Nenos ca cara pixelada

18 de marzo 2024
Actualizado: 18 de xuño

Vemos ao noso arredor como fillas e fillos acaban tendo a mesma profesión que os seus pais ou nais. Unhas veces por admiración, outras por copia e outras por economía. Vemos fillas e fillos de médicos que son médicos, avogados que son avogados, farmacéuticos que son farmacéuticos ou altos funcionarios do Estado que acaban traballando no mesmo (xuíces, notarios, rexistradores, etc.)

Vemos ao noso arredor como fillas e fillos acaban tendo a mesma profesión que os seus pais ou nais. Unhas veces por admiración, outras por copia e outras por economía. Vemos fillas e fillos de médicos que son médicos, avogados que son avogados, farmacéuticos que son farmacéuticos ou altos funcionarios do Estado que acaban traballando no mesmo (xuíces, notarios, rexistradores, etc.). Noutras profesións xa non é tanto, polo menos no repaso que lle din á xente que eu coñezo que agás das que mencionei antes, no resto hai moita diversidade. Onde non hai, case, continuidade ca profesión dos pais e nais é no sector primario. Na agricultura, gandería e no mar os fillos e fillas non seguen as profesións dos pais.

Quería facer esta introdución porque aí estaba falando de xente normal, de crianzas normais. Xente con relacións normais. Aínda así e todo un día si e outro tamén acabamos vendo nas revistas de papel "couché" e nos programas de televisión especializados no tema do "corazón" que aparecen moreas de nenas e nenos co rostro pixelado. Os pais e nais destas criaturas son moi celosos da imaxe dos seus fillos. Non queren que se vexa a imaxe dos seus descendentes, porén eles practican o que, o The Wall Street Journal xa a principios deste século, lle chamou o "sharenting", mestura das palabras en inglés share (compartir) e parenting (parentesco), para facer referencia a sobreexposición que teñen os meniños e meniñas nas redes sociais. Faise raro ver como eses pais tan esixentes coa fotos dos cativos e logo pódense ver nas redes sociais. Pais e nais, os dous soen poñer fotos ensinando á descendencia, non poño exemplos porque farían falta varias páxinas.

Porén sempre hai un dobre vara para medir, por unha banda publícanse fotos pixeladas en cumprimento da Lei de Protección Xurídica do Menor, e pola outra vemos acotío fotos de nenos e nas sen pixelar non periódicos "serios", aínda máis nestes días nos que vemos fotos dos "nenos da guerra" de Ucraína ou Gaza, nenas e nenos cansados, tristes, con fame ou morrendo de fame, a todos lles vemos o seu rostro. A esta xentiña non se lle pixela a cara, para que? Preguntarán os editores. Lémbrome dunha protesta que lle fixera un lector de El País á Defensora do Lector sobre a aparición no seu periódico dunha fotos duns nenos esnifando pegamento en Brasil (https://blogs.elpais.com/defensora-del-lector/2010/07/criterios-para-el-tratamiento-de-las-im%C3%A1genes-de-menores-.html), a min non me convence a resposta, para min os nenos e nenas son iguais en todas as partes.

Sabemos que son moitos os exemplos de pais "famosos" que se esforzan para non apareza un píxel de menos no rostro dos fillos, non vaia ser, mais cando cumpren os 18 anos comezan a vender a súa imaxe. Exclusivas, posados e/ou roubados e veña a facer caixa. Unha vez entrada na maioría de idade hai que convertilos en "nepo babies" termo que ven de nepotismo (práctica de quen abusa da influencia ou poder que ten, para dar cargos, prebendas etc., a familiares e amigos) e baby (bebé en inglés). Este termo fíxose famoso hai dou anos en Twiter (agora X) e Tik Tok para referirse aos fillos e fillas de "celebrities" que teñen carreiras moi parecidas, por non dicir que son as mesmas, que as dos seus proxenitores que polos seus contactos cunha determinada industria acaban usando eses contactos para facerlle unha carreira á filla ou fillo. En España poderíamos mesmo facer unha clasificación con ese tipo de "nepo babies" según a súa procedencia familiar así temos os "procedentes de grandes dinastías artísticas", "procedentes do mundo do papel couché" e "os que son fillos de artistas aínda non moi consolidados pero xa son famosetes".

Cando falamos dos "nepo babies" sempre asociamos ao mundo artístico. Fillos de cantantes, fillos e fillas do mundo do cine, en definitiva fillos do mundo do espectáculo aínda que fai tempo que tamén aparecen como "profesionais" non mundo da comunicación. Lembro unha das comunicadoras máis importantes das mañás, agora retirada, que presentaba á súa filla como "tertuliana" dicindo que era moi boa profesional e que merecía ter ese traballo, dende logo preparación académica non tiña pero ía traballar no programa de mamá. E así moitos, mesmo acabo de ler que dous fillos de periodistas importantes, noutra época, con só 22 anos xa dirixen, e entrevistan, nun programa de touros dunha televisión. Estase formando á xuventude. En que o importante é ser famoso, que logo poderás vivir diso. Exemplo non lle faltan. E senón "influencer" que se gañan moitos cartos, máis se vives en Andorra. Pero o que temos que dicirlle a nosa mocidade é que iso é o 0,00025 por cento, que conseguir iso é difícil.

Penso no moito que enganamos aos nosos fillos e fillas dicíndolle que estudasen, que se esforzasen, que o ascensor social existe, que podes chegar dende abaixo ata arriba de todo, que si te matas a traballar chegarás a conseguilo. Todo o que falamos aquí dos "nepo baies" tamén o podemos aplicar ao resto de moitos traballos nos que a formación ata a universidade pódese acadar, mais a partir de aí é moi difícil xa que os cartos son o factor limitante. Os másteres son moi caros e non todo mundo os pode pagar, por non dicir que hai outros que non valen para nada. Gracias á Universidade Pública rebaixamos bastante ese ascensor. Vendo como as universidades privadas aparecen como cogumelos polo país. Temos que seguir defendendo o público se queremos que os nosos fillos teñan futuro xa que "os ricos cada vez son máis ricos". Debemos ensinarlle aos nosos fillos os valores existen e que podemos ter un mundo mellor. Que aínda que son moi visíbeis, os que van dopixelado ao "nepo baby" pasando polo "sharenting" facendo caixa, son poucos e non representan á sociedade.