Móllate polo río dos Gafos

01 de outubro 2016
Actualizado: 18 de xuño 2024

Case que cincuenta anos despois voltamos a mollarnos no río da nosa infancia, Nós, que somos tempo e memoria cando pasamos ou nos lembramos dun espazo que nos lembra a nosa infancia, revivimos un tempo moi importante e feliz da nosa vida, agora cando esmorece o verán ca chegada do outono que a nosa cidade chega nunha locomotora de asar castañas cando escomenzan a caer paseniñamente as follas das árbores que mudan de cor, co agromar dos cogomelos nas fragas e carballeiras cando o monte semella un cadro impresionista.

Mágoa que o tramo do noso río da infancia que imos limpar este cuberto sen luz e nos que desfrutabamos del e forma parte da nosa vida non poidamos devolverlle o favor limpando. Non era o río máis grande nen o millor no tempo de verán case un regato con poucoa auga pero para nós era o Amazonas cando saíamos das sesións de tarde do cine Malvar e colgabamonos das pólas das árbores como lianas cas películas de Tarzán nas de vaqueiros xa era o río Grande que nos protexía dos indios cando aínda nos tiñan enganados e creiamos que eran os malos. Era o Misissipi nas primeiras lecturas cos libros de aventuras de Mark Twain faciamos barcazas de madeira pero con tan pouca auga axiña afundía. Era o Yukón cas lecturas de Jack London aínda que o intentamos nunca atopamos ningunha "pepita" de ouro collíamos as peneiras do millo das nosas casas e o intentabamos peneirando o río que seguro que tiña ouro pois ninguén dubida que o Gafos é un río moi rico e ten centos de tesouros agochados, hai unha lenda que só a coñecemos os que, de cativos, bañamonos nel, que os tesouros do Gafos atópanse no tramo cuberto ao seu paso por campolongo e que só saberemos deles cando o destapen e que lle devolvan a luz que lle roubaron.

O domngo, día 2 ás 10 da mañá, alí estaremos na limpeza do noso río aínda que non poidamos facelo no tramo da nosa infancia. Sentiremos outra vez o arrecendo do mentrasto e fiuncho nas reverdecidas beiras pola choiva caída nestes días, ollaremos como medraron os loureiros e demais árbores que plantaron os de Vaipolorío, se maduraron os figos das figueiras venttureiras e se aínda quedan amorodos das silveiras e apañaremos as primeiras castañas, agardaremos a noitiña. A ver se aínda quedan vagalumes e se medraron os morcegos desde a derradeira vez aló polo verán que os avistamos nunha saída nocturna, foi unha sorpresa para min pois de cativos non lembro de ollalos no río.

No fardel da memoria agora no outono das nosas vidas cando xa temos no balance da vida máis pasado que futuro cando nos decatamos das pequenas cousas que, cando as tiñamos, non lle demos a importancia que tiñan e sempre nos queda a dúbida se fixemos moito ou non o suficiente desde a miña xeración por tratar de impedir que taparan o río dos Gafos ou a instalación da Celulosas na ría pero, aínda seguimos aquí e non nos rendemos e aínda estamos a tempo de recuperar a ría e destapar o río.