Din que avanzamos, que as mulleres temos cada vez máis dereitos, que gañamos terreo, que se nos escoita, que estamos protexidas ante calquera agresión, que se mira por nós... MENTIRA! E, de novo, por segunda vez na miña vida, estou a vivilo na miña propia pel. Estou a escribir este artigo, ou, mellor dito, este resumo do horror que estou vivindo, desde a miña casa, onde levo dúas semanas pechada, vítima do acoso máis brutal, mesmo moito máis do que lembro ter sufrido cando fun vítima de violencia de xénero -nesta ocasión non ten nada que ver con iso-, que crin que era insuperable, e agochada coma se fose eu a delincuente, mentres os meus acosadores continúan coas súas vidas coma se nada, sementando, ademais, o pánico por onde pasan, xa que non son eu a única que tivo a desgraza de atopalos no camiño, mentres eu son cuestionada, non crida, e mesmo tomada por tola, coma sucede case sempre que unha muller é vítima de acoso ou de calquera outro xeito de violencia exercida sobre ela.
Non vou entrar agora nos motivos deste acoso, ademais de porque o darei a coñecer en breve, porque tampouco hai nada que explicar, xa que nada, sexa polo motivo que sexa, xustifica tal crueldade, tal atentado contra a liberdade de cada quen, tanto que, teño que dicir que cheguei a temer pola miña vida e continúo a facelo.
Naturalmente, denunciei estes gravísimos feitos, pero, xustamente nese momento, cando quixen denunciar, comezou a segunda parte do pesadelo. Imaxinade a escena: Chamas ao 091, presa do terror, porque alguén está a ameazarte, aporreando a túa porta.
Esta chamada é atendida desde A Coruña, desde onde hai un tempo se centralizaron as chamadas a ODAC (Oficina de Atención ao Cidadán). É tarefa pouco menos que imposible entenderse co axente que atende a chamada, xa que as conversacións se entrecruzan, as interferencias son continuas, e unha comunicación que pode ser vital para salvar a vida de alguén, acaba por demorarse un tempo que pode ser unha sentenza de morte.
E isto no mellor dos escenarios, dando por sentado que o axente en cuestión estea polo labor de crerte e atenderte, e despois explicarei o motivo polo cal fago esta aclaración.
A isto, naturalmente, hai que engadirlle o tempo que tardan en transmitir o aviso e, porén, en chegar a patrulla pertinente, polo cal, cando o fan, os malnacidos que están a aterrorizarte xa tiveron tempo de sobra para fuxir ou para matarte, depende do que decidan.
No meu caso, cando chegaron a primeira vez que pedín socorro desesperada, foron seis osaxentes que se personaron, si. Todo un despregue policial que, naturalmente, non pasou desapercibido entre a veciñanza, pero a única resposta que me deron foi que nada podían facer porque non viran a ninguén -obviamente, non se ían quedar agardando. Son matóns, pero non imbéciles- agás deixar constancia da miña chamada.
Tamén me dixeron que tiña que denunciar... como se eu non o soubese!, pero de nada serviu que lles explicara por activa e por pasiva que non podía saír da casa, que estaba vixiada mañá, tarde e noite.
Non vou estenderme no relato deste calvario, porque, ademais, como xa dixen, darei a coñecer os detalles en breve. Abonda con dicir que esta situación repetiuse a diario durante as últimas dúas semanas, nas cales, entre outras cousas, sabotaron en repetidas ocasións o meu contador da luz, deixáronme sen subministración de auga, bloquearon a pechadura da miña porta, tentaron rompela, e a presenza dun matón diante dela foi constante. Sospeito que aínda o é, malia que non dun xeito tan evidente, e, por se alguén lle xurde a dúbida, aclaro que non, que non son okupa.
Chegaron mesmo a "pinchar" o meu teléfono, co cal, ademais de verme pola cámara, escoitaban as miñas conversas, indo sempre así un paso por diante de min, e facendo que me sentira violada, aldraxada. Non podo lembralo sen sentir de novo todo o horror.
