De sempre tenho unha especial querencia pola praza de S. Xosé, arestora da Cultura. En realidade, tóda-las prazas desta vila, en máior ou menor medida , están están ateigadas de cultura e esta, ademais, garda moitas das minhas máis vellas e belas lembranzas.
Lembro vir mercar o pan a ó forno de Carral e á tenda da senha Consuelo e pasmar vendo baixar as barreiras do paso a nivel a golpe de veo da man da senhora gardavías e agardar o que for preciso para ver pasar os longos trens arrastrados por xigantes e fermosas locomotoras a vapor atravesando a estrada de Marín co seu porte imponhente entre efémeras nubes e recendo de hulha. Véxome de pé no velho bar Palacio coa bolsa do pan en bandoleira hipnotizado, abraiado, descubrindo o meirande invento da humanidade: a televisión. Recordo, pendurada sobre a praza, aquela incríble obra de inxeniería que era o tendido eléctrico do "trole", obra dos Ferreiro, García, Méndez e outros xenios do Tranvía Eléctrico de Pontevedra, entre a Capilla e o bar Americano do benquerido senhor Ramón o "Miserias". Vaia tamén un recordo para o senhor Facorro e devanceiros.
Vale, pero onde é que vou eu con este tipo de divagacións? Pois vaites que estoutro día vexo nunha foto dun xornal a Rosalía sentada á mesa cos tertulianos de bronce que hogano ocupan o centro da praza de San Xosé, Cultura ou como queira que se chame. O caso foi que me pareceu unha moi boa idea e alá me fun axinha a ver a novidade. Cando alá cheguei, non atopei poetisa nin rastro dela. Despois alguén me aclarou que se tratara dunha imaxe efémera para conmemorar o centenario do nacemento de Rosalía. Unha intervención artística dun rapaz chamado Isaac Sucadas. Coma así, eu quedei fondamente afectado, tanto que, cando vexo a escultura, sinto que lhe falta algo.
A obra sempre me pareceu admirable, malia que os diferentes persoeiros non tivesen coincidido en vida. A idea de plasmar unha imaxinaria tertulia literaria no Moderno é sinxelamente xenial que foi moi ben acolhida pola xente, malia que Paz Andrade asuste ós nenos (a broma supúxolhe a perda e posterior reposición dun brazo). O asunto é que Pontevedra tenlhe lei a ese monumento que non se sabe moi ben se se chama Faladoiro ou Tertulia Literaria e ó que o povo, sempre sabio rematou por chamarlhe Os Músicos. De calquera xeito Castelao, Bóveda, Casares, Paz Andrade, Cabanillas e Manuel Quiroga vense moi favorecidos pero...
...Despois do movemento 8M eu vexo ós ilustres tertulianos como apoucados, tristes, obsoletos...non sei; algo anacrónico, decimonónico, caduco, bisonho. A Tertulia de San Xosé é monocorde...fáltalhe algo...fáltalhe UNHA MULHER. Unha cando menos. Fáltalhe unha mulher e nós, Pontevedra temos a melhor. Unha dona ilustrada, imaxinativa, xenial. Unha escritora en galego, galegofalante e galegoamante. Cando a nosa Lingua está acosada por un fato de desleigados e renegados pighócratas, unha mulher, a extremenha máis galega ama e adopta a nosa doce Fala con respecto e devoción.
Non sei a quen correspondería inclúir no Faladoiro a María Victoria Moreno, a quen se homenaxea coas Letras Galegas 2018, tanto me ten pero fágano; polo ben de todos.