Medo dos meus "protectores"

06 de abril 2025

Unha persoa bota días e máis días no seu domicilio, illada, sen luz, sen gas, sen auga, o que implica fame, sede, frío..., ou, dito doutro xeito, desnutrición, deshidratación, hipotermia, e todo isto nun constante estado de pánico

Seguramente algúns de vós recordaredes a tremenda situación de acoso que estou a vivir, que relatei neste mesmo espazo a pasada semana, e que me ten sumida nun estado de absoluto terror.

No meu caso, non podo por menos que dicir que tras o paso polo Xulgado foron adoptadas unhas medidas cautelares, creo que moi correctas, e que se non foron máis estritas e rotundas foi pola miña causa, xa que, dado o precario estado emocional no que me atopaba, omitín algúns detalles que agora me decato de que terían sido fundamentais para garantir a miña seguridade, algo que teño intención de reparar en canto sexa posible, ben ampliando a denuncia xa existente ou interpoñendo unha nova.

En calquera caso, reitero, as medidas adoptadas polo momento son, creo, as correctas, e inclúen, entre outras, unha orde de afastamento, inicialmente por un ano. Ningunha parvada, como é doado deducir.

Outra cousa, naturalmente, é que se cumpran, e, como era de agardar e máis que previsible, esa orde xa foi quebrantada en varias ocasións, co cal continúo a vivir no pánico máis absoluto, xa que nunca, desde o primeiro momento no que pedín axuda e chamei á policía advertindo destes quebrantamentos, se me prestou nin ninguén acudiu ao meu domicilio.

É máis, nin sequera se me escoitou, seguindo a tónica da súa conduta antes de que se adoptaran estas medidas, que, agás na primeira ocasión, nas seguintes, malia presentarse algunha vez, me trataron coma se estivera absolutamente tola, sen prestarme ningún tipo de axuda, para, con posterioridade, despois das miñas reiteradas chamadas ao 091, non escoitarme, negarme todo auxilio alegando que ese teléfono é tan só para emerxencias, e se ve que o quebrantamento dunha orde de afastamento non ten a categoría de tal, aínda que insistín en que quen estaba a quebrantala se atopaba na porta do meu domicilio, e mesmo acusarme de mentir.

Naturalmente, a miña intención é actuar en consecuencia, e dou por sentado que esas chamadas quedan rexistradas. Agora ben, e que me perdoen se estou errada, se me piden que xure que estou convencida de que tales chamadas non foran xa ou vaian ser manipuladas, mentiría se dixera que si, xa que de seren reproducidas literalmente, sería, como mínimo, para provocar algún cese inmediato, e reitero, como mínimo, xa que a súa inhumana resposta implicou un risco máis que certo para a miña vida.

Pero non queda aí a cousa, e vou contar un detalle que, creo, reflicte perfectamente a "axuda" real que podemos agardar, ou, polo menos, no meu caso, así foi e está a ser.

A segunda vez que a policía acudiu ao meu domicilio despois de suplicar auxilio nin se sabe cantas veces, explicarlles que xa existían unhas medidas cautelares aprobadas esa mesma tarde, algo que lle ratificou a xuíza telefonicamente a un dos axentes, como el mesmo admitiu, e que eu descoñecía, e malia ter constancia de que, por tratarse dun caso de acoso inmobiliario, no que os "encargados" de "convidarme" a marchar da miña vivenda son unha empresa de desokupación (e, reitero o que dixen a pasada semana, non son "okupa" nin nada que se lle semelle), cuxos "métodos" son máis que coñecidos por agresivos, mafiosos e que pasan, entre outras prácticas brutais, polos cortes de subministracións, o cal imposibilita pedir axuda desde o momento que o teléfono se descarga, xa que, evidentemente, non se pode volver cargar, ademais de impedir o acceso de calquera persoa que poida proporcionar ao afectado alimentos, ou axuda de ningunha clase, de explicarlles que levaba naqueles momentos xa máis dunha semana nesas condicións e que apenas podía manterme en pé, canto fixeron foi esixirme, un dos axentes, que lles amosara as miñas facturas de auga e luz, para confirmar que estaba ao corrente de pago, esquecendo, polo que se ve, que eles non poden esixirme nada e que a súa única obriga é asegurarse de que as medidas xudiciais se cumpren, algo que non fixeron, pero, e, para min, isto é o peor de todo, en ningún momento me preguntaron se precisaba asistencia médica, nin moito menos ma ofreceron.

