Do 18 ao 21 de xuño celebraranse en Pontevedra dous congresos internacionais que teñen como obxectivo analizar as prácticas de consumo responsable, as políticas de decrecemento e o ecoloxismo.
Como preludio, a partir do mes de abril, están previstas charlas, obradoiros e a participación do alumnado dos IES de Pontevedra en proxectos de transición ecolóxica.
Polo tanto, quero celebrar e aplaudir desde estas liñas esta iniciativa, que tal como destacou o alcalde Miguel A. Fernández Lores encaixan co modelo urbano da cidade. É alentador ver a conexión entre estes congresos a comunidade estudiantil e o modelo municipal. Os avances, tan necesarios nas políticas de decrecemento, pasan necesariamente pola concienciación e o compromiso das novas xeracións. Por todo isto, os meus parabéns aos promotores, o equipo de Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo.
O avance das políticas de disminución pode parecer, na actualidade, ir contra corrente. Sen embargo, aínda que o decrecemento non é unha solución máxica, si é unha ferramenta valiosa para contrarrestar os efectos negativos da hipermodernidade, caracterizada polo individualismo extremo, a cultura narcisista e o hiperconsumo. As políticas de redución son unha invitación a repensar as nosas prioridades, a construír un futuro mellor e a vivir unha vida máis plena.
Se estás farto do consumismo desenfreado, da cultura do "máis é mellor" e a tiranía das últimas tendencias da moda, entón as teorías do decrecemento poderían ser a túa nova relixión (ou polo menos o teu novo pasatempo favorito).
Se estás canso de vivir nunha sociedade obsesionada coas cousas, esquécete das rebaixas e do Black Friday e de acumular aparellos que non precisas para impresionar á xente. O decrecemento propón un cambio radical: revalorizar o ser sobre o ter. Trátase de priorizar a calidade sobre a cantidade, vivir con menos para vivir mellor.
Podes imaxinar un mundo no que non necesites comprar un teléfono novo todos os anos? Un mundo onde se repare a roupa en lugar de tirala, onde os obxectos se valoran pola súa utilidade e non polo seu prezo. Un mundo onde as persoas importan máis que as cousas.
Si, xa o sei, soa a utopía. Pero as teorías do decrecemento non son un soño imposible, son unha proposta concreta para construír un futuro máis xusto e sostible. Trátase de repensar as nosas prioridades, cambiar os nosos hábitos de consumo e crear unha sociedade máis humana e responsable co planeta.
E que dicir do individualismo exacerbado, tan acentuado no momento actual? O decrecemento aposta por fortalecer os lazos sociais e a cooperación comunitaria. Trátase de pasar do "eu" ao "nós", entendendo que o benestar individual está ligado a prosperiedade colectiva.
Pero, non teñas medo, non se trata de volver ás covas. Tampouco de vivir coma un eremita no monte. O decrecemento non significa renunciar á tecnoloxía nin ás comodidades da vida moderna. Trátase de utilizalas de forma responsable e sostible.
Preocúpache que o decrecemento afecte á economía? Pois sorprenderache saber que o decrecemento pode xerar máis emprego, estimular a innovación e mellorar a calidade de vida.
Aquí tes algúns consellos para comezar a práctica :
- Merca só o que realmente necesitas.
- Non tires cousas que aínda se poden usar.
- Apoia aos pequenos produtores e consume produtos locais e sostibles.
- Comparte as túas cousas con outras persoas e participa en proxectos comunitarios.
- Aforra enerxía, auga e recursos naturais.
Lembra! o decrecemento non é unha relixión, nin unha seita, nin un club exclusivo. É unha proposta aberta á reflexión e ao debate.
Pero ten coidado: non te engañes! O decrecemento non é para todos. Se es amante do consumismo desmedido e encántache acumular cousas que non necesitas, este movemento non é para ti. Continúa comprando ata que che doa a tarxeta de crédito.