O Chochonauta

10 de decembro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Venancio atopábase ó cabo dunha vida tan corrente e vulgar como a de miles de milhóns de humanos habidos ó longo e largo desta canica flotante que algúns chaman mundo

ISTO non vos é conto ningún, pero vós porfiades que si e, por máis que volo xure por estas que son cruces, vós seguiredes sen crelo. Como queirades, eu vóuvolo contar de todas todas.
 
Venancio atopábase ó cabo dunha vida tan corrente e vulgar como a de miles de milhóns de humanos habidos ó longo e largo desta canica flotante que algúns chaman mundo.
 
Estaba tan acabadinho que xa case non falaba,apenas comía, bebía por conta-gotas e respiraba por unha cánula. Era pouco máis que un esqueleto tapizado de pelica enxoita e correosa.
 
Non estaba só. O seu cuarto semelhaba o camarote dos Marx. Víase ben que era a derradeira morada dun moribundo rico.
 
E chegou o parente político, pois sempre hai algún ata nas melhores familias. Nun momento dado elevou a sua imposturada voz de elocuente predicador por encima de suspiros, rezos e aies varios.
 
- Este home…que digo home!; este notable patriarca que tanto se sacrificou polo benestar desta familia, batendo o cobre día tras día ata conseguir acumular un enorme capital coa suor da sua fronte e a seu natural instinto negociador…
 
- A onde queres ir parar noxento demagogo ? Coidas que estás nun mitin falándolhe ás ovelhas que te votan ? -saltou a neta Valentina Teresa, que tinha fama de roxa- Pecha o peteiro e respecta ó avó comatoso, lacoeiro !
 
- Ei, de comatoso nada! -protestou desde o leito mortuorio o velho panarra.
 
- Podemos facerlhe un acto de homenaxe no Concelho nomeándoo filho adoptivo e entregándolhe as chaves da cidade, todo cuberto polas radios e televisións e con algún xornalista portugués para darlhe un aquel internacional -volveu falar o sobrinho deputado conservador ( conservador da poltrona parlamentar ) -Que vos parece ?
 
- Unha merda ! -protestou o velho que estaría terminal pero conservaba un oído finísimo- Eu, o que qero é cumprir a minha última vontade!
 
- E cal vén sendo a tua útima vontade? -quixo saber un dos filhos.
 
- Ir á Luna !! -refungou o senil encamado.
 
Fíxose un fondo silencio. Miráronse uns a outros sen dicir ren. Uns encolhíanse de ombreiros, outros barrenaban cos furabolos nas pápebras preguntándose se o avó toleara, o resto non daba pechado a boca. O cura, que tamén andaba por alí,preguntou:
 
- Como dixeches Venancio ?
 
- Estades xordos ? QUERO IR Á LUNAAAA !!!
 
Parecía mintira que aquel pelelho puidera berrar daquela maneira. Milagrosamente, aquel fol baleiro, podía emitir ruídos. O rebumbio de parentes foi saíndo atropeladamente do cuarto. O velhouco, o que quedaba del, ameazaba:
 
-Si, escapade treidores! Pero que saibades que se non cumprides a minha última vontade, aparte da minha maldición, ides quedar sen un can! -sentenciou Abelardo.
 
Os familiares, reunidos no cuarto vecinho,analizaban os últimos acontecementos. O Jhonantán foi o primeiro en falar:
 
- Ou sexa que ó avó dalhe agora por meterse a cosmonauta…
 
- Seica si. E en canto pode sair unha viaxe á lúa ? -preguntou un.
 
- Suponho que un capitalón -contestou outra. O filho máis novo dixo ó maior:
 
- A ver; ti que estás ó tanto da economía familiar… canta "arandela" pode ter o veho ?
- Non sei -respostou- Andará polos quince milhóns…
 
- De euros ??
 
- Pois claro, non van a ser de ladilhas. -@s demais asubiaron abraiados
 
A filha maior faloulhe ó seu filno, que paracía o máis espabilado:
 
- A ver ti Kevincinho; ti que estás moi posto na informática, a ver se te enteras de canto pode custar unha viaxe á lúa. Tenho entendido que xa ten ido ó espazo algún milhonario chalado.
 
