Se algo frívolo me interesa neste mundo é a cultura visual, aínda que algún amigo ben informado tenme comentado que se Freud me coñecese, xa non tiña máis que escribir a miña biografía... pero o tipo é filósofo ou psicólogo, e esas sempre fóron para min admirables actividades polas que realmente non sinto gran curiosidade.
O caso e perdoen que lles fale tanto de min é que tamén sonpobre. E por tanto, formo parte do público obxectivo de Ikea, que vende aos pobres de Europa por corenta, os produtos que compra a outros aínda máis pobres por catro patacos, mentres as nosas moblerías pechan por obra e graza do neoliberalismo rampante.
Despois de árduas discusións cun colega, mira, qué queres que che diga... Ikea sabe o que quero, tenme completamente estudiado, sabe cómo sorprenderme e dame sen tonterías o que me fai feliz... e ademáis podo pagarlle en cash e co que me sobra aínda me dou un capricho no Venus ou en Venezia, segundo o caso.
Estes días de obras na casa, monteime coa miña media laranxa un Stolmen, que non, non é unha festa fetichista, senón un sistema de estantes moi ben pensado e deseñado.
Eis a miña sorpresa cando vexo que a nórdica bricomanía pop, barata e arrebatadora foi superando o clásico macho-femia que caracterizou o mundo do parafuso ate a revolución do pret-a-montar que os suecos levan donde ven condicións de mercado.
Resulta que a rosca de toda a vida tiña até agora ese papel ingrávido e pasivo que pouco máis facía que server de soporte ao penetrante poder do parafuso, que era sempre o que rodaba e rodaba sobre o probe oco quedo, manso, expectante ata quedar eternamente prendida do seu señor.
Logo de seleccionar, presentar, alinear, apretar e reapretar uns 2.800 parafusos dos que veñen co Stolmen, vin que os deseñadores nórdicos superaron o estúpido papel pasivoque a sociedade machista lle encomenda ás mulleres. Son uns tornillos compostos da parte macho e a parte femia prácticamente iguais, e non importa que impulse a introdución do un no outro, xa que traballan coa mesma felicidade.
Preocupado por ese gratuíto atentado contra os sacros pilares da nosa civilización, decidín comprobar mediante un deses estudos científicos tan de moda, a porcentaxe de veces que funcionaba mellor a parte macho introducíndose na parte femia, que ao revés... o resultado foi revelador. Case 70 de cada 100 parafusos amarraban máis doados cando a femia se introducía no macho. O experimento supuxo que tardase 5 horas máis en montar todo o Stolmen, pero pagou a pena. Confirmei que algo muda entre nós. Era hora.
PD: chégame o convite duns amigos de Lisboa para unha festa que se chama Happy Cock pois iso, a gozar!
19.07.2013