Poñer a denuncia foi toda unha odisea que tan só o inestimable apoio do meu avogado, ademais, por suposto, de amigo e xa irmán para o que me queda de vida, foi quen de levar a cabo nun tempo récord, porque vía que eu, con todo ser unha persoa con carácter, xa me deixaba ir, que non podía máis.
A noite anterior á data sinalada para a declaración no Xulgado, a piques estiven de querer rematar con todo, porque, como era de agardar tentaron por todos os medios, impedir que puidera comparecer. E, namentres o acoso se redobraba, con cada chamada se me atendía peor, vaia, atender por dicir algo, porque, entre outras razóns, son muller, defendo a mulleres cada día, e, porén a min se me pediron probas de que o que estaba a contar era certo.
Nunca esquecerei a cara dun dos policías que, malia ver que eu xa apenas me sostiña en pé, esixiume que lle amosara as miñas facturas de luz e auga, para demostrar que estaba ao corrente de pago, pero, reitero, son muller, estaba soa, e, aínda por riba, son a "mosca cojonera" que defende a outras mulleres.
Chegou mesmo a dicirme que eu pretendía un trato de favor por ser a presidenta de Si, hai saída e que, quen sabe, tal vez mesmo fora amiga da xuíza do Xulgado no que recaeu o caso, coma se o escollera eu! Era o de garda e punto. Non se pode ser máis miserable.
Tampouco esquecerei as olladas que cruzaban entre eles, cunha clara mensaxe de "esta está tola!", para rematar dicíndome, por suposto, de novo, que non podían facer nada.
Nunca, e reitero, nunca, sentín tal pánico na miña vida.
Tan só o apoio das miñas dúas mellores amigas, e dos veciños, que pecharon filas arredor de min, foron quen de inxectarme un mínimo de forza para non rematar con todo, e podedes crerme que non esaxero. E, a miña pregunta é, e estou a referirme á Policía, por suposto, terían actuado do mesmo xeito de ser un home quen estivese nesta dantesca situación?
Se denunciase este home, poño por caso, o roubo dun coche, e chamara dicindo que estaban alí os ladróns, íanlle preguntar se o coche era seu, se deixara a porta aberta, se pagara o seguro, poño por caso, para rematar dicíndolle que se entendera? Obviamente, todos sabemos a resposta.
Esa mesma noite, despois da súa "inestimable axuda", tiven que volver a solicitala, e a axente, UNHA MULLER!, que atendeu a chamada, despois de comprobar que xa foran moitas as veces nas que pedira auxilio, díxome, literalmente, "Vd. se lo está inventando todo para que le mandemos una patrulla. Llame a la Policía Local". Hai que ser ben malnacida, así de claro o digo.
Imaxinades esta resposta ante un caso de violencia de xénero, no que unha muller está a ser agredida? Pero, nese suposto, tampouco pasa nada. Un minuto de silencio despois, unha foto e aquí nada sucedeu.
A duras penas fun quen de chegar ao Xulgado ao día seguinte, onde, coma sempre sucede, a lo menos na miña cidade, o panorama foi radicalmente distinto. De inmediato se puxo en marcha o protocolo de vítima -que ironías ten a vida!-, recibín asistencia psicolóxica, e foron ditadas unhas medidas cautelares que inclúen, entre outras cousas, unha orde de afastamento durante, como mínimo, un ano. Outra cousa é que se cumpra, claro, pero alí, no Xulgado, si me sentín entendida, escoitada, e arroupada.
Continúo pechada na casa, preciso, naturalmente, axuda psicolóxica, que desde o Xulgado se me está a brindar, e agardemos que non física, porque o meu estado é dunha notable debilidade e síntome totalmente esgotada. Vivo nun estado constante de hiperalerta. Calquera ruído, coma os pasos dun veciño, unha porta que se pecha, é para min motivo de extrema alarma.
O sinxelo feito de escoitar coma os meus veciños marchan traballar produce en min tal pánico que case non son quen nin de respirar. Non me atrevo, por exemplo, a darlle voz á TV cando tento distraerme un pouco porque temo que estean fóra e me escoiten, e outras pegadas que tardarán moito en desaparecer, se é que o fan nalgún momento, algo que dubido... pero son muller, e as mulleres, xa se sabe, non se nos pode crer así coma así.