Os novos Santos Dixitais

15 de novembro 2024

No pleno século XXI, o santuario moderno xa non é unha igrexa nin un templo de pedra, senón a pantalla do móbil.

 Alí, na palma das nosas mans, os influencers —estes novos "santos dixitais”— predican, modelan e ensínannos como debemos vivir… a cambio dun módico prezo, claro. Moitos asumiron un papel semellante ao das antigas figuras de autoridade, como os líderes de opinión, as celebridades ou incluso os líderes relixiosos.

 

A súa influencia vai máis alá da simple promoción de produtos; en moitos casos, os influencers definen estilos de vida e xeran tendencias que os seus seguidores adoptan sen cuestionar. Con todo, esta "fidelidade dixital” non está exenta de riscos. Tristemente, moitos influencers pasaron a ocupar un rol case sacerdotal na vida de moitos dos seus seguidores, e dítanlles a vida desde Instagram e TikTok. Que comer? Que roupa levar? Como ser a mellor versión dun mesmo? A resposta témola neles. Cunha fe inquebrantable en si mesmos, predican, modelan e, obvio, dínnos como vivir. E cada día, millóns de obedientes fieis acoden aos seus perfís, listos para participar nunha misa peculiar: a eucaristía dixital.

 

A eucaristía tradicional ofrece pan e viño; a dixital, maquillaxe e roupa de marca. Cada produto recomendado por un influencer é unha pequena hostia consagrada, e cada vez que o mercamos, sentimos que estamos máis preto deles, do seu éxito, da súa vida perfecta (perfectamente filtrada, claro). Non importa se o produto é útil ou non; o importante é sentir que estamos participando no ritual. Obedientemente mercamos a camiseta que leva o "santo dixital”, usamos esa crema ou seguimos a dieta milagrosa que nos propón e convertímonos en submisos consumidores.

 

Sexamos conscientes: os influencers non só promocionan produtos, senón valores e ideais de vida. Moitos seguidores buscan neles referentes que os orienten e pasan a ser substitutos dos modelos morais ou educativos tradicionais. Así, cando un influencer recomenda algo, desde un cosmético ata un restaurante ou un destino turístico exótico, preséntanse como persoas "normais” que comparten as súas experiencias e as súas recomendacións, que soan a auténticas e fiables; aínda que non sempre sexan útiles. Pero ollo, as marcas, por suposto, coñecen este poder, este vínculo emocional cos seus seguidores e páganlles por promocionar produtos e servizos, converténdoos en potentes axentes de márketing.

 

A protección contra este tipo de manipulación pasa por fortalecer a nosa capacidade de cuestionamento. Aprender a identificar as estratexias de persuasión e márketing nas redes sociais é fundamental para evitar que outros decidan por nós. Necesitamos ser conscientes dos manexos e intereses comerciais que hai detrás do contido e fomentar o pensamento crítico desde idades temperás para promover a reflexión sobre a influencia nas redes. Preguntarnos sempre: "Por que me recomenda isto? Que gañará con isto?” é unha vacina contra a influencia acrítica. Se non dubidamos das súas mensaxes, é fácil caer nunha imitación automática, e isto é unha forma de perder liberdade de pensamento. A auténtica liberdade implica tomar decisións de forma consciente e non deixarnos arrastrar por influencias alleas sen reflexión.

 

En conclusión, o papel dos influencers na sociedade actual reflicte unha transformación profunda nos nosos modelos de referencia e consumo. A súa presenza constante nas redes e o impacto que exercen non son inherentemente negativos. É certo que as secuelas poden ser entretidas ou inspiradoas, pero tamén poden ser perigosas se non o miramos cunha lente crítica. Teñamos sempre claro que as súas recomendacións e estilos de vida non sempre representan unha realidade obxectiva e, a miúdo, responden a intereses comerciais.

 

Fronte a esta nova dinámica, é necesario fortalecer o pensamento crítico e a educación dixital desde idades temperás, para que tanto os mozos como os adultos saiban poñer en cuestión as mensaxes que reciban e non se deixen arrastrar polo atractivo dunha vida editada. En definitiva, para que aprendan a interactuar con estes contidos de forma consciente e autónoma, sen perder a capacidade de decidir, reflexionar e priorizar as súas propias necesidades e valores.