O mestre que nos aprendeu as letras da Pontapedre

22 de decembro 2024

O mestre Fernando Rey Vidal, que ben seguro inspirou a novela O mestre de Quiroza, legounos unha valiosa reprodución das marcas de canteiro da ponte de Pedre

Xosé Varela Buela, nado en Cerdedo en 1893 e estabelecido na Arxentina en 1914, enviou ao prelo a finais de 1930 a novela El maestro de Quiroza. Fermín Losada, o personaxe que lle dá título ao libro está inspirado, ben seguro, en Fernando Rey Vidal, que fora mestre de Quireza entre os anos 1894 e 1926 (32 anos de maxisterio). Descoñecemos o porqué da paronimia dos topónimos Quireza/Quiroza, mais intuímos o desexo do autor de distanciarse da realidade.    

Sen poder garantilo, coidamos que Fernando Rey Vidal arribou ao maxisterio dende a sobrestantía (capataz) de Obras Públicas (BOPL, 30-9-1890). 

No xornal pontevedrés El Criterio Gallego do 8 de marzo de 1894 lemos que a Xunta de Instrución Pública tomara a decisión de outorgarlle a escola incompleta de nenos de Quireza a Fernando Rey. A escola incompleta era aquela que non ofrecía íntegra a Educación Primaria. A de Quireza dotábase con 250 pesetas anuais (diñeiro destinado, mormente, a sufragar o alugueiro do inmóbel).

En febreiro de 1895, a Dirección Xeral de Instrución Pública recibe o expediente do mestre Fernando Rey, co que se lle expedirá o seu título profesional (Gaceta de Galicia, 19-2-1895). En abril, o título está ao dispor do interesado na Escola Normal de Pontevedra (El Magisterio Gallego, 15-4-1895).

En marzo de 1899, consonte informa a Asociación Provincial de Maestros de Pontevedra, as mestras e mestres da Xunta local de Cerdedo elixiran a Fernando Rey como secretario (El Noticiero Gallego, 25-3-1899). 

En abril de 1901, Fernando Rey colabora economicamente a favor da homenaxe ao político coruñés Eduardo Vincenti, para quen o Maxisterio e a ensinanza ocuparon un lugar central na seu ideario. Vincenti fora nomeado en 1892 director xeral de Instrución Pública. 

O 11 de marzo de 1903, El Noticiero Gallego (“Órgano de la A. P. De Maestros de Pontevedra”) publica que Fernando Rey, a canda outros dous mestres de Cerdedo, presentaran expediente solicitando un aumento de soldo. Segundo El Noticiero Gallego do 25 de abril de 1903, o mestre de Quireza leva de servizo 8 anos, 8 meses e 24 días. O 25 de xuño, o mesmo periódico informa que o mestre acada as 625 pesetas de soldo anual (apenas 2 ptas. ao día).

En agosto de 1908, A Xunta Provincial de Instrución Pública acepta a proposta da Xunta local de Cerdedo, para que o nome de Fernando Rey Vidal se engada a unha listaxe de mestras e mestres da provincia de Pontevedra premiados por el celo con que atendieron a los trabajos escolares (La Correspondencia Gallega, 14-8-1908). Na vila de Pontevedra, proxéctase para o 23 de setembro a “Fiesta Escolar”, na que as mestras e mestres premiados recollerán os seus galardóns (informa El Noticiero Gallego, 18-8-1908): ...dando comienzo a la hora de diez y media de la mañana en el paseo de la Alameda ... Situadas las autoridades y comisiones en la parte central del paseo, el Orfeón Infantil de la Sociedad Artística entonará un himno y, enseguida, desfilarán los niños ante la bandera, organizándose la procesión cívica que recorrerá las calles de Michelena, Oliva y Riestra para penetrar por el Paseo de Vincenti en el Circo-Teatro, donde se procederá a la distribución de premios y diplomas a los agraciados.

A los maestros premiados damos nuestra cumplida enhorabuena por la distinción de que son objeto... 