Penso que isto fala por si mesmo.

En canto viron as facturas marcharon, e ata hoxe, se te vimos, non nos lembramos, e se estás morta ou viva non é algo que nos preocupe. Tampouco se a orde de afastamento está a cumprirse, obviamente.

Tede en conta a situación, poñédevos en contexto, por favor. Unha persoa bota días e máis días no seu domicilio, illada, sen luz, sen gas, sen auga, o que implica fame, sede, frío..., ou, dito doutro xeito, desnutrición, deshidratación, hipotermia, e todo isto nun constante estado de pánico.

Non é nada desatinado augurar que esa persoa acabará por enfermar, ou, dependendo do seu estado, ao que hai que engadir, insisto, porque é moi importante, o pánico constante ante as medidas "de presión" e "mediación" deses matóns, acabe por falecer, pero a policía, no caso de que acudan, que xa é moito supoñer, ten cousas máis importantes das que preocuparse, como se a persoa afectada e nun grave risco pagou a luz e a auga.

Tal vez vos preguntaredes como é posible que eu sobrevivira e estea a facelo a tales atrocidades. Pois, en primeiro lugar, porque, malia que me atopo moi débil, debo ter unha natureza moito máis forte do que me imaxinaba, e, principalmente, porque teño a inmensa fortuna de contar con dúas amigas, ou, máis ben, debería dicir xa irmás para sempre, que son auténticas "Superwomen" e que, aínda poñéndose en risco, non permitiron, dentro do posible, que me faltase de nada, polo que nunca carecín de alimentos, todo o contrario, nin tampouco de auga. Outra cousa é que, loxicamente, dado que non podía cociñar, tampouco, en consecuencia, tomar nada quente, que moita desa comida acabou por podrecer, xa que o frigorífico estaba inutilizado, e, se hai algo que creo que non esquecerei na vida é o frío, ese frío que me penetraba ata os ósos, que non conseguía paliar por máis roupa ou mantas que puxera enriba de min, e que estou convencida de que me deixará máis dunha pegada.

O peor de todo é que eu, como calquera persoa que pase por unha situación similar, de cara ao xuízo, estou totalmente vendida, xa que se vai chamar a declarar, como é lóxico, os axentes que acudiron ao meu domicilio, e dos que é doado deducir, non vou obter nada favorable para min, e que dirán que, efectivamente, non tiña luz, non tiña auga, pero que nada máis viron, nin tampouco a ninguén que estivese a acosarme.

É máis, teño constancia de que alguén do edificio, vinculado profesionalmente aos meus acosadores, cando viñeron reparar o contador da luz para restablecerme a subministración, llelo impediu, alegando que todo isto se debía a "disputas veciñais", co cal marcharon por onde viñeron sen reparalo. Naturalmente, isto é totalmente falso, e teño que dicir que a miña relación cos veciños sempre foi e segue a ser estupenda, como tamén sei que algúns deles, que me axudaron, están a ser coaccionados para que non o fagan se llelo solicito en ocasións futuras.

E todo isto na presenza da policía, que deron por boa esa versión, sen escoitarme para nada, e, obviamente, sen axudarme.

Conclusión? Teño medo dos meus acosadores, pero aínda máis dos meus "protectores", e penso que motivos non me faltan, non si?

 

Asociación Si, hai saída