Memoria do patrimonio ferroviario como valor de coñecemento e turismo

22 de abril 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

A memoria histórica do patrimonio ferroviario é un elemento crave para o coñecemento e o turismo de concellos, caso de Vilagarcía, que se viron transformados polo desenvolvemento deste medio de transporte. Valor cultural e social que comprende non só as infraestruturas e os vehículos, senón tamén os testemuños das persoas que traballaron e viviron en torno ao ferrocarril

A memoria histórica do patrimonio ferroviario é un elemento crave para o coñecemento e o turismo de concellos, caso de Vilagarcía, que se viron transformados polo desenvolvemento deste medio de transporte. Valor cultural e social que comprende non só as infraestruturas e os vehículos, senón tamén os testemuños das persoas que traballaron e viviron en torno ao ferrocarril. A memoria histórica do patrimonio ferroviario é, por tanto, un factor de pedagoxía e de identidade colectiva que merece ser recoñecido e protexido.

Por iso, á vista da prórroga de arrendamento con ADIF para continuar usando a histórica primeira estación galega ferroviaria que uniu aquela vía de Carril a Cornes, ás portas do 150º aniversario que conmemorará a súa inauguración o 15 de setembro de 1873; vista a situación que amosa o actual museo, MUFEVI, é necesaria a seguinte reflexión.

O patrimonio de memoria ferroviaria vilagarciá suma o fito de ser a primeira liña férrea posta en funcionamento no territorio galego á par da primeira estación completada; mais tamén o que significou a súa prolongación anos máis tarde. Con todo, é de xustiza social lembrar a importancia que tiveron os Talleres de Renfe e a súa "escola de aprendices" en Bamio. Memoria que debe configurar ese Centro de Interpretación Ferroviaria de Vilagarcía, nos formatos expositivos, didácticos e audiovisuais que o limitado da instalación permite.

Alén de valorar o recordo e a súa historia, a iniciativa turística cobraría unha forza especial se empresas e institucións relacionadas fosen quen de crear un tren turístico de época, entre Compostela e Vilagarcía, con visitas a escoller no traxecto, a xeito de "Tren de Rosalía", asociando á figura da moi popular poeta coa súa estadía en Carril e Padrón.

Con todo, non podemos deixar de citar a necesidade de adiantar o traspaso do edificio desta histórica estación, de ADIF ao Concello, e vincular esta operación ao tratamento urbanístico do espazo territorial que ocuparon aqueles talleres, agora baldeiro, no PXOM en trámite.