A canda Fernando Rey Vidal (escola mixta de Quireza), outros tres mestres con praza en Cerdedo son merecentes da devandita distinción: Xosé Barros Romero (escola de nenos de Cerdedo), Teresa Varela Humia (escola de nenas de Cerdedo) e Plácido Martínez Monteira (escola mixta de Folgoso)

O 27 de maio de 1909, La Correspondencia Gallega informa que o mestre de Quireza contribuíra con 3 pesetas en prol da subscrición para o monumento conmemorativo da batalla de Ponte Sampaio. Os seus alumnos non quedan atrás e achegan 7 pesetas e 90 céntimos. Ben seguro, o mestre dedicara unhas cantas sesións a relatarlles polo miúdo, cen anos despois, o devastador paso do exército napoleónico pola parroquia quirezá e adxacentes: ...As tropas francesas, superiores en número e armamento, conseguen domear as defensas galegas e atinxen, na tarde do día 29 [de abril de 1809], os predios das freguesías de Castro, Quireza, Folgoso e Ventoxo. Portela Pazos escribe: ‘Asasinaron, roubaron e incendiaron casas e palleiros en todos os lugares do tránsito e cometeron outros indicibles atropelos’. O día 30, os milicianos de Montes, ben dispostos nas encostas do Seixo, facendo ruxir os canóns de pau, foron quen de conter o avance francés. Así e todo, o seu paso por Cerdedo saldaríase coa devasta de Quireza, Castro, Filgueira... e a morte de non poucos veciños (Solla, C.: As pedras da tribo. Retrincos II, páxs. 206-7).

O 24 de xullo de 1912, o xornal pontevedrés Progreso publica que a Xunta de Instrucción do concello de Cerdedo felicitara e agradecera o traballo da mestra Aurora González e do mestre Fernando Rey Vidal polos resultados colleitados polo seu alumnado nos exames finais: por el grado de conocimiento que han sabido inspirar a sus alumnos.

En El Noticiero Gallego (25-1-1915), e con data do 7 de xaneiro, lemos que o mestre de Quireza leva no exercicio da súa profesión 20 anos, 8 meses e 24 días. Un mes despois, Progreso, facéndose eco do publicado por la Gaceta de Madrid (antigo BOE), informa que o mestre Fernando Rey ascendera até acadar a categoría das 1.000 pesetas de soldo anual (apenas 3 ptas. diarias). 

O 12 de febreiro de 1920, El Diario de Pontevedra informa do falecemento, na parroquia de Castro, de Avelina Sieiro Simal, cónxuxe de Fernando Rey Vidal, polo que intuímos que o matrimonio residía nesta freguesía, contigua á de Quireza. A defunta Avelina viña sendo irmán do controvertido Constantino S. S., médico de Castro e home forte do riestrismo en Cerdedo.

En xullo de 1921, o mestre volve arrimar o ombro co gallo doutra festa homenaxe a Eduardo Vincenti (El Noticiero Gallego, 11-7-1921). Vincenti falecerá en Madrid no ano 1924.

O 13 de agosto de 1924, o arousán Galicia Nueva informa do ascenso de Fernando Rey. O mestre pasa a percibir un soldo anual de 2.500 pesetas (case 7 ptas. ao día).

En El Noticiero Gallego do 4 de setembro de 1926, lemos: Jubilaciones voluntarias ... ha sido cursada a la Dirección general de 1ª Enseñanza el expediente incoado a instancia de D. Fernando Rey Vidal, maestro de la escuela nacional de Quireza en el ayuntamiento de Cerdedo, en solicitud de jubilación voluntaria. En outubro dese mesmo ano, concédeselle a xubilación. Con, aproximadamente, 32 anos traballados, ao mestre de Quireza correspondíalle unha paga de xubilación do 70% do seu soldo: unhas 1.750 pesetas anuais (146 ptas. ao mes).

En agosto de 1928, o correspondente en Marín do xornal El Pueblo Gallego (12-8-1928) saúda a Fernando Rey Vidal (mestre xubilado) e ao seu fillo Xoán Rey Sieiro (mestre en activo) que, procedentes de Santa Baia de Castro, optaran polos areais marineses para pasar a canícula.

Estabelecido o contexto, retrocedo arestora oito anos no tempo. No Catálogo documental e bibliográfico da Deputación de Pontevedra (ATOPO), no que remexo con frecuencia, achei dúas cartas manuscritas de Fernando Rey Vidal, datadas no ano 1920. As misivas teñen por destinatario o mestre e pedagogo Xoán Novás Guillán (1880-1967), vinculado naquela altura á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Anos despois, Novás acabaría afiliándose a Falange e depurando compañeiros de profesión. 

No segundo dos documentos, o mestre de Quireza, a petición do destinatario, redacta unha descrición da ponte medieval de Pedre, sobre o río Lérez, acompañando o texto cuns debuxos primorosos do alzado da construción e dos caracteres gliptográficos conservados nos seus perpiaños:

Carta 1:

Quireza, Sebre. 2 de 1920

Sr. D. Juan Novás Guillán

Muy señor mío y respetable amigo: En contestación a su última, participo a V. que ante-ayer pasé nuevamente a revisar el Puente de Pedre, y resulta que las piedras antiguas que existen en el pretil en ninguna de ellas veo inscripción alguna. Las que están en el río no pueden divisarse en la actualidad devido al mucho caudal de agua que juntan en dicho puente la confluencia de los ríos de Cerdedo y Quireza. 

