CORENTA anos leva este grande amigo percorrendo este planeta por moitas das latitudes seguindo o ronsel de tantos e tantos galegos que se viron na necesidade de viaxar cara ó desconhecido ou daqueles grandes viaxeiros como Colón, Magalhães, James Cook, La Pérouse ou Marco Polo, por ponher algúns exemplos.
Este home, ourensán de nacencia e pontevedrés de adopción e vocación, docente da xeografía e historia, quixo conhecelas in situ. Pese ós seus limitados recursos de mestre, aproveitou cada período vacacional para achegarse aos povos do mundo con humildade e respecto. El foi sempre o seu único organizador, programador, patrocinador e guionista… Nunca foi un turista. Xamais consentiu ir da man polos circuítos oficiais por onde conducen a un para que vaia por onde eles queren que vaia e vexa o que eles queren que vexa. El está sempre entre o verdadeiro povo, os pobres (empobrecidos), os explotados e marxinados, as xentes excravizadas (nenos incluídos) nunha irracional colonización que aínda perdura. Son representantes desta diversidade que a supremacía branca pretende eliminar sen decatarse que a vida susténtase na diversidade a tódolos niveis.
Ó longo de sete meses e percorrendo 18 países dos cinco continentes, este home foi gravando todo ó seu paso e subíndoo á rede. Un trabalho excepcional onde el é o único productor, guionista, director e protagonista. Nada que ver con eses cansinos "españoles por el mundo" e outros moitos da televisión que se limitan a seren meros guías turísticos onde van polos masificados Acapulco, Copacabana, Miami, Benidorm, Marbella, "Sanjenjo", etc. etc. etc. onde hai o mesmo ambiente, mesmo idioma, mesma música, mesmos caretos de famosos…Viches unha, víchelas todas. Ou cando non, amósannos o casoplón do novo rico de moda…deprimente.
Foi a súa unha viaxe longa e case solitaria agás cando se viu acompanhado pola súa dona nas montanhas do Perú ou pola súa encantadora filha nunha Instambul fascinante…tamén a companha virtual dos centos de seguidoeres nas redes que disfrutamos das imaxes que fan por mil palabras e palabras que valen por mil imaxes. Pero o noso amigo non viaxa totalmente só. Na súa limitada equipaxe sempre viaxa unha bandeira galega. De feito, el titulou esta odisea "A volta ó mundo coa bandeira galega" Ela sae en tódalas imaxes, sostida ás veces, con agarimo, por xentes doutras latitudes mais non polos da tvg. Os da tvg son alérxicos.
Xa o temos entre nós e debecemos porque nos conte as súas andanzas, abusando da súa confianza. Que nos fale de fauna e flora exóticas. Tamén da arquitectura artístico - monumental e mesmo aquela excesiva e absurda erguida sobre desertos de area a forza de petrodólares. Xa o entrevistaron en varios medios pero con certas reservas, con certa autocensura e non por receo contra del, pois ben saben que é un pacifista nato amante da cultura, senón por medo á ancestral cacicaxe, irracional, ignorante e vingativa que segue mandaricando nestes pagos.
E ate aquí chegamos. Non dou conta do seu nome pois carezo do seu permiso, ademais coido que xa todos sabemos de quen falo.
Parabéns companheiro e benvindo sempre !