñen a obriga de utilizar casco de protección.
- Non poden superar os 25 km/hora.
- E, por suposto, deben cumprir todas e cada unha das normas do código de circulación, como calquera outro vehículo.
A ordenanza municipal de mobilidade de Pontevedra, aprobada no pleno municipal no mes de setembro de 2020, estableceu, entre outras cousas, "unha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora para todo o municipio. Este límite redúcese a 10 quilómetros por hora no centro histórico ou zonas de plataforma única, e inclúe a bicicletas e patinetes eléctricos".
Esa mesma ordenanza establece que "os vehículos a motor, bicicletas ou patinetes só poderán circular pola calzada e non poderán empregar as beirarrúas en ningún caso (salvo menores de doce anos), mentres que nas zonas de plataforma única deberán adaptar a súa velocidade ao paso do peón".
Mesmo prevé sancións "se se aprecia unha condución neglixente ou temeraria" o que inclúe circular facendo eses para esquivar aos peóns ou facelo pegado ás portas dos edificios ou locais comerciais.
Por outra banda, se calquera de nós ten prohibido circular co seu coche por zona de plataforma peonil, por que razón deben facelo vehículos a motor, especialmente motocicletas, que, para aforrar uns segundos na súa viaxe, invaden a fume de carozo devandita zona, pondo en risco a integridade física dos que transitan por ela?
De verdade, os que teñades a santa paciencia de ler esta columna non presenciastes a diario decenas de infraccións destas normas? Asegúrovos que eu vexo non menos de media ducia todos os días.
Poida que me equivoque, pero se esa mesma ordenanza municipal de mobilidade establece que corresponde á Policía Local e aos seus axentes o desenvolvemento daquelas funcións sobre regulación de tráfico, así como "formular denuncia polas infraccións que se cometan por vulneración desta ordenanza", teño a sensación (esa é a miña impresión persoal) de que moi pouco se está facendo.
Ou polo menos non o suficiente para tentar evitar que máis pronto que tarde se produza unha desgraza que teñamos que lamentar ante o comportamento incívico dun grupo aínda non numeroso, pero si perigosamente crecente, de indiviuos que, por descoñecemento da normativa, por falta de educación (ou por ambas as cousas), non respectan a nada nin a ninguén.
Non sei a vós, pero polo menos a min unha maior (e activa neste caso) presenza policial nas rúas (a pé, non no cómodo asento dun coche) proporcionaríame unha gran tranquilidade.
Por avisar que non sexa.
PD.: Para información de calquera, pero especialmente daqueles que día a día demostran unha total falta de respecto ou descoñecemento da normativa, aquí déixolles un enlace no que poderán consultar a ordenanza municipal de mobilidade completa:
https://sede.pontevedra.gal/public/publications/list/municipalregulations/ORDE/details/7154879