En las vacaciones de verano, con algún trabajo, es cuando se pueden reconocer las piedras que existen en el fondo del río, por haber poca agua, pues según me informan, ya están enterradas algunas, y otras las llevó más abajo la crecida de agua.

Cuando venga por esta de visita (si no viene de prisa) iríamos a ver el puente y luego haré lo que V. determine.

Adjunto el oficio y relación de adultos matriculados, a fin de que sea incluido en nóminas. Dispense la molestia y vea en que puede ser útil un agradecido afmo. amo. s. s. q. b. s. m.

Non dubidamos que Xoán Novás lle fixo esta encarga ao mestre de Quireza tras ler o padre Sarmiento. Sarmiento, na súa Viaxe a Galiza de 1745, deixara anotado para a posteridade: Bajé a ver el puente de Pedre ... Es puente sin cal, muy antiguo, de tres ojos. Creo sería el camino de los romanos de Braga a Lugo. En el borde del puente hay letras, y en otra piedra, que cayó en el río, hay otras; pero supe después que las había y así no las vi. Volví después al mismo puente, y me enseñaron, en el plano horizontal del borde oriental, las piedras que tenían letras; pero estaban las piedras tan llenas de moho (que llamaron en el país “gañada”) que sólo distinguí una M, una V y, creo, una R, y no más; tres o cuatro piedras del borde, que cayeron en el río, y aún se ven desde el puente al poniente, dicen tienen letras. Esas se leerán mejor pues no tendrán moho y dicen que en verano se podrán sacar con facilidad a tierra (Solla, C.: Cerdedo na obra do padre Sarmento, 2012, pax. 22). 

Carta 2:

Quireza, Octr. 17 de 1920

Sr. D. Juan Novás Guillán

Muy señor mío y respetable amigo: Adjunto remito a V. los datos que he podido sacar del puente de Pedre.

Dicho puente, como indica la adjunta lámina, lo constituyen tres arcos desiguales, estilo ojival, invadido alguno de ellos, como así mismo las cepas, de hiedras, brezos y otros arbustos.

Su origen parace ser romano.

Los signos que en él se distinguen sitan no en los pretiles, sino en el abovedado de los dos arcos más pequenos; no habiendo signo perceptible de esta clase en el arco mayor.

Existen también algunos gravados de estos, en una cepa de entre los dos arcos más pequeños, como indica la lámina; y aquí no se distinguen todos, sin que se practique una limpieza.

Los aludidos signos, copiados en el orden del natural, se los distribuyo en cuatro planas divididas por linias; correspondiendo cada plana a la bóveda que indica el adjunto diseño del puente; y cada linia a una fila de doelas.

Lo que sí, están muy separados dichos signos, mediando entre algunos de ellos un metro y medio metro más o menos; solo en los casos que indican los subrayados de la primera plana, se encuantran parejas de signos situados como letras para formar palabra.

Es cuanto tengo que decirle sobre el puente; ahora bien, si hicieran alguna interpretación, quisiera saberla también.

Queda de V. su afmo. amo. s. s. q. b. s. m.

Os debuxos elaborados polo mestre Fernando Rey a petición da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra acompañan este artigo. Contemplándoos, non podo ocultar a miña satisfacción. A piques de cumprirse unha centuria, o 13 de maio de 2013, Faro de Vigo publicaba o artigo “Capitán Gosende ao rescate da Pontapedre”. Eis un dos moitos textos que lle temos dedicado á ponte de Pedre, porén, entre outras curiosidades, neste, fixabamos a nosa atención nas marcas de canteiro, nas sinaturas que ás cuadrillas de construtores baixomedievais se lles dera por tallar naquelas pedras: 

A ponte de Pedre posúe uns 60 m de lonxitude. O seu largo oscila entre os 2'95 m e os 3'30 m. A altura dos peitorís acada os 60 cm, aínda que hai seccións nas que non levanta máis dos 50 cm.

A construción érguese encol de tres arcos, lixeiramente apuntados, de disímiles dimensións. A clave do arco mor afástase do leito uns 8 m, a do arco meán, uns 6 m, e a do arco pequeno, uns 4 m. A luz do arco mor é duns 12 m, a do meán é duns 9 m e a do arco pequeno é duns 6 m.

