Oficios dos veciños: Albanel

25 de decembro 2021
Actualizado: 18 de xuño 2024

ALBANEL… Persoa que traballa na construción de edificios ou en calquera tipo de obras en que se empreguen pedras, ladrillos, cemento, area e materiais similares (RAG)

ALBANEL… Persoa que traballa na construción de edificios ou en calquera tipo de obras en que se empreguen pedras, ladrillos, cemento, area e materiais similares (RAG).

Un dos oficios máis antigos é o de albanel, comezou na prehistoria unha das profesións máis sacrificadas que hai desde aquel entón.

As primeiras construcións foron a base de barro e palla, con estes elementos comezáronse a fabricar os ladrillos de adobe, nas chairas de Mesopotamia construíronse os Zigurats, pirámides escalonadas que remataban cun templo encima, todos recordamos por exemplo a inacabada Torre de Babel.

Os gravados realizados polas civilizacións dos Sumerios, Arcadios, Asirios etc. móstrannos como había reis construtores, secundados por obreiros. Eles foron os precursores nas técnicas para realizar muros e teitos, sobresaíron sobre todos, os exipcios, só chega con recordar as pirámides de Keops ou Kefrén por exemplo, grandes obras onde chegaron a traballar ata un total de 10.000 obreiros.

Segundo teño entendido, estes obreiros ao principio deuse a entender que eran escravos, pero non, eran contratados como obreiros, seica as súas condicións eran tan miserables que chegaron a realizar a primeira folga da construción, reclamando ao Faraón melloras na alimentación que recibían polo traballo feito, no fondo dá a entender que eran escravos.

Co paso dos anos os novos sistemas de construción, as novas ferramentas e as novas técnicas deron paso á mellora e á duración do que se construía.

Aproveito este relato para homenaxear os meus veciños de Cerponzóns, parroquia que desde moitísimos anos foi berce de numerosos profesionais albaneis.

Entre eles, meu pai, natural da parroquia de Campañó, outro dos lugares onde proliferan tamén moitos albaneis desde sempre.

Seguro que se me poño a conversar cos meus veciños que traballan neste oficio, cada un tería a súa historia que contarme, pero voume centrar na do meu pai, nos meus recordos e no que me foi contando el ao longo da súa vida, sempre tiña algunha anécdota que relatarme, mesmo uns días antes do seu falecemento chegou a contarme dunha en Venezuela.

O meu pai de moi novo foi presentado por un dos membros da empresa onde ía traballar ao que sería o seu xefe, por certo de apelido Esperón, comezando moi novo de aprendiz; unha vez aceptado estivo varios anos cunha longa aprendizaxe chea de moito traballo, de moita práctica e de moito sacrificio.

Aos poucos foi ascendendo de categoría ata chegar a ser mestre albanel. O seguinte paso na súa profesión foi emigrar. Nos anos 50 do pasado século non había outro destino se querías conseguir algo de cartos para poder formar unha familia.

Meu pai contaba 25 anos cando se foi para Arxentina, logo de pasar un tempo en Bos Aires volveu a Cerponzóns, casa e de novo embarca, esta vez dirección Venezuela.

A emigración nos anos 50 e 60 centrábase preferentemente en Arxentina, Venezuela, Brasil e Uruguai. O meu pai, como outros moitos galegos, vendo que o bolívar inflara polo petróleo e consecuentemente desprazaba en valor ao peso arxentino, decidiu cambiar de destino e facer as maletas rumbo a Venezuela.

Naqueles anos 50 a explotación e importación petrolera en Venezuela colle tal auxe que comeza o estado venezolano a mellorar e a modernizar as suas infraestruturas. Tiñan a necesidade de man de obra.

Se imos ao Arquivo da Emigración Galega, podemos ler o seguinte:

Moitos galegos emigraron para traballar na construción, non só como obreiros ou albaneis senón tamén en postos de alta cualificación; por exemplo enxeñeiros, arquitectos, peritos, técnicos especialistas, etc. Moitos deles viñan empregados por empresas españolas ou norteamericanas que o Goberno venezolano contrataba para construír estradas e autoestradas, pontes ou grandes edificios públicos. A gran oferta neste sector e os altos soldos atraían un gran número de traballadores.

Unha gran maioría de emigrados non dispoñían de estudos nin de moitos coñecementos para desempeñar algún oficio; a súa vida transcorrera no campo. A maioría comeza a traballar nas casas, sen contrato e con soldos baixos. O meu pai decidiu abrirse camiño por conta propia. A súa estancia en Bos Aires dáballe experiencia e ademais era bo no seu traballo. Pronto atopou choio, aínda que lle custaba ter obreiros cualificados, xa que todos os galegos que coñecía estaban xa traballando e os venezolanos cos que el tiña de veciños non eran dados a ser profesionais da paleta.

O traballo non faltaba, meu pai traballou de sol a sol. Especializouse en construír vaquerizas, en pouco tempo conseguiu uns bos aforros.

  • Juan (pantalón escuro) mostrando unha vaqueriza feita por el

A Caracas que el viviu foi a dunha época dun urbanismo acelerado, fixéronse construcións de todo tipo: grandes centros, autoestradas, hipódromo, teleférico, edificios enormes, etc. Unha gran maioría dos emigrantes chegados a Venezuela dirixíanse á capital. A súa actividade comercial, financeira e industrial era lugar idóneo para atopar traballo o mesmo día que chegabas.

Unha serie de fotografías que trouxo o meu pai de Venezuela son exemplo claro do traballo de albanelería que realizou xunto cos seus compañeiros, algún deles, creo recordar, da parroquia de Lérez.

  • Juan (o da boina) cos seus compañeiros.

A súa etapa en Venezuela chegou a súa fin cando de volta a Cerponzóns quería levarse á miña nai para o estado de Zulia, onde el estivera un tempo traballando, pero os meus avós convencérono para que non se marchase de novo, non tiñan máis fillos e non desexaban quedarse sós.

Meu pai entón quedouse e comezou cun novo oficio: granxeiro.

Pero nunca deixou o traballo de albanel, construíu galpóns para ter galiñas poñedoras, tamén preparou as gaiolas para a crianza de coellos, as ovellas tamén tiveron o seu espazo, construiu un pombal ao longo da casa, sendo a súa obra mestra a granxa porcina, a cal foi a súa maior ocupación durante a súa vida.

As súas paletas, picos, palas, martelos, chairas…gárdoas con moitísimo agarimo e de cando en vez fago uso delas, pero aínda que en moitas ocasións axudei ao mestre, non cheguei a ser máis que un simple pinche de albanel.

Un oficio que deixa nas mans ásperas o reflexo dun traballo pesado, duro, que deixa co paso dos anos un corpo castigado, que moita xente crese que é un oficio destinado a persoas con poucos estudos. Pero se paramos a pensar na cantidade de tarefas que realizan dámonos enseguida conta que teñen numerosas habilidades e coñecementos, seguro que máis de algún pode presumir da súa enorme intelixencia para chegar a facer construcións de moito nivel, sen necesidade de colgar na parede da súa casa un máster que o certifique.