"Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue….
…falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre."
(Celso Emilio Ferreiro)
Estes fermosos versos de Celso Emilio Ferreiro pertencen a un dos poemas máis reivindicativos co idioma galego e coas nosas orixes. A nosa lingua na poesía e na prosa galega estivo moi asociada ó pobo, ó agro, ós traballadores e ós humildes. Celso Emilio Ferreiro, Castelao, Rosalía ou Neira Vilas entre outros grandes autores, fixeron alegato da lingua das nosas clases obreiras e campesiñas, a base social do pobo galego de entón.
O galego despois dunha Idade Media gloriosa viviría unha decadencia que os grandes autores dos séculos XIX e XX souberon percibir e reflictiron nas súas obras.
Esta escura etapa da fala acrecentouse nos anos de ditadura franquista nos que o galego foi perseguido e reprimido co pretexto da reafirmación da vocación fascista de Unidade nacional, mais en definitiva non era senón unha maneira de facer medrar a estigmatización do galego e de suprimir a identidade do noso pobo.
Finalizada a ditadura a prohibición cesaría, mais as consecuencias desta negra etapa perviviron e hoxe amósanse ainda nunha situación de inferioridade do galego na nosa propia terra. Por desgracia non sempre o pobo é quen de defender o propio. O canibalismo de moitos galegos coa súa lingua nai e paradigmático inda existindo a evidencia da situación de risco que segue a sufrir.
Neste sentido a actitude compracente e case cómplice da Administración non fai senón acrecentar esa brecha de desigualdade cando non toma as medidas necesarias ante unha situación de desequilibrio desfavorable para a nosa lingua. A administración Central, de feito, amosa un desprezo total pola preocupante situación dunha das linguas oficiais así recoñecidas pola propia Constitución. Deste xeito, o coñecemento do galego lonxe de ser un requisito para desempeñar un posto no ámbito territorial de Galicia, nin tan sequera na maioría dos casos se establece como mérito na valoración nas Ofertas Públicas de Emprego nin nos Concursos de méritos. Así nos atopamos coa situación paradóxica de que os empregados públicos en Galicia pódense negar a atender en galego ós administrados por non estar obrigados a coñecer o idioma, mentras que a lei e a propia Constitución amparan o dereito do seu uso ós administrados e a obrigación por parte da Administración de dirixirse a estes nela.
Deixando aparte os aspectos prácticos da nosa fala, non debemos esquecer que a lingua é un patrimonio valiosísimo para calquera cultura. Con todo, a historia reflicte en moitos casos situacións de canibalismo cultural nas que incluso baixo os condicionantes do poder se xustifica a destrución da propia cultura e do propio patrimonio: na Italia renacentista destruíanse obras paganas por orden do poderoso fraile Savonarola, e ata o mesmo Boticcelli acabou queimando moitas das súas xenialidades arrepentido e quen sabe si tamén algo atemorizado. Os iconoclastas Bizantinos destruían toda representación de Deus ou da Virxe inda que levaran a pegada de grandes mestres e artistas. E na actualidade o Estado Islámico eliminou grandes obras de arte en museos, e destruiu no seu fanatismo gran parte do patrimonio do mundo árabe. Así sucedeu en Galicia co noso idioma que por desgracia tamén se atopou en demasiadas ocasións con esa mesma teima : os talibáns da lingua que adoitan pensar que sobra conservala, xa que "non ten ninguna utilidade".
Sobraría dicir que esa é unha falacia fácilmente desmontable. O galego está vixente hoxe co seu irmán o portugués en Brasil, Angola, Mozambique, Portugal ou cabo Verde entre outros países.
Con todo, ese non é o único propósito da conservación da nosa lingua, ou polo menos falando en términos de Patrimonio. A utilidade práctica non é xamais a motivación que dirixe a conservación dun patrimonio. Ninguén cuestiona hoxe en día en Galicia a preservación da arte: unha obra de Laxeiro, unha escultura de Asorey, unha mámoa ou un petróglifo carecen de utilidade práctica mais existe a necesidade e a obriga de coidalos e conservalos. E por suposto o idioma é un patrimonio sin o cal non se pode entender a historia, a tradición e en definitiva o acervo cultural dun pobo. É por elo que a preservación do idioma debe ser preceptiva. Mais esa conservación non se pode dar sen a promoción do seu uso extensivo. Trátase de conseguir reverter a situación desfavorable na que o galego se dilúe no uso cotián coma algo extraordinario e incluso incómodo.
A propia UNESCO inclúe coma un elemento mais do patrimonio cultural a lingua, e chega a editar desde fai anos un Atlas de linguas do mundo en perigo, establecendo varios niveles, onde o galego se situa nun estatus de risco debido a que os nenos xa non o aprenden nas súas familias coma lingua materna. Esta por suposto non é nin moito menos a situación do español, por iso está sobradamente xustificada a necesidade de facer unha política de "discriminación positiva" favorable ó galego, do mesmo xeito que está xustificada a discriminación positiva nos casos da Violencia de Xénero ou das persoas en risco de exclusión social, entre outros. Deste xeito o debate do chamado Bilingüismo defendendo o incremento do uso do castelán na escola entre outros ámbitos, non amosa os argumentos reais por agochar e obviar unha situación de partida desfavorable para o noso idioma.
De volta co tema do patrimonio non hai que esquecer a necesidade e obrigatoriedade de preservar ós valores culturais dos pobos. O galego é vehículo necesario para coñecer o noso vasto patrimonio literario e tamén vínculo imprescindible coa nosa riqueza etnográfica arquitectónica e artística. Tradición, arte, cultura e lingua fúndense coma un todo imprescindible para conservar a nosa identidade e a nosa diversidade cultural, algo que a propia UNESCO define coma forza de desenrolo e crecemento dos pobos do mundo.