O séquito da reacción

17 de decembro 2016
Actualizado: 18 de xuño 2024

Custa saír do abraio: que se unan sete concelleiros dun partido e tres doutro e dous doutro e unha doutro, para montar un show co amaño dun orzamento alternativo ao do goberno municipal do BNG supón un salto cualitativo no facer tan "creativo" dos grupos enmendantes que, sen dúbida, pasará a figurar nas antoloxías do disparate. Aínda así, á cidadanía de Pontevedra tennos que preocupar, e moito, as incalculables e nefastas consecuencias que poden derivar dese penoso pacto dun documento de tal calibre como é o dos presupostos.

Podería haber moitas ópticas sobre este portentoso desaguisado. Con criterios técnicos e xurídicos, xa algúns informes sinalaron a grave cantidade de deficiencias, erros, mesmo ilegalidades. Tamén podíamos anotar os esforzos de diálogo, as xuntanzas entre o Goberno municipal e estes grupos e/ou concelleiros opositores: basta con rastrexar os xornais dos últimos tempos. Así veriamos como se foron incorporando propostas. Mais non lles valeu. É máis interesante, polo visto, pactar en catro días entre eles. É certo que se autodefinen como políticamente diferentes, aínda que hai evidencias que facilitan a alianza: son todos eles grupos de obediencia española, cunha representación como oposición no Concello de 7 edís do grupo maioritario e 3, 2, e 1 edís dos demais , con situacións internas que non somos quen de valorar e, iso si, moi contrarios ao modelo de concello que o BNG vén levando a cabo aquí. E daí o actual "guirigay" cunha lección maxistral de pusilanimidade.

Desde un contexto máis amplo, somos bastantes quen asistimos hai tempo, máis ca a unha "entente cordiale", a un ridículo xeito de "compromiso histórico" non á italiana, que non dá para tanto, senón á "celulósica". Dígoo, aínda que se admiten outras miradas, botando man da semiótica. Pregunto: non coincide o pluralismo cromático que pintou nalgún papel ENCE como maquillaxe do monstro contaminante coa ampla gamma de colores que aquí se alían? Obedecen a algún designio emanado de fábrica e por agora aparentemente inescrutable para o común? Deixo a cuestión no aire, a ver se o complexo non a tapa cos fumes… Aínda que é fácil adiviñar.

A actual falcatruada sería motivo de risa se nos puxeramos en modo "antroidada", mais non toca. Porén, a cousa é ben seria. Son suave se digo que é un atropelo vergoñento a Pontevedra. Un ataque ruín e antisocial a un modelo que, por mor do labor colectivo, vén apostando ao máximo polas persoas, crea calidade de vida, coida o medio, nos nutre a autoestima e enche de orgullo, o mellor dos premios. E, por iso tamén, pretenden "liquidar" a brillante, integral, participativa, dinámica cultural deste Concello, unas liñas de traballo sólidas e necesarias para todas e todos. Aí están as loubanzas e éxitos innumerables por iso, que van enriquecendo o patrimonio "psicosocial" do pobo e poñendo Pontevedra no mapamundi!

É esta política avanzada, referente, de profunda transformación, absolutamente social (cando entenderá algún "lumbrera" dos enmendantes minoritarios que a cidade ten que ser social e pública, como o ensino, a sanidade) a que nos queren destruír? Non o consentiremos! Hai quen deixou de ser consciente do que supón formar parte do séquito da reacción?

 

Xosé Abilleira Sanmartín

Presidente da Asociación Cultural Maio Longo (Pontevedra)