O cambio de mentalidade dos ingleses sobre a covid

20 de marzo 2021
Actualizado: 18 de xuño 2024

Saín de Inglaterra un 17 de outubro de 2020 para volver a España, e cinco meses máis tarde me atopo cun cambio de actitude na xente moi notable. Poderíase dicir que pasaron de apenas cumprir as poucas medidas que tiñan impostas durante o verán e outono, a cumprir case á perfección todas as restricións aplicadas a día de hoxe

Saín de Inglaterra un 17 de outubro de 2020 para volver a España, e cinco meses máis tarde volvo e me atopo cun cambio de actitude na xente moi notable. Poderíase dicir que a cidadanía pasou de apenas cumprir as poucas medidas que tiñan impostas durante o verán e outono, a cumprir case á perfección todas as restricións aplicadas a día de hoxe. 

Durante os meses de xullo e agosto comezou a pedirse aos cidadáns que levasen máscaras sanitarias ou "face covering" (cubre bocas, aínda que calquera cousa servía) en espazos pechados, como pubs, restaurantes, centros comerciais ou supermercados e trens. Era a única condición que tiñan que cumprir, e aínda así non todo o mundo o facía. Non era necesario levala posta pola rúa, e aquel que o fixera se expoñía a máis dunha mirada por parte de aqueles que non a levaban, como se estivese toleando. 

Aínda que dentro dos locais os traballadores cumprían coas medidas e encargábanse de que todos as cumprisen, eses mesmos traballadores deixaban de facelo cando remataban a súa xornada; polo que simplemente estaban seguindo as normativas da empresa, e as empresas estaban a seguir as regras que lles chegaban das autoridades.

Para entrar en calquera establecemento era necesario formar unha fila, usar xel hidroalcohólico e empregar máscara. En pubs ou restaurantes era posible que pedisen un número de contacto, nome ou tamén o documento de identidade.

Xa cara ao final do verán se empezaron a empregar aplicacións móbiles, como a do NHS (o sistema sanitario inglés) para rexistrar as ubicacións dos usuarios. Porén, resultou que a aplicación non funcionou correctamente, e o goberno gastou 37 millóns de libras nunha ferramenta que deixou moito que desexar. Estaba composto por dúas partes; unha de testing, que si que funciona correctamente, e a que realmente fai o rastrexo, que só foi capaz de funcionar en catro persoas.

O número de cidadáns negacionistas que cheguei a coñecer é incontable, ou daqueles que facían comentarios como "é como calquera outro virus, simplemente temos que collelo e pasalo", "non entendo por que temos que levar máscaras, non teñen ningunha utilidade", "isto é unha gran mentira dos medios de comunicación", "canto antes collamos todos o virus, antes se rematará todo isto", entre outras singulares expresións. 

Moi pouca xente era plenamente consciente da gravidade da situación, e a información que lles chegaba non sempre era a máis fiable. Probablemente a reacción do goberno provocou tamén a reacción da xente. O cambio nas medidas foi moi drástico, e neste mes de marzo está todo pechado.

As escolas mantivéronse pechadas desde xaneiro e non foi ata principios deste mes que volveron a abrir, ao igual que as actividades deportivas ao aire libre para os escolares. Pola contra, é a única flexibilidade que se levará a cabo no mes de marzo, xa que o goberno puxo en marcha un plan de desescalada no que todo se manterá pechado ata, polo menos, mediados de abril. 

A poboación está cansa, sobre todo aqueles que teñen nenos e tiveron que facer homelearning (educación na casa) cos escolares á vez que teletraballaban, ou que tiveron que delegar aos nenos noutras persoas mentres marchaban a traballar; pero a diferenza de antes, agora están moito máis preocupados pola situación. 

Moitos deles comezaron a facer a compra online para evitar ir ao supermercado, que é evidentemente un dos lugares que permanece aberto. Aínda que a máscara non é obrigatoria na rúa hai algunha xente que a emprega de forma voluntaria. Tampouco se saltan as regras como poderían facer hai uns meses; a xente neste país é moi dada a convidar os veciños ou amigos ás súas casas, ás barbacoas ou a reunirse en xeral, e non é algo que se vexa tanto agora. Antes poderían saltarse perfectamente as restricións, pero agora lles urxe baixar o número de contaxios canto antes. 

Parece que a actitude da xente estaba a cambiar para ben, aínda que agora se lles puxo un novo obstáculo por diante: a vacina. Hai uns meses declarábanse totalmente en contra das medidas contra o virus, agora mostran o mesmo rexeitamento ou inseguridade cara á vacina, aínda que máis de 24 millóns de persoas, segundo a BBC, xa recibiron polo menos unha dose,  das cales 11 millóns son da AstraZeneca. 

* Imaxes da saída das escolas de primaria en Camberley, Surrey