Novo chanzo na carreira "popular" pola ilegalidade e a fraude

05 de decembro 2021
Actualizado: 18 de xuño 2024

Temos visto as declaracións da senadora do PP, Pilar Rojo, a raíz da súa presentación no rexistro do Senado dunha pregunta sobre a adscrición á Autoridade Portuaria dos terreos de dominio público marítimo-terrestre que hoxe ocupa ENCE en Lourizán, e o certo é que aínda sabendo que se trata dunha estratexia que o PP está desenvolvendo a todos os niveis institucionais que pode, non saímos do noso asombro polo descaro que agochan

Temos visto as declaracións da senadora do PP, Pilar Rojo, a raíz da súa presentación no rexistro do Senado dunha pregunta sobre a adscrición á Autoridade Portuaria dos terreos de dominio público marítimo-terrestre que hoxe ocupa ENCE en Lourizán, e o certo é que aínda sabendo que se trata dunha estratexia que o PP está desenvolvendo a todos os niveis institucionais que pode, non saímos do noso asombro polo descaro que agochan.

De acordo co recollido nos medios de comunicación, a Sra. Rojo formula a pregunta ao Goberno central para que diga "sin rodeos, si va a estudiar la viabilidad de la adscripción de los terrenos de Ence al Puerto de Marín, tal y como se comprometió la Ministra Teresa Ribera durante la reunión que mantuvo en Madrid con el Presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo", e atrévese a terxiversar -como xa fixeron con anterioridade o Sr. Feijóo e o Vicepresidente Sr. Rueda- o contido do Informe elaborado polo Consello Consultivo de Galicia ao afirmar que ese Informe garante o mantemento da fábrica no seu actual emprazamento e o mantemento dos postos de traballo.

Deixando de lado -non porque non teña importancia- que se trabuca ao falar dos "terreos de Ence" cando se trata de terreos públicos ocupados pola empresa, debemos indicar que non somos quen de saber se o seu comportamento -e a propia formulación da pregunta- responde máis a unha actitude "cínica" ou ao seu grado de ignorancia sobre o tema. Case mellor pensar na primeira opción, porque a segunda levaríanos a un escenario ben triste. Porque a realidade é que nin o Sr. Feijóo solicitou ao Consello Consultivo que emitise un informe sobre as posibilidades de adscribir Ence á Autoridade Portuaria, nin -loxicamente- o Consello Consultivo emitiu informe ningún sobre esta posibilidade. Así pois, mente a senadora do PP cando di que hai un Informe favorábel e unánime do Consello Consultivo de Galicia que avala a adscrición de ENCE ao Porto.

Preguntariámoslle nós á Sra. Rojo que diga "sen rodeos" se o que persegue e conseguir a adscrición dos terreos ocupados por ENCE ao Porto de Marín ou, pola contra, conseguir pasar por riba das sentencias xudiciais da Audiencia Nacional que deixan a ENCE sen concesión e que -cando adquiran firmeza- obrigarán á saída definitiva de Lourizán; porque son dúas cousas ben distintas. E debería saber que para adscribir eses terreos ao Porto, tería que terse producido previamente a saída de ENCE dos mesmos, xa que unha empresa destas características -coa Lei na man- non ten cabida en terreos portuarios.

E, sinxelamente, resulta pueril quea Sra. Rojo eleve a categoría de compromiso un xesto da Ministra para a Transición Ecolóxica que non responde máis que a unha elemental norma de educación. O Sr. Feijóo entrégalle un Informe a Teresa Ribera e a Ministra, como non pode ser doutro xeito, dille que o vai ler. "Fin de la cita" e fin do percorrido da visita de Feijóo ao Ministerio para a Transición Ecolóxica!

En calquera caso, desde a APDR, seguiremos loitando polo cumprimento da Lei e, xa que logo, pola saída inmediata de ENCE de Lourizán e pola recuperación da zona que hoxe ocupa, unha recuperación que -así o indica a Lei de Costas- ten que correr a cargo da titular da concesión.