Quedaron en xuntarse na segunda da semana seguinte para seguir debatendo.
 
- Conseguín contactar cos chineses a través dun amigo meu do PC que conhece a un cubano, que fai boas migas cos chineses e que dixo que estes, en data próxima van lanzar un foguete en colaboración coa NASA…
 
- A das cervexas ? -preguntou algún. Kevincinho fixo caso omiso e seguiu:
 
- Pois seica se quedaron algo curtos de presuposto e están dispostos a levar un pasaxeiro a cambio de nove milhóns de euros que é o que precisan para combustible pero haberá que decidilo xá porque o lanzamento está programado para pasado manhá.
 
- Pois que vaia, xa que é a sua última vontade…e canto quedará para nós ?
 
- Uns seis milhóns, euro arriba, euro abaixo.
 
- Ben milhor é iso que nada -resignouse un cunhado que andaba por alí.
 
E foi dito e feito. Sentuise un balbordo infernal e un caza Harrier aterrou no patio do Hospital. De súpeto entraron no cuarto media ducia de tipos co escarandras e traxes de plástico e vestíronlhe un ó enfermo Venancio que se deixou facer pois xa o doctor Niquete o sedara ben sedado e non deu nin chío.
 
Nun pis-pás, o Harrier baixou na madrilenha base de Torrejón e embarcaron ó velho nun grande C-40 que non parou ate chegar á China comunista. Alí foi sedado de novo pois xa empezaba a protestar e a trabar a todo o que se lhe achegaba. Xa o subiran á cápsula do foguete onde ficaba deitado e atado e ben atado e aínda que patexara e berrara ata empanhar o vidro da escafandra: "Sacaime daquí!…Non quero ir á Lúaaaa !!!" Inútil; ninguén lhe entendía nada. Os principais medios informativos do mundo fixéronse eco do acontecemento; "Venancio Hortera, un mihonario galego, cosmonauta", Washington Post; "Hay un gallego en la Luna, Luna…", La Koz de Galicia; "Venancio, selenita", Le Figaro; "Encontros na terceira idade", Frankfurte Allgemeine Zeitung ou "era visto", Ecos do Xallas"…Todo un acontecemento: os parentes de Venancio vendendo exclusivas; edicións especiais, documentarios, entrevistas. Políticos de tódalas pelaxes facéndose fotos diante da casa, as televisións,Si, as televisións cos seus realiti xous. Pero todo acabou de súpeto. O nutrido clan do Venancio alugara unha pantalha xigante de televisión para ver o lanzamento todos xuntos no ximnasio do patrucio. Rematada a conta atrás, o foguete perdeuse entre as nubes e, tralos típicos comentarios, a patuleia levantou sesiónl. No día seguinte chegoulhes unha mensaxe vía internet do ministro de exteriores chinés: " Sentimos comunicarlhes que o seu familiar non resistiu a forte aceleración para acadar a velocidade de escape e… digamos que caducou. Para non facer perigar a misión e dado que xa comezaba a cheirar, acordamos ceibalo no espazo exterior e alí ficará inalterable por toda a eternidade orbitando a terra, cousa que non deixa de ser un verdadeiro luxo para as actuais e futuras xeracións dos seus descendentes…" Seguía a misiva falando de medalhas, honras, homenaxes que lhes brindarían en todo o mundo…
 
Pasado menos dun mes, soou o teléfono no caserío do defunto un certo domingo pola manhá. Unha mulher con loito ergueu o auricular e preguntou:
 
- Diga ?
 
- Hola, está Venencio ?
 
- Non, quen é ?
 
- Son Leandro, un amigo. Cando chegue dígalhe se pensa vir hoxe á Luna. Quedou de vir hai quince días pero non apareceu…
 
- Á LUNAAA ??
 
- Si, a sala de festas da estrada da Corunha, en San Vicente de Cerponzóns, Pontevedra, non sabe ?
 
- ( ¿…..? )
 
Esa foi a verdadeira historia de Venancio Hortera, un home que sen nunca ser "Yayoflauta" rematou sendo "Yayonauta".