Como ben se deduce, a ponte gaña, arco a arco, dous metros de altura e tres metros de luz.

Polo que respecta ás marcas de fábrica, tras inspeccionar coidadosamente o intradorso dos arcos, rexistramos, cando menos, dez sinaturas diferentes que dan testemuño doutros tantos canteiros. Así que fomos descubrindo a súa obra, se nos deu por referilos empregando os seguintes adeallos: ‘o grampas’, ‘o sete’, ‘o alcaiata’, ‘o hache’, ‘o da cruz’, ‘o te’, ‘o chanzo’, ‘o anzol’... (Solla, C.: A conxura dos Gosende, 2015, páxs. 51-55).  

Coma nos pasou a nós, Fernando Rey non puido levar ao papel os glifos do intradorso do ollo maior, inaccesíbeis por mor da corrente mesmo no verán.

O mestre de Quireza tampouco sería o primeiro en reparar nos gravados. Xa en 1907, o debuxante Henrique Campo Sobrino (1890-1911) aproveitou unha visita a Cerdedo para debuxar a ponte de Pedre e reproducir 13 dos seus signos lapidarios (os do intradorso leste do ollo pequeno, segundo o modelo de Fernando Rey). 

Ao fío, moito se me ten preguntado sobre outro gravado existente na calzada da ponte de Pedre. Aclaro de novo o asunto. Nunha das lousas do piso, Manuel Carballal Iglesias, veciño do Serrapio, labrou o alzado da cara sur da construción: tres arcos en declive e cruz. Acompañou o deseño co seu nome e data: “1937” “Manolo C. I.”. 47 anos despois, alguén engadiu a data “30-7-1984”. Manuel Carballal morreu en Madrid por mor dunhas febres tifoides (quizais o seu óbito aconteceu na data tallada a posteriori na ponte). Manuel Carballal era irmán de Antonio Carballal Iglesias (Antonino). Antonio Carballal, combatente antifranquista; fuxido; foi dedito no Serrapio en xullo do 43: destacado extremista con actuación en la zona roja en la guerra de liberación (El Ideal Gallego, 4-7-1943). Antonio casou cunha filla espuria de Lis Quibén, decisión que, ao parecer, lle salvou a vida. As cruces da Pontapedre (dúas: unha fincada na propia ponte; outra, na encrucillada do camiño) foron obxecto de espolio. O muíño de Sieiro (maquieiro de catro moas), anexo á ponte, foi adquirido por un particular e trasladado a Codeseda en 1986 (ou 87), cadrando coa enxurrada expropiatoria vinculada ao proxecto de construción do macroencoro de Dorna..   

Vou rematando. Xosé Varela Buela era fillo do médico local Manuel Varela Paz e irmán do mestre republicano Francisco Varela Buela, vítima da represión franquista. Nas súas biografías constatamos que a praxe e o talante do mestre de Quireza Fernando Rey Vidal non caeron en fol rachado. Non é difícil percibir a súa influencia no maxisterio de Paco Buela. Por outra banda, emigrado a Arxentina con 21 anos e instalado na capital porteña, un saudoso Xepe Buela publica con 37 anos a novela El maestro de Quiroza. Edicións Morgante preparou en 2019 unha versión traducida e anotada do libro. Con seguranza, o personaxe do mestre está inspirado na figura de Fernando Rey Vidal, xa por ser unha persoa de aquilatado prestixio na comarca (falecido c. 1930), xa polos Varela Buela teren sido alumnos seus.

Agardo que a divulgación deste achado documental, a carón destoutras conexións biográficas e patrimoniais, esperte o interese dos cerdedeses, mais, son consciente de que o son non se transmite no baleiro.    

A Pontapedre (cara sur), na actualidade
Desaparecido conxunto patrimonial da Pontapedre.  ponte baixomedieval, cruz e muíño de Sieiro (Arquivo ATOPO, 1986).
Gravado de Manuel Carballal (ano 1937).
Gravados da porte de Pedre debuxados por H. Campo cara a 1907.
Lámina 1 Alzado da cara norte da ponte de Pedre.
Lámina 8 Marcas de canteiro do intradorso oeste do ollo pequeno.
Láminas 2 e 3 Marcas de canteiro do intradorso leste do ollo mediano.
Láminas 4 e 5 Marcas de canteiro do intradorso leste do ollo pequeno e do tallamar.
Láminas 6 e 7 Marcas de canteiro do intradorso oeste do ollo mediano.